Presentacións "O latexo dunha aula infantil" nas facultades de Santiago e Lugo

Un dos recordos que gardo de cando fixen Maxisterio é o da visita dunha parella de mestres que viñeran a contarnos ao estudantes como traballaban eles as matemáticas partindo dos materiais cotiás, ao que lle deran o nome da Batería Suso. Nunca máis volvín saber deles, non lembro a zona pola que traballaban, creo que era alá por Arzúa ou Melide pero non podería aseguralo. Se alguén pode aportar máis datos agradeceríallo. O que si lembro é que deixaron unha gran pegada en min, tanto polo que amosaban como polo entusiasmo e compromiso que transmitían coa escola, co rural e coa formación dos novos mestres. Aquela oportunidade de ver mestres con paixón marcoume máis ca calquera das leccións que recibín nese período universitario.

Emporiso, cando nós empezamos a presentar os nosos libros, falamos coa editorial Galaxia, e dixémoslle que só o faríamos nas facultades, que ese era ao público que queríamos chegar e aportarlle o noso gran de area á súa bagaxe formativa. Como afortunadamente temos amigas e amigos en todas os centros de formación do profesorado de A Coruña, Lugo, Ourense Pontevedra e Santiago xa o fixemos con “Os fíos de infantil” e agora con “O latexo dunha aula de infantil. Eloxio do cotián”. Como non se trata tan só de presentar o libro, ofrecémoslles a posibilidade de impartir unha charla ao alumnado.

Temos que dicir que a receptividade é marabillosa, malia que sempre nos advirten que agora non é doado reunir ao alumando polas tardes: a diversificación das materias, os pequenos grupos e diferentes horarios, parece que dificulta moito xuntar numeroso público. Aí non poñemos ningunha obxección, lamentamos que haxa profesorado que non considere tan importante coñecer as experiencias dunhas mestras coma seguir co seu temario e que haxa alumnado que non queira acudir polas tardes, pero debe ser mal común porque acontece igual por todas partes. A máis, malia que nolo ofrecen garantindo máis asistencia, negámonos a ir polas mañas; dicimos que é moi sinxelo de comprender: nós somos mestras, o noso principal traballo é na escola cos nenos e nenas pola mañá e agás casos moi excepcionais, coma cando imos a fóra e debemos viaxar por varios días, non podemos ausentarnos, mal exemplo daríamos.

Con “O latexo…”, iniciamos a xeira en Santiago. O profesor Eduardo Fuentes foi o encargado de argallar a xuntanza o pasado día 18 de febreiro. Para nós, sempre é moi emotivo estar nese lugar no que estudamos e no que agora imos a contar a nosa experiencia. Por riba tivemos un montón de sorpresas, algunhas que nin sequera poderíamos imaxinar, as reviravoltas da vida!

A presentación que nos dedicou Eduardo Fuentes é desas que te deixa superada e non acabas de crer que estean a falar de ti e da túa obra. Que por riba estiveran presentes moitos dos que foron os nosos profesores, non ten prezo. Ver alí a mozas que foron alumnas nosas en infantil e agora son mestras ou futuras mestras é toda unha satisfacción como o foi o reencontro con compañeiras e coñecidas ás que levamos tempo sen ver. Pero o auténtico agasallo dese día foi atopar entre o público a Alicia López Prado.

Hai xa máis de trinta anos caeu nas miñas mans un libro tan inspirador coma revelador, un referente de escola comprometida co medio e coa comunidade. Titulase “A historia da pita que elixiu a nosa escola pra poñer: contada polos propios escolinos de Os Prados, Cervantes, Lugo”, publicado en Galaxia no ano 1985. Cando lin ese libro eu estaba dando os primeiros pasos como mestra nunha escoliña en Muros, tanto o miraba que a bibliotecaria decidiu agasallarme cun exemplar, dende aquela sempre teño esa escola en mente como ideal de comuñón  entre a vida cotiá e a vida escolar. Pero nunca tivera a oportunidade de atoparme coa súa autora, a mestra Alicia López Prado. Ata ese día que veu escoitarnos e pedirnos que lle dedicaramos os nosos libros que seica tanto agarimaba. Xa podedes imaxinar a emoción do momento. Algo máis que agradecerlle a Eduardo Fuentes que foi o mediador.

Tras dúas horas e media partillando cos asistentes, o serán non puido ter mellor remate que asistir á presentación do monográfico 74 da Revista galega da Educación, “Filosofía para nenas e nenos”, coordinado polo amigo Javier Rouco Ferreiro que estaba acompañado de Mar Santiago Arca, de Antón Costa, Jesús Merino e polo decano da facultade de Filosofía, Marcelino Agís Villaverde. Tardes para o recordo.

Igual de agarimosa e memorable foi a presentación na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo o día 5 de marzo, da man dos profesores Eugenio Otero Urtaza e Vicente Blanco Mosquera que xunto con Salvador Cidrás, sempre nos acollen facéndonos sentir coma na casa. Alumnado, ex alumnas nosas, amigas nosas e deles, configuraron unha sesión participativa, un partillar entre amigos sobre aquilo que nos ilusiona e é o eixo das nosas vidas: a educación.

Escoitar as palabras que nos dedicou Eugenio, el que tanto sabe das escolas e dos mestres senlleiros, fixeron que sentiramos totalmente recoñecidas polo noso traballo. Aínda hai poucas semanas que visitamos a exposición “Laboratorios para una nueva educación” da Fundación Libre de Enseñanza, da que el é un dos comisarios. É unha persoa da que sempre se aprende; sen ir máis lonxe, nesa presentación falounos do autor dunha das citas que recollemos no libro, un discípulo de Francisco Giner de los Ríos, o que fora ministro de educación na República, o pedagogo Domingo Barnés e da mestra pontevedresa Ernestina Otero, que dirixiu a Escola de Maxisterio durante a Segunda República. Como anécdota, contounos tamén a orixe da canción “Cumpleaños feliz”, obra escrita polas irmás estadounidenses, as mestras Mildred de Patty Smith, inicialmente como canto de bos días para o seu alumnado.

Moito que agradecer tamén a presentación de Vicente Blanco, con quen tanta sintonía temos e ao que xunto con Salvador Cidrás tanto admiramos pola achega que fan á formación artística do seu alumnado e do profesorado. O seu blog Escola Imaxinada e o seu libro “Educar a través da arte” é un referente inspirador para nós.

Como dicimos sempre, nunca chegamos a facer debidamente o noso cometido, pois máis ca presentar un libro imos a xuntarnos con amigos e a aprender os uns dos outros. Quizais sexa iso o bo desas ocasións!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s