O virus das metodoloxías reprodutivas

accionpoetica6-9_g

Nestes estraños días as mestras de infantil atopámonos nun dilema: temos que facilitarlle traballo on line ao noso alumnado ou damos recomendacións. Traballo on line tan só poden ser fichas para completar, repasar, colorear ou recortar. A outra opción que se está a adoptar é facilitar ligazóns web onde atopar recursos e xogos “educativos”. Máis do mesmo pero coa pátina do tecnolóxico.

De non facelo, alguén podería reclamar porque non estamos a facilitarlle as aprendizaxes e continuidade académica a nenas e nenos. Viríase a corroborar que os mestres somos uns langráns que só estamos para coller días libres; sexa por virus, por temporais, por festivos, pontes, vacacións ou horario, din que o noso calendario é dos máis envexados polo resto dos traballadores. Temos que salvar a imaxe corporativa, e aí estamos nós mandando fichas decimonónicas para descargar e imprimir e así ter aos cativos enredados.

De non facelo nós, abonda xente “de boa vontade” que está a poñer os pequenos ao rego. Que non perdan o tempo; a rede está chea de ofertas das que poden botar man os pais para que os seus meniños non perdan a posibilidade de ir a unha universidade de prestixio. Os que máis se están esmerando son os que se xogan a clientela, as editoriais de material estandarizado.

Así, a máis de estar contaxiados co COVID-19, quedaremos infectados polos virus das metodoloxías reprodutivas. Coinciden os dous virus en que non teñen patas, móvenos as persoas que con boa intención van dun lado a outro inoculando por contacto algo que tarda en manifestarse pero queda aí latente, afectándonos aos máis veteranos, aos que vivimos xa moitos avatares pero mantiñamos acesa a chama das metodoloxías activas. As consecuencias de ambos marcarán un cambio de época. Nada volverá a ser igual.

Unha vez máis estamos a desaproveitar unha ocasión. Culpa nosa e culpa das familias. Os pequenos, coitadiños, farán o que se lles pida. Serán bos robots, copistas, amanuenses ou o que queiramos en troques de aproveitar para ser bos fillos, bos cidadáns, boas persoas, bos pensadores… Non é asunto trivial. Non deberíamos tomalo tan a lixeira deixándonos levar polas forzas que nos arrastran a onde nunca nos deixaríamos ir.

Nós, miña irmá e máis eu, non nos escolarizamos ata os seis anos, daquela non había nin párvulos, nin preescolar nin infantil así, coa visión de hoxe, “perdemos” a nosa marabillosa infancia na casa coa nosa familia. Tivemos a sorte de que a nosa nai poñiamos ao seu carón tanto a limpar o po, como a axudarlle a facer as camas, amasar empanadas, sachar na horta, debullar chícharos, escoller lentellas ou coser botóns, mentres nos contaba contos ou nos cantaba cancións ou dicía “espertarnos os sentidos” poñéndonos a ulir o recendo das flores. Cando iamos co noso pai, dicíanos o nome de todas as árbores, das vacas, dos tempos das colleitas, aguantabámoslle do recolledor mentres el varría coa vasoira ou da chave de paso mentres regaba as plantas; el sen palabras nin consignas, tan só coas súas accións, falábanos do respeto ao medio e aos recursos naturais. A nosa tía enchíanos o maxín de contos tradicionais mentres nos levaba a moer ao muíño ou no carro ás leiras. Os nosos avós falábannos da xente dos seus tempos, do que celebraban, do que lembraban e do que querían. E nós, os irmáns, coidabamos os uns dos outros, un pouco xogando e outro pouco pelexando. Vivíamos e conviviamos, medramos e aprendemos, espelímonos e valoramos esas aprendizaxes. Cremos que somos o que somos grazas á infancia que tivemos.

É do que nos lembramos e non das tarefas escolares. Andando no tempo e coa mirada deformada pola profesión, decatámonos de como nos entraban os conceptos matemáticos cando nos mandaban poñer a mesa cos pratos, vasos, garfos e coitelos para todos ou cando iamos buscar os ovos ao galiñeiro; de como comprendemos a secuencia temporal ao ter que organizar as nosas accións para non ter que repetilas; de como comprendemos a simetría cando tiñamos que dobrar a roupa que recollíamos do tendal ou emparellar calcetíns; de como exercitabamos a lingua oral cas adiviñas, trabalinguas ou cantigas que recitabamos; de como estimulaban a nosa autonomía e autoxestión persoal dándonos encargos; de como adestramos a motricidade fina debullando millo para as galiñas; ou de como vivenciabamos os afectos e aspectos emocionais a través das relacións.

E aquí estamos. Aparentemente non presentamos ningunha eiva malia que non fixemos fichas todos os días. Así que reláxense. Vivan estos días como familia. Apaguen os dispositivos e pantallas. Falen, comenten, debatan. Traballen xuntos, compartan as tarefas. Deixen que os pequenos estean ao seu carón, non traten de apartalos para así poder facelas más rápido, pensen que o que nos sobra agora é tempo; aprovéiteno cos seus fillos. Non o perdan descargando fichas e castigando aos cativos facéndoas. É a oportunidade que nos brindan estos tempos convulsos. Pode ser tan positiva no eido familiar coma no experiencial.

E nós, as mestras defensoras das metodoloxías activas, da aprendizaxe significativa, do valor das experiencias cotiás, da didáctica de proximidade, de partir dos intereses do alumnado…, neguémonos a participar neste despropósito educativo. Non sexamos portadoras do virus das metodoloxías reprodutivas. Non actuemos coma máquinas dispensadoras de fichas. Non intentemos ser bos robots, porque por fortuna, os bos mestres non se poden clonar nin substituír por máquinas por moito que haxa quen se empeñe en facelo.

Que o día de mañá lembremos este tempo como unha oportunidade de volver ao básico, ao achegado e ao fundamental nas relacións familiares e sociais, dependerá en gran medida daquilo ao que nos dediquemos. Así será tempo perdido ou ganado. Nós eliximos!

3 Comments

  1. Sempre brillantes…comparto o 100% da vosa reflexion..son PT e estou na mesma tesitura…pensei en doar o meu soldo á sanidade pública, ou ós traballadores que o precisen que serán moitos…espero que xa o fagan por min. Sen nen@s non podo traballar, pode estudar, ler pero faltanme os fundamnetais. Podo seguir intentado poñer parches sobre todo de calma e de esperanza.
    Tamén son nai e neste caso ós seus 11 anos gústame que se aburra porque neses momentos inventa, crea e busca o que a el lle gusta facer. Deixemos tamén tempo para que se aburran!!
    Saúdos e grazas¡¡¡.

    1. Lidia agradecemos moito o teu comentario. Cremos que é algo no que todas e todos coincidimos, porén non podemos deixarnos levar por un activismo sen sentido. Parar, aprender a non facer todo a toda présa tamén é unha aprendizaxe vital. Apertas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s