Hai dúas cousas que creo podo asegurar sen medo a trabucarme: os mestres non pedimos o coronavirus; o presidente autonómico e/ou o do estado tampouco. A máis, podería engadir que todos estamos a reaccionar o mellor que podemos ou sabemos. Fálase nestes días da labor que están a desenvolver médicos, exército, empregadas dos supermercados, etc, etc. Aínda non lin nada sobre como os docentes foron quen de pórse en marcha e facer escola sen ter o alumnado diante. Nunha semana, está todo a funcionar. Cadaquén como sabe. Mellor dito, cadaquén igual ca como viña facendo ata o de agora, coa diferenza de que antes era de modo presencial e agora virtual.
Pero aí vén de volta a desconfianza cara o corpo de ensinantes: porque mandan moitos traballos ou porque non mandan ningún. Nunca damos no cravo. Sempre hai alguén disposto a desvalorizar o que facemos. Os chats e foros de pais botan fume entre os fan responsables aos mestres de que os seus fillos perdan o curso e os que din que non poden conciliar a súa vida profesional, persoal e familiar por estar todo o día axudándolle nas tarefas escolares. Coma sempre, malia que nos gabamos de moi solidarios e que saímos ao balcón a aplaudir por todo, se os cativos van ben é mérito dos pais, se van mal, culpa dos docentes.
As peores críticas sempre proveñen daqueles que queren facer política barata aínda a pesares de estar nunha situación crítica. O que non se decatan é de que nese seu afán de fundir aos adversarios políticos están levando por diante a labor de milleiros de persoas que actuamos por profesionalidade, por humanidade ou por inercia, alleos ás liortas políticas de pouca monta.
E isto que consecuencias ten? Pois miren, o que non facía nada antes, vai seguir sen facer nada agora, entón quizais non sexa o momento máis oportuno para andar enredando. E os que están a facer vanse cansar de que os anden fiscalizando, de que lle pidan contas do que fan, a que horas o fan, se dedican toda a xornada a traballar pola escola ou se de cando en vez levantan a mirada para ver os xornais, para mirar pola fiestra, para interesarse polos achegados que teñen lonxe, si a dedican a axudar aos fillos que teñen na casa ou a preparar o xantar.
Podo asegurar sen risco a enganarme que nestes días houbo máis debate pedagóxico entre os equipos docentes ca en moitos dos Claustros ordinarios desenvolvidos ao longo do curso. Decátense de que estamos a expoñernos a través dun escaparate, a máis, non enredamos con elementos como celebracións, festivais, desfiles ou minucias diarias que, en moitos casos, son o cerne de tales reunións. Estamos ao que estamos, a facilitarlle a continuidade do curso académico aos rapaces e a vida aos seus proxenitores, a máis de a gañarnos dignamente o noso soldo.
Así que, se mo permiten, vou dicirlle aos “pegacarteis” que se dedican a facer política de silveira, chamando á Inspección ou escribindo en foros, que se poñan tranquilos, polo visto non vai haber eleccións polo de agora. Descansen, durman, fagan o que facemos todos: ler poesía, ver documentais, escoitar música, cociñar, limpar, arrombar a roupa dos armarios…, e sobre todo, deixar as doutrinas aparcadas e dedicarlle ese tempo aos seus fillos. Ter a valentía de mirar cara dentro, e non esquecerse de agradecer ao profesorado todo o que fai día a día.
E isto vai para todos os que pretenden xulgarnos: a desconfianza non xera máis ca desconfianza e créanme, non está o forno para bolos.