Tras moitos desvelos “O latexo dunha aula infantil” saiu do prelo o día 29 de novembro, o 30 xa estaba no Culturgal e o 12 de decembro fixemos a presentación oficial na nosa terra, na Casa de Cultura de Bertamiráns. Quixemos que fora aquí, onde nacemos, estudamos de nenas e agora vivimos e traballamos, abeiradas por todas aquelas persoas que ben nos queren, os nosos veciños, as amizades da nosa familia, as nosas amigas, compañeiras de traballo, alumnado e as súas familias. “Xogabamos en campo propio”, tal e como dixo a nosa amiga Ana, o que fixo que nos sentiramos moi agarimadas e o noso libro non puido ter mellor acollida. Nun salón de actos ateigado malia as inclemencias do tempo, dedicamos as palabras que seguen e que veñen a recoller o noso sentir.
Coma sempre, entre nós as dúas repartímonos a presentación, Isabel ocupouse dos agradecementos e eu tiña o encargo de falar do libro; coma sempre falei de todo menos do libro, aínda que si deixei constancia das ideas que o vertebran.
Acompañáronos na mesa persoas que nos queren ben e que estiveron pendentes de cada paso que fomos dando ata ver concluído o libro: José Manuel Pinal, Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación; José Miñones, Alcalde de Ames; David Santomil, Concelleiro de Educación; Susana Señorís, Concelleira de Deportes. Estaremos en débeda con eles polo apoio que nos amosan sempre en cada unha das nosas iniciativas.

Sentímonos moi felices de que na primeira fila estaban boa parte dos vinte e oito nenos e nenas que integraron a promoción 15_18, xa que logo son eles os auténticos protagonistas de “O latexo dunha aula infantil”.
Malia que son longas as nosas intervencións, queremos reproducilas ao completo pois cada unha das nosas palabras reflicten o agradecemento a todas aquelas persoas que comparten con nós os seus latexos.
Boa tarde e mil grazas por estar hoxe na presentación do noso novo libro. Sentirnos agarimadas e o voso caloroso acompañamento fai que esquezamos todo o fatigoso proceso que nos trouxo aquí.
Dicimos sempre que isto é coma un embarazo, cóllese con moita ilusión o novo proxecto, pero logo hai moitos desvelos, sobresaltos e mesmo pequenos desgustos, ata que lle vemos a cara á criatura…, daquela esquecemos todo e empezamos a velo medrar e a ver como vai dando os primeiros pasos polo mundo adiante.
Pois ben, o libro xa estaba en mente aló polo verán de 2018, cando nun encontro en Barcelona con Tona Castell, directora da revista In-fan-cia, concluímos que había que darlle unha volta. Deixamos pousar a idea ata novembro cando establecemos a nova estrutura, título e estilo, que tanto nos gustou que lle demos remate co fin de ano. Dende aquela, iniciou todo o proceso de revisión, aprobación, maquetación… que deu lugar a que hoxe esteamos aquí coa edición en galego coa editorial Galaxia; a primeiros de ano en Barcelona coa castelán coa editorial Octaedro e en xullo en portugués brasileiro con Phorte editorial no Brasil. Así como algunha outra máis que polo de agora non imos a contar… pero que nos enche de ilusión.
Non sabemos como será o proceso de creación para un escritor porque nós non somos escritoras, somos unhas mestras que escribimos do que facemos, somos cronistas do traballo das aulas, pero o que vos podemos dicir é que malia ser moi laborioso, estar hoxe aquí coa nova criatura é todo un orgullo para nós e para a educación infantil que defendemos e pola que levamos a traballar xa fai trinta anos.
Dito isto, supoño que algúns de vós vos preguntaredes que significa este mapa que nos acompaña; outros moitos xa o sabedes…
Chámase “Camiños” e vén representar o percorrido diario que fixeron vinte e cinco nenas e nenos dende as súas casas á escola e da escola á casa ao longo dos tres anos que foron os nosos alumnos. É unha metáfora téxtil creada pola nosa amiga Charo Belda que quixo plasmar a través desta obra ese proceso de medra, de enriquecimento mutuo, de saberes que entran e saen. Ela quixo reflectir o fluxo de que debe darse nunha escola coas portas e ventás abertas… tanto para recibir coma para deixar ir.
Se o vedes en detalle, cada camiño ten un código de cor diferente para cada neno e nena, porque aínda que adoitamos falar deles coma dun grupo, en realidade son vinte e cinco identidades, vinte e cinco singularidades, vinte e cinco maneiras de ser, de estar, de vivir e de entender a vida, en grande medida froito da interacción coas súas familias, veciños e coa cultura de seu. Algo ao que podemos pecharlle as portas da escola… ou ben abrilas e deixar que nos nutran co que traen enriba. Como expoñemos no libro, nós optamos por pór en valor esas súas achegas.
Pois ben, esa é a escola que nós defendemos:
-unha escola aberta á comunidade… para fóra e para dentro,
-unha escola que respecta a diferenza,
-unha escola na que o coñecemento non é máis que a expansión do que os pequenos van descubrindo,
-unha escola na que os saberes, os valores, os sentimentos e os afectos nacen da vida cotiá, non son leccións a impartir, nin temarios a completar.
Defendemos o que demos en chamar as escolas de proximidade, termo tomado do que agora chaman “mercado de proximidade”, entre nós… os ultramarinos de toda a vida; aquelas tendas onde había un pouco de todo o que se precisaba, nada que non fixera falla, só o que era valioso para as persoas da comunidade; establecementos onde te coñecían e mesmo tiñas conta, nos que vendían produtos locais, de tempada, sans, saudables; sitios onde a xente ía tanto a buscar o que non podía criar na casa coma un lugar de relacións. Tendas que sen estratexias de marketing, sen publicidade, ser presentacións de cara o escaparate, eran absolutamente imprescindibles para a comunidade.
Avogamos polas escolas de proximidade nas relacións, nos afectos, nos saberes, no trato… Nun mundo coma no actual no que a globalización nos permite pórnos en contacto coas antípodas do mundo, nós queremos fortalecer os vínculos de proximidade.
A miña irmá Isabel e máis eu somos coñecidas por ser unhas activistas dunha escola con corazón, da que sente, latexa a palpita. Sen mexericadas, coa vida real, sen as ficcións nin as fantasías que arestora invaden a vida dos cativos. Renegamos da escola momificada, das escolas sen sentido, e das escolas cuxo ritmo está marcado por quen non nos coñece nin ten máis interese ca facer negocio, daquelas nas que os sentimentos son emoticonos en autocolantes, nas que as emocións se clasifican en cores, das que son copia doutras. Nós, defendemos o que chamamos didáctica de autor, na que en base ao coñecemento profesional que posuímos, visto todo o que hai polas escolas do mundo, somos quen de facer a nosa propia creación ao gusto do padal dos nosos comensais. Agora que hai cociña de autor, viños de autor, aceites de autor… non sei porque non vai haber didáctica de autor porque lembrémolo ben… os autores desta obra somos os docentes…, os que queremos selo, porque hai quen se limita a copiar o que lle ditan outros. E logo queixámonos do que hai!!!
Porén, este libro é tamén unha chamada ao empoderamento docente, a que non deixemos que usurpen a nosa importante función, a crer que a nosa labor é fundamental na sociedade. No libro hai moitas citas inspiradoras, entre elas gustamos moito dunha que soubemos a través dun amigo que nos deu a coñecer a Domingo Barnés un dos “fillos de Giner de los Ríos”, ministro da Segunda República, que dixo: “O país será o que queiran os mestres.” Nós cremos que “Galicia será o que queiran os mestres.” Pois a ver se empezamos a asumir esa responsabilidade!!!
Xa levo un bo anaco e creo que aínda non entrei en materia… non vos dixen de que vai o libro, igual tedes que descubrilo vós mesmos, porque cadaquén verá o que queira ver entre as liñas que nós escribimos.
O único que nos gustaría deixar enriba da mesa é que chegamos a un punto no que as escolas están cheas de todo e baleiras do importante. Igual chegou o momento de empezar a botar fóra e deixar que aflore o que os nenos traen dentro. Estamos nunha etapa no que aínda podemos permitírnolo, aínda que de seguir como imos isto non vai durar moito. As esixencias son cada vez maiores, queremos adiantar tanto os tempos que os pequenos están a quedar sen infancia e a escola infantil sen os seus sinais de identidade, converténdose en preparación do que está por vir. Si xa sei isto é algo que estaba superado aló polos anos noventa, pero agora, froito da involución que estamos a vivir, volve aínda con máis virulencia; contando en moitos casos coa compracencia do profesorado. Defendede o que nos pertence, non deixedes que intrusos nos digan o que temos que facer. Lembrade que:
-a Ciencia nace da experimentación,
-as Humanidades daquilo que nos fai humanos,
-as Matemáticas de levar conta do mundo,
-as Linguas apréndense da fala e da escoita,
-a Literatura do gusto polos contos,
-a Arte da admiración da beleza que nos rodea,
-a Filosofía de aprender a pensar.
-os Valores de exercer a cidadanía consciente,
-as Emocións, de mirar cos ollos do respecto…
É dicir, nós xa o facemos, non precisamos de programas nin de aplicacións informáticas, nin de métodos nin de asignaturas…, temos que ser Mestres con maiúsculas, nada máis e nada menos. Mestres que poden dar aulas á beira dun río ou nun monte como facía don Gregorio o mestre de “A lingua das bolboretas”. Mestres que se lle miramos aos ollos aos nosos pequenos xa sabemos como vai o mundo.
Iso é o que tentamos facer Isabel e mais eu na escola. Facer camiño acompañándoos. Nada máis ca iso.
Para rematar, diríavos que vos fagades a pregunta o que nos dicía Carlos Castaneda:
“A pregunta é: ese camiño ten corazón?
Se o ten, o camiño é bo; se non, é inútil.
Os camiños non levan a ningures.
pero uns teñen corazón e outros non.”
Moitas grazas e tal e como lle dicimos aos nosos pequenos cando deixan a escola infantil:
Bo camiño!!!
Agora xa anda polo mindo adiante, reséñano en xornais, recoméndano nos medios de comunicación e nós, mentres tanto, agardamos que sexa do interese daquelas persoas comprometidas coa educación da infancia.