“Os fios da infância”

51VPnjf0OdL._SX346_BO1,204,203,200_ (1)

Hai veces nas que se facemos unha revisión de pequenas cousas do pasado e mesmo parece que estas eran unha preparación do que estaba por vir. A edición do noso libro no Brasil é unha delas. A conexión a través de InnovArte primeiro con Alejandra Dubovick da Escola Fabulinus de Bos Aires e logo con Tais Romero de Pedagogía Subjetividade en Sao Paulo, foron decisivas para que isto fose unha realidade. Nunca poderemos agradecerllo dabondo, nin a elas nin á editorial Phorte por confiar no criterio de Tais e apostar pola publicación. Despois de levar tres anos barallando a posibilidade de impartir un curso en Brasil, no mes de novembro redondeouse coa presentación do noso libro.

Toda unha experiencia para recordar desde a primeira toma de contacto co país. Sentirnos tan respectadas e mimadas é algo inigualable. Foron días intensos.

Coñecer á nosa anfitriona en Sao Paulo, poñerlle cara a con quen levabamos tempo falando, Tais Romero con quen contamos colaborar en moitas ocasións máis. Ela, muller entusiasta, entregada á formación do profesorado, con avidez por saber o que acontece ao outro lado do océano, organiza viaxes pedagóxicas as escolas máis destacadas de España, Italia, Portugal e Arxentina, ao tempo que divulga as boas prácticas educativas do seu país. O seu cariño, tesón e creatividade na procura de vías non coñece límites. Xa queda por sempre vinculada a nós a máis de ser a tradutora do libro e encargada do limiar nesta edición.

Coincidir presentando o libro coas representantes de Fabulinus, alí coñecidas polas Alés (Alejandra Dubovick e Alejandra Cipitelli) xunto con Pamela. Esta escola, creada por elas á súa imaxe e semellanza é xa un referente en América do Sur e contamos que moi pronto o sexa tamén en España cando saian á luz as súas publicacións en castelán. A conexión Arxentina-Galicia, unha vez máis, funcionou extraordinariamente, esperamos poder repetir e visitar Fabulinus que se converteu no noso novo referente canto a bo facer profesional.

Contar a nosa experiencia na Universidade Católica de Sao Paulo.

IWIB7284

Publicar con Phorte Editorial, entrar a formar parte do seu catálogo e do seu proxecto Phorte Educacional. Nunca agradeceremos dabondo os detalles e atencións de Beth, responsable editorial, así como á doce Nicole e as nosas discretas correctoras de estilo que tanto se entusiasmaron coa publicación. E por suposto ao dono, Fabio un visionario, que se deixa levar máis polas súas intuicións ca polos intereses comerciais, así creou un proxecto que abrangue máis de dez mil metros cadrados con coidada arquitectura, espazos para o relaxo con xardíns verticais e que dá emprego a máis de duascentas persoas ás que se lles nota o entusiasmo e implicación total no que fan. O agarimo co que nos acolleron lévannos a pensar que non puidemos ter máis sorte coa nosa editora brasileira. Oxalá se cumpra o que dicía Fabio sendo esta a primeira vez de moitas.

Tomar contacto coas compañeiras do Brasil, descubrir que temos máis en común ca en diferenza con elas; sentir que temos un fío que nos une. Volvemos abrumadas, pola acollida e receptividade ao discurso InnovArte. A “noite dos autografos” será un fito inesquecible para nós.

Ter a posibilidade de coñecer o colexio español en Sao Paulo, Miguel de Cervantes, grazas á mediación do xornalista galego Paco Vila. Un complexo impresionante ao carón do estadio de Morumbí que puidemos visitar acompañadas da súa directora, unha estremeña encantadora. Partillar co profesorado (entre eles dous galegos) que imparte en infantil vendo os seus proxectos, instalacións e parque do xogos do que envexamos a granxa, o estanque e o chafarís. E que “Fios da infância” pase a formar parte da súa biblioteca.

Poder visitar algúns museos senlleiros como son a Pinacoteca do Brasil, o MASP ou todo o complexo de Ibirapuera coa Bienal de Arte de Sao Paulo (cunha sección dedicada ao material do kindergarten de Friedrich Fröbel) ou o MAM.

Pisar a cidade, as súas rúas, mercados e barrios con profundos contrastes sociais.

E por riba, ver as portas que nos abre a nosa lingua materna, decatándonos de que o galego é unha riqueza malia o que uns poucos pensan.

Foi unha experiencia inesquecible. Todo o noso agradecemento a Tais Romero quen co seu tesón e empeño nos proporcionou este agasallo da vida, a máis de descubrirnos a autores, lugares e persoas marabillosas. Contamos volver, xa é un dos nosos proxectos de cara ao vindeiro ano.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s