Desde que estrearamos o outono 2016 no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello foron varias as ocasións nas que volvemos aportar o noso gran de area nese proxecto solidario, mostra diso foi a merenda de final do curso pasado na que lle puxemos nome ás árbores, poesías ao lugar, demos indicacións de como pasear por alí, plantamos árbores, deixamos unha escultura de madeira e un logotipo para o XdR grazas á colaboración desinteresada de Leandro Lamas e Marcos Mariño. Do mesmo xeito, o seu promotor visitou a escola para traernos as follas dos cercis no outono e as súas flores na primavera. Sen dúbida, para esta promoción de nenas e nenas o Xardín do Recordo formará parte das súas vivencias na escola infantil, de modo que tamén quixemos despedirnos del.
As familias do alumnado comentárannos as posibilidade de pechar ciclo cunha nova xuntanza alí. O tempo non nolo permitiu, malia que xa tiñamos preparado o noso agasallo de despedida.
Cando barallabamos a posibilidade de ir alí, preguntámoslles que lle poderíamos levar. Non o dubidaron: unha escultura para o xardín con forma de árbore do amor con corazóns.
A idea era boa, a dificultade estaba en realizala. Tras moito matinar, entre todos fomos esbozando esa escultura. Ferro, arame e corazóns. Sinxelo.
Cos deseños dos pequenos falamos cun artesán local que nunha mañá os fixo realidade. Tan só faltaba a participación dos nenos e nenas para facer os corazóns que pendurarían da “Árbore Recordo”, ao igual que fan as follas dos 81 cercis canadensis que simbolizan cada unha das vitimas do accidente do tren Alvia en Angrois nas vésperas do Apóstolo 2013.
Agora a nosa árbore de ferro xa está alí, acompañando e embelecendo ese memorial que se enche de vida coas visitas escolares.
Todo o noso agradecemento por permitirnos ser partícipes dun proxecto tan fermoso e tamén a todas as persoas que nos axudaron a que as nosas visitas fosen un fito a recordar.