No mes de xaneiro un neno trouxo unha manga para compartir cos compañeiros. Algúns tíñana probado e outros non, o que non deixou de sorprendelos foi que en galego fose feminino e en castelán masculino, manga/mango, e a homonimia, pois o seu mesmo nome ten significados ben diferentes.
Como non podía ser doutro xeito, decidimos probalo, non sen antes pesalo, tocalo, ulilo…Trala cata buscamos semellanzas no seu sabor; apuntaban ao melocotón ou ao melón, mesmo cun recendo a piñeiro.
Tanto gustou, mesmo aos remisos a probar, que propuxeron plantar a carabuña para así ter unha mangueira. Como nunca fixeramos tal, decidimos buscar información na rede e atopamos un vídeo moi interesante no que nos dicía o modo e os tempos. Tivemos que velo varias veces antes de pornos mans á obra, non sen antes anotar nun almanaque todos os pasos e prazos a seguir. Segundo iso, no mes de marzo, alá pola chegada da primavera, mesmo no día da árbore, nós teríamos unha mangueira para plantar.
Abrir a carabuña, extraer a semente, envolvela en papel húmido, deixala tapada, trasladala a unha maceta aínda cuberta, destapala e regala a miúdo, foron as anotacións, tan só quedaba esperar que se cumprisen os diferentes pasos.
E así foi. Cunha exactitude que nos alborozaba, íanse cumprindo.
Causou tal sensación vela xermolar que todos quixeron repetilo nas súas casas para así ir levando un proceso paralelo ao da escola.
As responsabilidades dos encargados, os fitos marcados no calendario, as medras, as medicións e as comparacións entre as dúas sementes que plantaramos, leváronnos a un extraordinario traballo matemático, que aínda sigue. Isto sen contar que á vista do éxito, os cultivos estendéronse a pistachos, améndoas, aguacates, landras, castañas, mandarinas e limoeiros. Toda semente que caía nas súas mans, levábamos a buscar información na rede e planeamento das súas fases.
Tal e como calculáramos, o día 21 de marzo, trala chegada da primavera, no día da árbore, as nosas mangueiras locen fermosas.
Agora cústanos facerlles entender que non teremos froitos ata dentro duns anos. Entanto imos enredándonos coas degustacións doutras mangas que chegan á aula.
Plantar para o futuro. Arelar. Aprender a esperar. Comprender o ciclo da natureza. Pouco máis se lle pode pedir a unha manga.
