Cadaquén ten os seus mitos; para nós no terreo profesional un deles é a Escola d´Estiu de Rosa Sensat. Sempre acariñamos a idea de asistir pero por un ou outro motivo nunca nos fora posible. Así que é doado imaxinar o que nos supuxo que no mes de febreiro se puxeran en contacto con nós para convidarnos a impartir un curso na súa 53 edición. Unha semana convivindo, partillando e impregnándonos do ambiente desta institución senlleira na formación do profesorado.
Recollemos aquí un pequeno fragmento dun artigo de Marta Mata no que explica como xorde a Escola d´Estiu.
“O día 4 de outubro de 1965, comezaba a funcionar en Barcelona, dunha maneira e nun lugar insólitos, a Escola de Mestres Rosa Sensat. Tratábase dunha escola clandestina, que se iniciaba con quince alumnos-mestres sentados ao redor dunha mesa de comedor dunha casa particular, escoitando as ensinanzas e recibindo a experiencia dunha mestra ‘das de antes da guerra’, Angeleta Ferrer Sensat, filla doutra mestra xa falecida, Rosa Sensat, en cuxa memoria se dá nome á experiencia. Reconstituiremos aquí a historia, e incluso algo de prehistoria da escola, para que o lector poida situar e comprender o valor da experiencia.”
Nesta escola os profesores fundadores son mestres con dez anos de experiencia e o recordo da boa escola do tempo da República. Os orientadores son xa anciáns mestres separados da escola polo franquismo, pero aínda capaces de orientar na recuperación pedagóxica. Os alumnos non acoden a estudar para examinarse e obter un título académico, senón que estudan sobre a súa propia práctica e por propia vontade. O tratamento da lingua, da expresión, da matemática e do coñecemento do medio abórdanse a partires da propia praxe. Así, a través do boca a boca vai gañando adeptos ata que en 1972 que é cando pasa definitivamente da situación de semiclandestinidade vivida ata daquela. Moitos anos despois, segue a ser un referente a nivel europeo e latinoamericano.
Nestes artigos do Diari de la escola d´estiu e de La vanguardia pódese facer un percorrido polo seu devir de máis de cincuenta anos.
Nós expuxemos algunhas das nosas experiencias de vida na escola infantil. Se ben íamos cos nosos temores, pouco a pouco e grazas á acollida que nos dispensaron as asistentes fomos sentíndonos coma na casa. O título da nosa intervención “El latido diario de un aula infantil. Elogio de la cotidianidad”, tiña a argumentación que segue:
Nos últimos anos foron consolidandose unha serie de rutinas e tradicións na escola infantil que son o fío condutor por unha senda de “alta velocidade” na que todo está previsto, programado, intencionadamente “benpensado” e puerilmente infantilizado. Métodos para aprender matemáticas, robots, proxectos reprografíados, xogos educativos, aplicacións informáticas estimuladoras de talentos, emocións de cores, intelixencias múltiples enlatadas, felicidade concentrada e diversidade etiquetada compiten co rexurdimento da utopía das escolas con apelido metodolóxico. Por iso, aquí reflexionaremos sobre o término medio: unha escola que vive na realidade pero tenta transformala; que manexa múltiples fontes pero mantén a serenidade; unha escola cuxa prioridade son os nenos non os documentos nin os eventos, nin as modas. Unha escola que respira, latexa, pensa…no que ve, no que vive e no que sente. Unha escola normal que foxe da ficción académica retomando os principios das escolas que deixaron pegada e das que están a pisar con forza.
Atoparnos co cariño das responsables que nos chaman “las hermanas gallegas”, que “Els fils d´infantil” estea á venda entre outras publicacións de Rosa Sensat, e todo o que esta cidade nos regalou nestes días, para nós non ten prezo.
Mil grazas a quen pensou en nós como responsables dun curso na 53 Escola d´Estiu, este fito quedará gravado na nosa memoria.