Saga/fuga de galegofalantes en infantil

peligros_ipad_smartphones

Hai uns días comentei coas compañeiras que constataba que cada vez lle resultaba máis dificultoso aos pequenos seguir os contos en lingua galega. Miráronme arrepiadas como se pensaran que apostaba polo castelán por vir a ser algo así como o alemán para o Deporte Canino internacional. Preguntáronme se sería que as historias que lle conto son demasiado complexas para nenos de tres anos, se o vocabulario non sería requintado de máis. Neguei todo iso. Tiven que expoñer polo miúdo o que me levaba a tal afirmación, de como me decataba de que non captaban o sentido completo do texto, tan só dunhas palabras soltas. Insistín que non era con termos xa carentes de vínculo para eles, como acontece en “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”, e o neno de debaixo da cama saca unha locomotora cun vagón e un penico, obxecto arestora descoñecido para eles grazas aos cueiros “dulces sueños”, porén quedan un chisco desconcertados ata que volven a enganchar coa cantadela “o tren de Martiño, chu, chu, chu”. Non, non é iso. Perden o fío do conto. Suxerín que fixesen a proba elas mesmas. A min suxeríronme que cambiara de contos.

Marchei matinando se perdera a feitura coma contadora.

Hai uns meses, a comezo de curso, fomos convidadas á presentación do estudo sociolingüístico “A lingua no Agro do Muíño”, no que se recollen os resultados do traballo realizo polo EDNL do CEIP Agro do Muíño no noso concello, Ames, coa colaboración do Servizo de normalización municipal e o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Expúxose a importancia deste estudo xa que é o primeiro que se fai nun concello periurbano con unha demografía tan alta e cun perfil poboacional que permite tirar conclusións. O máis salientable foi a constatación de que a perda de galegofalantes se produce na infancia, a diferenza do que acontecía fai quince anos cando o traspase se daba na adolescencia. Apuntouse tamén a contradición flagrante entre o que manifestaban as docentes, as educadoras 0-3 e monitoras de actividades extraescolares sobre uso lingüístico e os datos obtidos dos nenos/as. Cadrou que moitas das persoas que estabamos alí eramos mestras, de infantil a maioría, e galego falantes case todas. Así que ante tal resultado mesmo houbo miradas desacougadas cara nós: que estamos a facer na escola infantil para que os nenos muden a lingua vehicular. Polas nosas cabezas pasou un balance das veces que nos diriximos a eles nunha ou noutra lingua. Tralos apocalíticos vaticinios sobre a fin do galego, fixemos acto de contrición e propósito de emenda, prometendo non ser tan a vaicheboa.

Fiquei uns días levando conta veces que vulneraba aquilo do equilibrio lingüístico.

Hai unhas semanas entrevisteime cos pais dunha cativa que apunta unha posible falta de atención así como unha fala chea de reiteracións, estridente e histriónica. Nun momento estrañámonos porque eu pensei que na casa falaban castelán e eles pensaban que era eu dado que agora esa é a lingua empregada polo nena. Falando de todo un pouco, tamén descubrín que dende que era bebé empregaran a tablet (as series de animación) para facela comer, ir para a cama, estar calada, etc.

Maldicín as tablets e smartphones e pensei fotocopiar un artigo sobre o prexuízo que ocasionan na nenez.

Hoxe volvín a darlle unha volta ao asunto coa miña irmá e daquela xuntamos o que lles contei anteriormente: as nosas percepcións sobre a escasa comprensión do galego, a fuga de falantes en infantil, así como a alarmante baixada na idade de acceso a dispositivos e subida de horas de permanencia. E velaquí teñen a explicación:

En efecto, a meirande parte das series de animación e videoxogos que enganchan aos cativos son en castelán, así que xa saben onde está a porta por onde foxen os nosos inocentes tránsfugas lingüísticos, que abandonan a que lle escoitan á nai/pai/familia/mestra/monitoras pola que falan uns personaxes de ficción que non lles dan de comer, nin os coidan cando están enfermos, nin os ensinan, nin os meten na cama, nin lle contan contos tradicionais ou clásicos, nin lle fan aloumiños pero danlle aceleración, subidón de adrenalina, excitación, aventura e foguetes de cores.

Matinei apesarada porque isto non hai quen o pare.

Se nas series de animación decidiran empregar unha lingua morta, poden ter a seguridade de que en menos dun lustro estaría rediviva; quen vería aos cativos a falar latín, arameo, dálmata copto ou córnico.

Así que instamos aos organismos encargados da dinamización da lingua galega a pensar se poñer en nómina aos personaxes de Neox, Clan e Disney Channel, sen perder de vista a “Masha y el oso” que malia ser en ruso conta con dezasete millóns de seguidores infantís que comprenden os reducidos diálogos, palabras frase, honomatopeas e ruídos varios. Ou pola contra, aliarse coas administracións de familia, educación, sanidade, tecnoloxía e xustiza para facer unha campaña na que se diga claramente que o abuso de pantallas afecta seriamente á intelixencia dos pequenos, tipificando como abandono educativo o consentimento dos proxenitores dun uso prolongado de dispositivos en idades temperás.

Xa veremos no que remata todo isto.

3 Comments

  1. Estou dacordo co todo o artigo.eu son testigo no bus .que viaxo a diario.unha nai co un bebe de non mais de 14 meses.vira da gardeiria.sentase.o neno comenza aos gritos.encende oo mivil nun xogo e daiseo ao pequeno .que cala. Ela nin o mira e co movil fala ou escrive email.
    Falei eu moitas veces co pequeno.e non o sei.se e polo son da miña voz.ou os xogos coas mans xogos galegos.dos dedos ou esconder as mans.e o rapaz mirame.
    Eu son discapacitada auditiva e visual dende pequena en mais dun 70%. E imaxino oo porvir da vision destes nenos.de a deformacion auditiva dos ruidos deses xogos.os estimulos tempranos da gestal no desenvolvemento destas novas xeracions.
    Coma van a falar.coman van ouvir.coma van ver.
    E mais ainda coma van escribir o leer.en calquer idioma.
    Pppasame tamen coas netas ferrolans.e iso que os pais falanlle en galego.o avo materno non.e eu falolles e contestanme en castelan.
    Mais eu contestolles en galego
    Van a folklore galego.mais isto e un exemplo di que dis.a tv.os xogos e o entorno.ira pouco a pouco perdendo a nosa lingua
    Unha pena..

    1. Moitas grazas Rosa por partillar con nós a túa experiencia. Son moitas as persoas que nos din o mesmo, vemos como se está estragando a infancia e a lingua, e ninguén lle pon remedio. Haberá que afacerse ao que veña. Moitas apertas e de novo mil grazas.

  2. Ben, eu creo que deberiamos reducir o uso de aparellos electrónicos. E logo, recorrer ao portugués para lle poñer cousas ás nosas crianzas cando non as hai en galego, tamén na escola.
    A TVG2 debería ser unha canle infantil e xuvenil 24h coma a clan, porque na adolescencia si que non teñen contidos en galego, se quixesen vela, que non o fan.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s