Nove anos de InnovArte

24724_h2048w2048gt.5
Robert Smithson, Spiral Jetty, 1970, color film de Edward Cella, 2019

Cada vez que botamos a mirada atrás e lembramos como xurdiu InnovArte Educación Infantil sentimos un chisco de vertixe. Nunca poderíamos imaxinar que aquela decisión que tomamos unha tarde do mes de xaneiro de 2010 nos proporcionaría tantas satisfaccións profesionais e, como non, tamén persoais. Ao longo destes anos pasaron moitas cousas, traballamos arreo pola educación, mantivémonos ao corrente do que sucede nas escolas infantís, na formación, na Universidade, na profesión, nas familias e na sociedade. Neste tempo houbo etapas de publicación intensa no blog e outras de paro biolóxico, pero polo de agora non pensamos en despedirnos del. Case todos os días temos ganas de contar, de compartir ou de reflexionar sobre o que vemos, o que escoitamos ou o que lemos, pero non sempre dispoñemos de tempo e de folgos para facelo. Algo así sucedeu nestes últimos meses, os compromisos adquiridos, a preparación de colaboracións e o traballo a pé de obra nas clases, impediron que nos dedicarmos de cheo a InnovArte. Con todo, non deixa de sorprendernos que o número de visitas diarias se mantén, vese que é un referente profesional para moitas persoas de moi diversos países. Todo un recoñecemento ao noso traballo. Mil grazas aos que estades con nós dende os seus inicios e tamén aos que o ides descubrindo día a día.

A máis da carga de traballo, ás veces tamén nos bota para atrás o desánimo. Sucumbimos a el coma calquera. Cando vemos certas prácticas de aula, cando lemos posicionamentos educativos que supoñen unha involución en todo o ata agora acadado, cando vemos o que se promove dende algunhas institucións dedicadas á formación do profesorado de infantil, cáenos a alma aos pés. Daquela sentimos que se perdeu todo o que fora unha paulatina conquista. É bastante desolador, unicamente atribuíble á falta de lectura e de coñecemento. Impera o criterio de quen nunca pisou unha aula nin viu un neno diante, de quen non respecta á infancia nin cre no cerne da educación. Discursos de gurús que repiten lugares comúns, imaxes de escolas de deseño e temáticas absurdas non fan máis ca meter desacougo no corpo dos que de verdade cremos na escola infantil, mesmo nos fan sentir que estamos noutra dimensión, igual fóra de xogo. O peor disto é que os que temos unha base e unha bagaxe, malia os momentos de baixón, temos argumentos dabondo para levar a contra pero, que pasa co profesorado que se está a iniciar ou aínda a formar? Poden chegar a pensar que ese é o camiño a seguir.

Emporiso, aínda que pasemos temporadas sen ganas de loitar contra o sen sentido, sabemos que temos a obriga de defender unha escola onde as nenas e os nenos sexan o centro de toda acción educativa. Para recuperar os folgos dedicámonos a ler aos clásicos que eran moito máis modernos hai unhas décadas que agora mesmo. A parte do fondo de biblioteca de cadaquén e dos referentes que todos mencionamos pero xa esquecemos, aconsellamos botar man da magnífica escolma e tradución da Biblioteca de pedagoxía da editorial Kalandraka, proxecto coordinado polo profesor Antón Costa. Que nutritivo resulta ler en galego a María Montessori, Jean Piaget, a Tonucci, ou lembrar a obriga social dos docentes coa Escola de Barbiana e con Paulo Freire, así como retrotraernos ás nosas motivacións iniciais coa “Carta a un profesor mozo” de Philippe Meirieu. É unha cura detox altamente recomendable.

Recordando cal é a nosa función (hoxe diluída entre parvadas burocráticas que non levan a ningures), cal é a función da escola e da educación para a sociedade recuperaremos a enteireza de ánimo e seguiremos a defender as aulas normais, esas que aínda tendo case todo en contra (tendencias, orzamentos, consideración ou orientación do centro), nun acto de responsabilidade social (heroicidade) dano todo día a día para que os nenos e nenas sexan quen de razoar, pensar, cuestionar, axuizar, argumentar, defender posicionamentos e actuar coma cidadáns de pleno dereito nunha sociedade democrática. Que non é pouca cousa. O resto -robóticas, programas disto e do outro (con siglas que agochan banalidades ou obviedades), e “adestramentos” de habilidades en situacións ficticias ignorando as posibilidades que brinda a realidade- é o que hai que erradicar evitando que colonice o terreo porque ninguén opón resistencia ou porque é moda.

Agora seica os blogs xa non son tendencia, seica di máis unha imaxe de Instagram ca un artigo. Nós non o cremos. Non queremos restarlle importancia ás imaxes agora ben, se entre estas e o público non media unha explicación, cadaquén pode interpretala como queira. Queremos ter seguidores polo discurso non pola beleza das instantaneas. Así InnovArte aínda quedará un tempo para ReflexionArte ou para RebelArte, segundo conveña máis; e como non, para ofrecer alternativas ou recomendacións.

LRYB3557

Para rematar, un ano máis no aniversario, ofrecemos imaxes de Spiral Jetty a nosa imaxe de cabeceira dende o momento de creación. A intervención de Robert Smithson no lago Salgado de Utah, que sigue aí corenta e nove anos despois da súa realización,  mudando día a día, véndose afectada polos cambios climáticos, polos visitantes e polo paso do tempo, pero mantendo inalterable a súa estrutura e concepción inicial. A nosa metáfora.

Mil grazas a quen se toma a molestia de lernos, de seguirnos e de recomendarnos.

Por que Spiral Jetty como imaxe do blog?

Un ano de InnovArte

Dous anos de InnovArte

Tres anos de InnovArte

Catro anos de InnovArte

Cinco anos e mil post de InnovArte

Sete anos de InnovArte

Oito anos de InnovArte

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s