Ler contra a nada

9788417151409_L38_04_l

Polo Nadal agasalláronnos cun deses libros que son pequenos tesouros, “Leer contra la nada”, de Antonio Basanta, un ensaio publicado en Siruela. Tardamos en compartilo porque tardamos en lelo, e isto non se debe a que sexa unha lectura difícil ou pesada senón máis ben porque é coma unha onza de chocolate que hai que saborear con tempo e cos sentidos postos.

Se tiveramos que reseñalo, teríamos que copialo integramente pois non se pode prescindir de nada del, nin resumilo en modo algún. Malia ter un formato pequeno é deses libros que parecen levedar, medra, expándese e incita a un cento de lecturas.

Antonio Basanta foi durante máis de vinte e cinco anos director xeral da Fundación Germán Sánchez Ruipérez -referente internacional do fomento da lectura-, da que agora é vicepresidente. Case toda a súa vida profesional estivo directa ou indirectamente relacionada coa lectura, o que o converte nunha voz autorizada para falar sobre ela; así, ao longo de case duascentas páxinas vai debullando todo o relacionado coa acción e coa paixón lectora.

La pasión de leer. El ADN de la lectura. El cerebro lector. En el principio era el Verbo… Cuentas que son cuentos. Del lagar a la nube. Regreso al futuro. La sociedad lectora. La rebelión del lector. Palabras en el margen. Estes son os títulos dos capítulos nos que se estrutura o traballo e que xa nos dan unha idea da abordaxe que fai o autor sobre todo o que supón o acto de ler. Neles, as súas atinadas e pulidas reflexións acompáñanse de fragmentos de obras exquisitamente escolmadas, así a bibliografía leva tamén por título, Libros de compañía, unha referencia obrigada para todas aquelas persoas interesadas no fomento da lectura.

Segundo o autor ler é como esas caixas chinas que encerran no seu interior outras tantas, así vai desentrañando o ADN da lectura, o que supón a realización dunha serie de accións conxuntas:

  • Ler é deterse, observar, escoitar.
  • Ler é interpretar.
  • Ler é comprender.
  • Ler é colleitar.
  • Ler é tecer.
  • Ler é sucar.
  • Ler é elixir.
  • Ler é transformar.
  • Ler é asimilar.
  • Ler é compartir.
  • Ler é un exercicio de risco. De exclusividade. De fidelidade compartida.

Segundo afirma Basanta, ler, aínda sendo un acto comunmente sedentario, devólvenos á nosa condición de nómades.

Cara o final do libro, di que ler é unha rebelión; e aquí, nun exercicio de enxeño, coñecemento e concreción, danos máis de medio cento de razóns polas ler é un bo antídoto.

Contra o falso coñecemento.

Contra a superficialidade que afoga a profundidade das palabras.

Contra a desmemoria.

Contra a banalización da información.

Contra a instantaneidade que destrúe a secuencia do pensar.

Contra a facilidade como felicidade.

Contra a vida como simple exercicio de utilidade.

Contra a deserción da dubida.

Contra as respostas que non xeran novas preguntas.

Contra a apatía e a amnesia dunha comunidade anestesiada.

Contra o funambulismo moral.

Contra a ausencia de conviccións.

Contra o avance imparable da nada.

(…) “Ler contra a nada”, unha alfaia da que presumir en cada biblioteca daqueles entregados á causa lectora, para que saibamos transmitir que temos  que:

  • Ler coma quen ama.

  • Ler coma quen sente.

  • Ler coma quen soña.

  • Ler coma quen respira.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s