
Se alguén nos dixera no 2010 que InnovArte Educación Infantil chegaría a ter dez anos, custaríanos crelo. Pero aquí estamos unha década despois con toda as experiencias que nos proporcionou o blog desde o primeiro día.
En primeiro lugar temos que agradecer todas as persoas e profesionais da educación coas que puidemos conectar unindo inquedanzas, desexos, vontades e esperanzas. A familiaridade e confianza coa que partillamos cos seareiros é froito das sinerxías que se xeran de compartir unha visión común da educación da infancia. Ás veces, vémonos abrumadas cando nos vén saudar alguén que di seguir o blog e xa deseguido pasamos a falar de experiencias de aula ou de recomendacións. Non acadaríamos o coñecemento se non fora por todo o que compartides con nós.
Mentiriamos se negaramos que todo o que veu despois o debemos a InnovArte. É certo, os premios e recoñecementos, as publicacións, as participacións en eventos formativos e outras colaboracións, son froitos do blog. Así, ás veces, mesmo nos presentan como as InnovArte, coma se dunha marca se tratara, e non nos molesta porque non é a dun negocio senón unha creación altruísta. Calquera que se enfronte ao esforzo de escribir e de manter actualizada unha bitácora ben sabe o que isto supón, aínda que logo se vexa compensado coa boa opinión.
Non podemos agochar a nosa satisfacción por crer que aportamos algo á calidade da educación infantil. Nos momentos nos que nos fallan os folgos ou o ánimo é o único que tira de nós: a obriga profesional de compartir coñecemento de campo, sen adobíos, sen trampa nin cartón, sen outra pretensión que axudar no camiño que ten que emprender cada mestre e cada mestra. Non queremos máis ca propiciar a reflexión. Dicimos sempre que ninguén pretenda reproducir nada do que nós facemos, pois non son receitas, tan só mostras dunha maneira de facer procurando manternos fieis aos principios pedagóxicos, ao compromiso ético e social dos docentes, sen sucumbir a modas sen fundamento.
Malia que rexeitamos moitas ofertas de participar en formación ou foros, nunca nos negamos a axudar aos que están comezando os estudios que os conducirán a ser profesionais da educación infantil en calquera dos dous ciclos. Nada nos gusta máis ca alumear o camiño dos que empezan, contándolles o bo e o non tan bo, porque non cremos que haxa que mostrar unha fantasía senón unha realidade que ás veces é doce e outras non tanto. Gústamos dun ton optimista sen incorrer en espellismos que non fan máis ca xerar frustración nos que non son quen de acadalos.
Se defendemos que nas aulas non podemos estar supeditadas ás programacións que se fan de antemán, e sabemos que a vida non cómpre planificala porque sempre nos sorprende…, tampouco sabemos ben que vai pasar en diante, quedaremos á espera de celebrar un ano máis de InnovArte e xa se irá vendo…
Ao longo destes dez anos cambiamos tan só dúas veces a estética do blog en aras de facilitar que se chegue a toda a información que hai aloxada. O que mantivemos inalterable dende o principio foi a nosa fotografía de cabeceira, Spiral Jetty, é a nosa imaxe identificativa. Esta obra emblemática do Land Art creada por Rober Smithson en 1970 no Lago Salgado de Utah, sempre non engaiolou. Supoñemos que o seu primitivismo e sinxeleza explica en parte a nosa admiración ao igual que sucede cos símbolos se atopan nos petroglifos. É máis, no seu momento dubidamos entre Spiral Jetty e Laxe das Rodas en Muros; malia os vínculos que mantemos co patrimonio muradán, acabamos por decantarnos polo americano, e dende aquela cada aniversario subimos fotografías ou vídeos recentes do muelle espiral. Nalgunha ocasión xa dixemos que nos identificamos con esta obra que foi creada nun lugar afastado e inhóspito adrede, Robert Smithson só quería que fose coñecido a través de documentos gráficos pois era unha maneira de rebelarse contra o mercantilismo que rodea o mundo da arte, as galerías e marchantes. Quería tamén crealo con materiais naturais propios da zona coa menor manipulación, e quería que fose envellecendo co paso do tempo e que “vivira” os cambios derivados da intervención dos elementos: os períodos de seca, de enchente, o frío, o vento…, a contaminación, etc.
Nós pretendíamos dende o primeiro momento que Spiral Jetty fose unha analoxía de InnovArte. Sabemos de certo que a espiral nos sobrevirá, ogalla, pero mentres exista o blog, será a nosa imaxe.
Dende Kalandraka, noraboa por esta década de InnovArte… E parabéns polo traballo realizado, tan necesario e inspirador. Que ao longo dos anos vindeiros nos sigamos atopando na espiral da educación, dos libros e da lectura.
Agradecidas e honradas polo voso apoio amigos. Cadaquén aporta dende onde pode, nós na escola, vós na edición…, se todos procurasen dar o mellor de seu no campo de traballo, o mundo sería ben diferente. Mil grazas amigos