Nunca se sabe onde poden xurdir oportunidades únicas e impagables. No verán 2018 fomos convidadas a impartir un curso na 53 Escola de Estiu de Rosa Sensat; alí entre as persoas asistentes coñecemos ao profesor universitario Carlos Hernando Valencia e á súa compañeira Ruby Luono cos que conversamos arredor da educación infantil. Naqueles días xa nos convidaron a ir ao seu país, Colombia, o que se fixo realidade no pasado mes de setembro. Malia que nos ilusionaba non eramos conscientes de todo o que ía supor ese periplo polas terras colombianas. Non imaximabamos o agarimo co que nos recibiron nos dous congresos internacionais nos que participamos nin a atención que nos dispensarían os xa amigos de Colombia.
A primeira parada foi en Riosucio, unha pequena vila no chamado “Eje cafetero”, de onde son oriúndos os nosos amigos e coa que amosan o seu compromiso pola mellora educativa. Aproveitando todos os conferenciantes que asistiríamos ao congreso en Manizales organizado pola Universidade de Caldas, decidiron descentralizar a oferta formativa dándolle a oportunidade ao profesorado da zona de Riosucio. Resultanos moi difícil describir como se emborcou toda a veciñanza co congreso, como quixeron que os coñeceramos, a súa cultura, gastronomía, tradicións e idiosincrasia. Os tres días vividos alí serán inesquecibles para nós.
O congreso “Emergencias pedagógicas en contextos de diversidad”, foi o máis entrañable dos que temos participado. Debido ao aforo limitado (250 prazas) do Teatro no que tiña lugar retransmitíase a outra localización na Casa del Maestro, na que outras 300 persoas seguían o congreso, ao tempo que tamén o podía ver toda a veciñanza. Neste lugar que sufriu tanto nos tempos da guerrilla e dos paramilitares, estaban a facer un grande esforzo de cohesión social; a educación da infancia é un dos seus eixos prioritarios especialmente agora que se verán na delicada situación do retorno e reintegración dos desmovilizados tralo acordo de paz. Aquí a diversidade é a realidade coa que se topan os mestres no día a día tanto se traballan nas escolas dos “resguardos indíxenas”, coma nas veredas ou zonas rurais. Porén aínda valoramos máis a implicación dos axentes municipais, da reitora da escola normal, dona Mirta e do doutor Carlos Valencia. A implicación da comunidade no congreso sería o resumo que poderíamos facer dese lugar que xa quedou para sempre no noso corazón. A xenerosa compaña dos doutores Iván Sánchez Fontalvo, Simón Esmeral, Olvic Lucía, aportaronnos coñecemento sobre a idiosincrasia do lugar, sobre interculturalidade, sobre cultura colombiana e sobre os retos educativos.
E así entre coñecementos, anécdotas, vivencias e moitas ocasións para rir, marchamos para Manizales, cidade con sete universidades, que neses días recibía da UNESCO a distinción de Ciudad del Aprendizaje, e cunha estraña estrutura urbanística que parece escorregar polas ladeiras das montañas que a rodean, entre elas o volcán Nevado de Ruíz. Unha vila na que adornan parques e rotondas con esculturas a paxaros locais, un lugar do que Pablo Neruda dixo que “era unha fábrica de atardeceres” . Alí tivo lugar un macrocongreso universitario con localizacións repartidas por toda a cidade e actos que encheron unha ateigada axenda de tres días. Ao igual ca en Ríosucio, nós fomos as encargadas da conferencia inaugural así como de posteriores mesas, obradoiros e paneis de expertos. Cómpre salientar o encontro mantido co Comité cafetero e os responsables da súa organización educativa; as súas preguntas á procura de respostas aos problemas que os acosan, son moi semellantes ás que podemos escoitar en calquera outro lugar: o risco da alienación, da perda da cultura e lingua de referencia, a complexidade das aulas con grupos internivelares, lograr que os mozos non fuxan do lugar de orixe, etc.
É inenarrable o momento no que se nos achegaban mestras a contarnos que nos recoñecían por seren seguidoras de InnovArte, ou outras que compartían con nós as súas inquedanzas educativos ou as que nos pedían axuda para resolver algúns dos dilemas cos que tiñan que loitar no día a día do seu traballo. É inabarcable todo o que deprendemos neses días e que agora pouco a pouco imos lembrado. A ratos “roubados” puidemos coñecer marabillosas paisaxes, proxectos de xente nova e formada que quere loitar polo que é de seu, cafetais, escolas, árbores, flores, froitas, doces, artesanía, xentes… e tomar moito, moito café.
O día do noso regreso, Carlos Valencia quixo agasallarnos con “Huellas pedagógicas”, un libro da súa nai, a insigne mestra Valencia que tamén deixou o seu legado pedagóxico na rexión de Caldas. Daquela aínda entendemos máis o compromiso deste profesor que pasou por todos os niveis de ensino, desempeñou todos os cargos universitarios, foi asesor do goberno para a reorganización das escolas normais de Colombia poñendo o coñecemento da súa tese de doutoramento ao servizo da mellora da formación dos docentes da infancia e nenez. Ao tempo que non deixa de ser unha grande persoa, compañeiro e amigo dos seus amigos. Para nós foi algo palpable en Riosucio, Chinchiná e Manizales.
Dicímoslle a quen nos quere escoitar que iso que se denomina “realismo máxico” e que nós coñecíamos a través da literatura, alí vimos que é unha realidade, unha forma de vida que mistura o exotismo, a diversidade de imaxinarios e crenzas que acaba por impregnar todo o que os ollos alcanzan a ver. No día no que voltábamos, xa no aeroporto de Matecaña-Perales, vimos algo que nos remitiu aos textos de Gabriel García Márquez: a costume de deixarlle millo moído aos paxaros escribindo mensaxes ou palabras.
Agardamos poder volver algún día, mentres tanto imos empapándonos da súa cultura lendo algúns dos libros que de alí trouxemos.