Ames, entre outras moitas cousas, é un concello comprometido coa educación e coa lingua galega, mostra diso son todas as iniciativas que bota a andar o Servizo de Normalización lingüística municipal, entre outras o Estudo Sociolingüístico que iniciou no CEIP Agro do Muíño e agora fai extensivo a todos os centros e servizos educativos, as actividades arredor da figura e obra de Rosalía de Castro ou as que se visibilizan no mes das Letras implicando á veciñanza e escolas.
Como continuidade ao vieiro aberto coa presentación o pasado mes de maio do libro “A toponimia de Ames” de Xosé Ramón López Boullón, argallaron unhas xornadas para dar a coñecer o aproveitamento didáctico da toponimia en todos os niveis de ensino, abordando contidos como:
- Conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…).
- Divulgación da toponimia amesá.
- Recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar.
- Aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua…
- Utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística.
- Propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alí puidemos escoitar a Vicente Feijoo Ares que amosaba procedementos e recursos dixitais para traballar cos nomes de lugar; a Luz Méndez Fernández que co mesmo título que o do libro infantil do que é autora deu resposta a “Por que se chama así este sitio?”. Xosé Ramón López Boullón puxo en valor ese patrimonio compartido por todos nós como é a toponimia amesá.
A segunda sesión das xornadas virou arredor de experiencias educativas levadas a cabo en diferentes localidades promovidas por docentes de distintos niveis de ensino: Xulia Marqués Valea do CPI de Vedra, Valentina Formoso Gosende das propostas desenvolvidas no IES Félix Muriel de Rianxo, Xoan Carlos García Porral do IES Pintor Colmeiro e Ana Isabel Filgueiras Rei das accións do concello de Noia para os máis novos.
Nós fomos convidadas a amosar o que se pode facer dende educación infantil. Con tal motivo presentamos os traballos realizados por Isabel no CEIP A Maía no ano 2001, momento no que instalaron unha escultura nunha praza pública de Bertamiráns, homenaxe a “Os caroeiros da Maía”, dos que pouco se coñecía ata que os pequechos empezaron a “investigar”. Tamén quixemos falar da iniciativa desenvolvida na EEI Milladoiro para que nenas e nenos descubriran que as novas rúas da nosa localidade levan o nome de especies arbóreas que tamén engalanan as beirarrúas. Con isto non pretendíamos máis ca demostrar que non importa tanto a idade do alumnado senón o gusto por descubrir, difundir e velar polo noso rico patrimonio cultural.
Como remate das xornadas, constituíronse grupos de traballo en cada centro amesá para continuar nesta senda que nos levará a coñecer o que é de noso, os nomes dos lugares, a macro e microtoponima, algo que corre o perigo de desaparecer se non se salvagarda.
Vaia dende aquí o noso recoñecemento a todos os que partillaron as súas iniciativas e moi en especial a Rosa Moreiras Cuñarro a técnico municipal de Normalización lingüística, así como á Isabel Vaquero, a concelleira que puxo o empeño en botala a andar e a Escarlata Pampín que lle puxo o ramo.