Sempre falamos das nosas experiencias elásticas que sabemos como xorden pero nunca sabemos ata onde poden chegar nin cando rematan. Esas son as que nos dan grandes sorpresas. Pois esta é unha delas.
Aló polo mes de febreiro descubrimos o libro “Tinta de luz” dos irmáns Pepe e Berta Caccamo, que deu pé a pedirlle ao escritor que nos visitara na escola, tal e como recollemos na entrada “Con ppkkmo”. Tamén falamos xa das mesturas de cores que fixemos tentando emular as singulares ilustracións de Berta Caccamo.
“cores frías e quentes, mornas, tépedas, ardentes, duribrandas, brandiduras. branquiloiro, roxipardo, grismarelo, negriazul, rosvermello e verdourado. Cores altas, branquilongas, verdifracas, griscontentas, negribaixas, roxivellas, rosanchas e pardolentas.”
De como lle fomos poñendo nomes e logo a “matrícula” grazas ás explicacións da nai dun neno, especialista en artes gráficas que trouxo a carta Pantone e nos axudou a buscar o código de identificación de cada unha das nosas creacións.
E alí quedaran pendurados os lenzos á espera de que os mandáramos para as casas.
Cada vez que pasabamos por diante deles eran bonitas cores, un fermoso conxunto, parecía que nos pedían algo máis.
Ata que decidimos darlle unha segunda volta. Facer un proceso ao revés: primeiro a cor e logo o debuxo en troques do que se fai habitualmente.
Cadaquén recolleu o seu lenzo e dedicámonos a miralo en fite buscando o que podía agocharse na mancha. Escaseza de recursos para non alterala nada máis ca o necesario: deixar que os rotuladores fixeran agromar o que permanecía oculto.
Velaquí o resultado: bolboretas, ondas na auga, soles, peixes, rostros, lúas, os aneis dun toro dunha árbore, diamantes, planetas, gatos, eirugas ou laranxas.