A nosa achega á educación infantil

Archive for 2018|Yearly archive page

Camiños V: camiños indelebles para lembrar de onde vimos

In EmocionArte on 20/06/2018 at 17:00

DSCN5139

Mimamos moito os previos ao paso de infantil a primaria, xa que logo é tamén un chanzo da infancia á nenez, máxime no noso caso que supón un cambio de centro. A eles sempre lles produce unha mestura entre o desexo de ser coma os “maiores” e a anguria de deixar a escola infantil, o territorio coñecido. Emporiso, entrado o mes de xuño comezamos a planificar esa primeira visita á que os acompañaremos. A máis do previsto por ambos equipos de orientación, a nós gústanos facer algo para recordar. É xa un dos nosos rituais de fin de ciclo.

Sempre queremos facer o camiño a pé para que lle tomen a medida á distancia que nos separa, así, nesta ocasión, por mor do mal tempo, houbo que adialo ata o pasado luns. Poderíase facer en bus, máis cremos que non sería o mesmo. Malia que temos un tramo que atravesa todo o polígono industrial, logo hai un que descorre polo medio do bosque que fai que perdoemos todo o inhóspito que é o anterior.

Cando empezamos a falar da visita, apuntaron que lles gustaría ver aos irmáns e amigos, que foran eles quen os recibiran e fixeran de anfitrións; o que se lle comunicou ao centro facilitándolle os nomes e os cursos. Tamén comentamos sobre os agasallos que levaríamos, aí non houbo dúbida: poemas das bubelas para a carballeira que rodea o centro, un exemplar do libro “Rechíos poéticos” para a biblioteca, unha rosa dos ventos para o patio de xogos (para saber sempre por onde sae o sol), un libro coas preguntas ao CEP para quen llelas puidera responder, un conto para o que será a súa nova aula (elixiron un con mapas), e unha carta da mestra presentándoos perante quen será a súa nova/o titor/a. Se na promoción anterior os agasallaramos cunha presentación especial de cada un deles, nesta cremos que tamén quedan ben retratados cos seus gustos, coñecementos, afeccións e intereses.

DSCN5071

Cando estabamos a facer o libro das preguntas e dúbidas que tiñamos sobre o centro de primaria e as súas dinámicas, xurdiu o temor de que unha vez alí non se lembraran do camiño para volver á escola infantil.

Buscamos solucións. A máis literaria, a de facer coma Hansel e Gretel ou Pulgarcito que ían deixando pedriñas polo camiño foi a que máis lles convenceu. Aínda que había algúns que insistían na idea de ir cun mapa pois segundo eles sería o máis fiable, unha vez proposto o de ir deixando seixos xa non houbo volta atrás.

Lembraban tamén que estes personaxes de contos fallaran cando deixaran anaquiños de pan, paus ou grans de millo, con todo falaron de que os seus amigos os paxaros nos indicarían o camiño se lles deixabamos comida.

Como se pode supor aceptamos malia que as cuestións loxísticas nos supuxeron algún que outro desvelo: cada canto deixaríamos as pedras?, quen as tiraría?, como farían para non confundilas con outras do camiño?, cantas levaría cada un?, como fariamos para levar as pedras e o millo para os paxaros? Todo isto levounos o seu tempo, sen descartar a idea de traballar co mapa e coas aplicacións web que nos permiten facer o percorrido virtual.

Foron moitos frontes abertos que iremos contando por partes.

1º As pedras. Mercouse un saco de 20 kilos de grava branca grosa, todas cun calibre similar, sobre as que propuxeron escribir palabras bonitas e frechas indicando o camiño ao igual que as do camiño portugués tan familiar para eles, pero coa diferenza de que non podían ser amarelas para non despistar aos peregrinos.

2º Cantas levarían. Deunos pé a un traballo de estimacións matemáticas, primeiro apuntando o número delas que podía conter un saco. Logo rectificando ao ver as que contiña un quilo e volvendo a rectificar unha vez contamos cen e vimos que aínda quedaban moitas no saco. Resultaron ser 550, que daban 22 pedras por neno/a. Probouse se poderían con elas nos petos. Vendo que era factible puxémonos a preparalas, sen resolver aínda cada cantos pasos se deixaría unha.

3º Quen e cando as tirarían. Era importante saber a distancia en pasos para facer os nosos cálculos polo que lles preguntamos ás familias cantos pasos estimaban que había. Mesmo pedimos algún podómetro. Respondéronnos que entre 6000-7000 dos nenos. Aquí xa se lles facía moi complicado a eles de modo que acordamos que eu os avisaría de cando tiralas, tocándolle na cabeza a quen lle correspondera.

4º O millo levábase en paquetiños todos iguais e todos do mesmo peso e pensamos que naqueles lugares que nos pareceran fermosos deixaríamos unha presa de grans. Pensaban con ilusión e inxenuidade que á volta verían moreas de paxaros polas beiras do camiño.

Preparados con todo o noso equipaxe de pedras e millo emprendemos o camiño.

Cómpre salientar a coidada acollida que se lles fixo no centro, dirixida por irmáns e amigos maiores que foron os encargados de levalos por todo o centro amosándolle aquilo que a eles máis lles gustaba, a súa futura aula, as instalacións, léndolle contos na biblioteca ou merendando e xogando con eles na carballeira. Foi unha xornada ben bonita para todos.

Cando emprendemos o camiño de volta deixámolos que foran eles diante guiándose polas pedras que deixaran. Tan só nos fallaron os paxaros, os que desculparon polo exceso de calor.

Unha vez máis, cremos que fixemos un camiño para non esquecer que nesta ocasión queda máis gravado na memoria ca nos mapas. Un camiño para non esquecer de onde vimos e a onde imos. Agora xa saben que estarán ben no novo centro e coñecen o camiño para vir vernos cando queiran.

Camiños IV: a cartografía téxtil

In CativArte on 14/06/2018 at 21:03

Chegado este punto pola nosa parte xa tiñamos tinguido as telas que serían a base da cartografía téxtil, fixemos a representación das casas do alumnado e demais lugares significativos da nosa localidade, aportamos un retrinco de tela de algo que tivera un vínculo emocional con cada neno e nena, personalizamos uns cordóns de algodón que serían os camiños diarios da casa á escola, agora só quedaba agardar a que a nosa artista téxtil, Charo Belda compuxera un mapa tapiz con todo iso.

E velaquí o resultado

img_4948.jpg

Hoxe chegou un paquete sorpresa; polos datos de identificación xa soubemos que era de Belda Products, así que imaxinamos de que se trataba.

IMG_4919

O abrilo quedamos admirados. Unha auténtica obra de arte e de artesanía na que non faltan as rúas, as casas, os camiños, a EEI e o CEP para o que pronto irán, o Camiño Portugués, os parques e montes nos que xogan, mesmo se pode ver a catedral de Santiago, tal e como facían os peregrinos cando chegaban ao Milladoiro (disque o topónimo deriva de “humilladero” lugar onde se axeonllaban cando tras un longo traxecto por fin vían o lugar ao que se dirixían os seus pasos, Compostela). Non podía faltar a rosa dos ventos, nin a lenda do mapa cos nomes de todos os nenos e co código de cor do seu camiño.

A modo dos antigos mapas está rematado cun cordón branco e negro.

EAQI0807

Na parte traseira as telas tinguidas coas flores e herbas da localidade.

Non sabemos que dicir!. Estamos agradecidos, marabillados, entusiasmados, representados e felices desta culminación do traballo que máis nos ocupou ao longo deste curso.

Non podíamos imaxinar mellor recordo de peche de ciclo ca este mapa “Camiños”, agora xusto cando os seus pés van tomar outras sendas. Foron tres anos camiñando cara a escola infantil que podían non deixar pegada no chan que pisan, pero si nos seus e nos nosos corazóns.

Mil grazas Charo Belda por este agasallo. Sempre en débeda contigo. Xa formas parte tamén da nosa historia de vida na escola infantil.

Desde aquí podedes acceder ao seu relato do proceso e das súas referencias.

Camiños no Milladoiro. Proceso. Inspiración

Camiños no Milladoiro. Participación das nenas e nenos.

Camiños III: mapa arañeira

In CativArte on 05/06/2018 at 17:22

IMG_4488

A nosa artista téxtil, Charo Belda, encomendounos que fixeramos os debuxos das casas de cada neno e nena, así como dos lugares significativos para o grupo. Houbo que resolver situacións coma que facer no caso de dous nenos que viven na mesma casa; acordamos que cada quen ten dereito a facer a súa propia representación do seu fogar de modo que se repiten e non hai ningún problema. No noso mapa as árbores coas bubelas, a escola 0-3, a Guardia Civil, a farmacia, Correos, a biblioteca, o Monte dos Pinos, o cercano pazo do Faramello ou o circo teñen cabida. Non faltan tampouco unha rosa dos ventos marcando o Norte, nin o Camiño Portugués e mesmo os peregrinos que pasan todos os días por diante da escola. É tan naïf coma real, tan simbólico coma imaxinado e sentido. É o noso mapa do Milladoiro.

 

Daquela comezamos a pensar que nome lle poderíamos dar. Charo para identificalo puxéralle Mapa-Metro Milladoiro porque lle lembraba as liñas de metro dalgunhas cidades. Nós pensamos primeiro en chamalo o Mapa dos (tras)pasos, porque metaforicamente quedaban reflectidos todos os traspasos: da casa á escola, da escola a outros espazos lúdicos ou educativos, da escola 0-3 á 3-6 e desta ao CEP. Charo Belda resolveu maxistralmente chamándolle Camiños. En efecto, son camiños, en todos os sentidos que se queiran entender.

 

En calquera caso, tras escanear todas as imaxes para poder imprimilas en tea pensamos en que podíamos facer con todo o traballo realizado. Acordamos que nós deixaríamos tamén un mapa sobre papel para o centro. Isto supuxo todo un traballo de localización, debate sobre se un edificio estaba ben situado ou había que cambialo en función doutras referencias, etc. Unha vez todo colocado no seu lugar e adobiado con follas para simular as zonas verdes, bosques ou xardíns empezamos a facer os percorridos de cadaquén. Pensamos en marcalos cun trazador pero gustounos máis a idea de representalos con fíos de cores.

 

 

Así, cada nena ou neno ía contando o seu día a día e os pasos que dá pola localidade. Resulta revelador…

A escola é o punto no que todos conflúen desde que saen das súas casas, logo quedan patentes gustos, afeccións familiares e necesidades: biblioteca, parque, centro comercial, farmacia, catedral ou igrexa… os camiños de cadaquén.

Rematado, dixeron os pequenos que había que darlle un nome. Votaron e acordaron que Mapa arañeira era o que mellor lle acaía.

Seguiremos contando destes camiños.

Camiños II: a contorna, a base

In CativArte on 05/06/2018 at 15:41

A base do noso mapa, acordou Charo Belda que sería de tea de algodón tinguida cos pigmentos naturais das plantas da contorna para, deste xeito, recoller tamén as cores e olores da localidade. Así, tras anunciar a súa visita, iniciamos os preparativos pedíndolle aos pequenos que recolleran flores e herbas aromáticas coas súas familias. Asemade solicitámoslle un retrinco de tea de algo que tivese un vínculo afectivo cos nenos e nenas: dun vestidiño, das cortinas das súas habitacións, dun babeiro de cando eran pequenos… Xa contaremos máis adiante o que se fixo con eses retallos.

O día acordado xuntamos todas as plantas no chan e aquilo era unha fartura: toda a gama de verdes e as cores da primavera. Ata nos deu para facer un catálogo con elas.

Nada máis chegar á aula, Charo proxectou na pantalla o que levaba traballado nese mapa aínda sen nome e explicoulles como logo o trasladaría ao tapiz. Deseguido púxose mans á obra. Ían tinguir as telas segundo a técnica xaponesa Hapa Zome que consiste en bater cun martelo sobre as plantas cubertas coa tea. Charo ía deixando elixir pero tamén aconsellando sobre as que podían soltar máis zume ou deixar máis cor.

Logo houbo que deixar secar e fixar a cor das teas con calor.

Xa veremos cal é o seguinte paso.

Camiños I: a idea

In CativArte on 05/06/2018 at 15:25

Cada vez que pechamos unha promoción queremos facer algo que sexa un recordo dos tres anos que vivimos xuntos co alumnado. Un resumo, un recordo, para eles, para as súas familias e sobre todo para nós. Egoistamente dicimos sobre todo para nós, porque tras baleirarnos totalmente ao longo de tres cursos, despois de dalo todo, cando máis fachendosas nos sentimos do logrado, nese momento, despídense e temos que volver a empezar. Segundo se vai achegando a data de remate, invádenos unha tristura alegre, estamos felices por ver as medras das nenas e nenos, sabemos que agás nas físicas, nas outras temos moita parte, pero animicamente é demoledor pensar en volver a comezar con outro grupo. Afortunadamente o verán actúa coma un bálsamo e en setembro comezaremos con ilusión, aínda que por momentos teñamos tamén o síndrome do niño baleiro.

Para daquela comezaremos a escribir outra nova historia, pero agora aínda temos que rematar ben o labor que temos entre mans.

Así andábamos a darlle voltas á cabeza. A metáfora visual “As chaves están en infantil” da promoción anterior antollábasenos insuperable e tamén irrepetible, porque nesta non tería sentido, as chaves non foron parte do noso xogo cotiá. Coma sempre, a sorte petou na nosa porta.

Aló polo mes de xaneiro, púxose en contacto con nós unha colega á que levabamos tempo sen ver aínda que sabíamos dalgúns das súas derivas profesionais, vitais e artísticas. Estamos a falar de Charo Belda, mestra adiantada aos tempos, asesora inesquecible do CFR da Coruña, agora artista téxtil da que podedes saber máis na súa web. Ela, seguidora de Innovarte, sabía das nosas experiencias de traballo cos mapas e puxo xenerosamente o seu coñecemento, creatividade e talento ao servizo dos nosos pequenos. Tras varias conversas e moitas risas, acordamos facer unha das súas cartografías téxtiles como peche de ciclo co grupo.

O entusiasmo e profesionalidade de Charo son dignas de salientar. Estableceu un plan de acción. Comezou a enviarnos proxectos, modelos, outros mapas -propios ou alleos que descoñecíamos-, materiais ou necesidades. Trazou un cronograma no que detallaba á perfección as nosas responsabilidades e prazos así coma as súas. Concretou cal sería a obra resultante e que levarían dela os pequenos como recordo.

Acordamos facer un mapa do Milladoiro cos camiños que percorreron ao longo destes tres anos para vir a diario á escola, sabendo que moi pronto os seus pasos se encamiñarán noutro sentido cara o centro de primaria. No mapa estarían representadas as súas vivendas, as rúas, os lugares significativos para eles, e como non, a EEI Milladoiro e o CEP de Ventín, centro receptor. Faríase sobre un tecido tinguidos por eles mesmos con herbas comúns na localidade.

Expuxémoslle ao alumnado o que queríamos facer e de inmediato se vincularon co proxecto, xa que logo os mapas formaban parte das nosas dinámicas así que facer un ex profeso para eles sería a culminación de todo o aprendido.

En vindeiras entradas do blog, iremos relatando polo miúdo todo o proceso. Agora tan só se trataba de apuntar a idea e todas as derivas que xurdiron.

 

Da mancha á figura

In CativArte,Uncategorized on 01/06/2018 at 13:30

IMG_4509

Sempre falamos das nosas experiencias elásticas que sabemos como xorden pero nunca sabemos ata onde poden chegar nin cando rematan. Esas son as que nos dan grandes sorpresas. Pois esta é unha delas.

Aló polo mes de febreiro descubrimos o libro “Tinta de luz” dos irmáns Pepe e Berta Caccamo, que deu pé a pedirlle ao escritor que nos visitara na escola, tal e como recollemos na entrada “Con ppkkmo”. Tamén falamos xa das mesturas de cores que fixemos tentando emular as singulares ilustracións de Berta Caccamo.

“cores frías e quentes,
mornas, tépedas, ardentes,
duribrandas, brandiduras.
branquiloiro, roxipardo,
grismarelo, negriazul,
rosvermello e verdourado.
Cores altas, branquilongas,
verdifracas, griscontentas,
negribaixas, roxivellas,
rosanchas e pardolentas.”

De como lle fomos poñendo nomes e logo a “matrícula” grazas ás explicacións da nai dun neno, especialista en artes gráficas que trouxo a carta Pantone e nos axudou a buscar o código de identificación de cada unha das nosas creacións.

E alí quedaran pendurados os lenzos á espera de que os mandáramos para as casas.

IMG_2326

Cada vez que pasabamos por diante deles eran bonitas cores, un fermoso conxunto, parecía que nos pedían algo máis.

Ata que decidimos darlle unha segunda volta. Facer un proceso ao revés: primeiro a cor e logo o debuxo en troques do que se fai habitualmente.

Cadaquén recolleu o seu lenzo e dedicámonos a miralo en fite buscando o que podía agocharse na mancha. Escaseza de recursos para non alterala nada máis ca o necesario: deixar que os rotuladores fixeran agromar o que permanecía oculto.

Velaquí o resultado: bolboretas, ondas na auga, soles, peixes, rostros, lúas, os aneis dun toro dunha árbore, diamantes, planetas, gatos, eirugas ou laranxas.

Rechíos poéticos III: o libro dos poemas dos paxaros

In Uncategorized on 23/05/2018 at 19:35

 

Levamos traballando en Rechíos poéticos dende o mes de marzo, cando decidimos facer o tendal con poemas de paxaros e o noso alumnado era coñecedor desta macro-iniciativa que viña a darlle a vertente lírica ao traballo desenvolvido ao longo dos dous primeiros trimestres relacionado coa flora e fauna da contorna natural. Así, cada vez que buscabamos un poema, compartiámolo con eles, ata que ao pouco suxeriron facer un libro no se que recolleran aqueles que máis lles gustaran para levar para as súas casas. A proposta non nos puido parecer máis atinada, pois a nosa intención sempre é deixar algunha pegada nas familias e veciñanza, un recordo do paso pola escola infantil.

Así, pouco a pouco fomos escolmando, paxinando, ilustrando, escribindo e sumando poemas. Facer o índice, poñerlle a dedicatoria, preparar portada e contraportada deron remate ao traballo. Agora será un libro querido nas casas.

Rechíos poéticos II: a bubela

In ContArte,EncienciArte on 15/05/2018 at 19:13

IMG_3679

Buscando poesías sobre paxaros para o “Tendal dos poemas”, non tivemos a sorte de dar coas do noso paxaro preferido, a bubela. Temos a seguridade de ter lido algunha, pero arestora non a atopamos, o que nos deixou matinando por un tempo. Ata que atopamos a solución ao noso problema: encargariámola.

Así, con tal determinación, escribímoslle a Antonio García Teijeiro, Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás e Rosalía Morlán. A nosa sorpresa foi cando xa de inmediato comezamos a recibir as respostas aceptando o encargo.

 

 

 

Segundo foron chegando, ficabamos marabillados coa súa fermosura. Notase ben a mestría e o agarimo co que foron feitas pensando nos cativos. Cada un deles á súa maneira recolle as características principais da bubela e o seu singular canto.

Non sabemos ben como agradecer a atención que tiveron estes grandes da literatura galega actual; unha mostra máis de que a súa creatividade e lírica vai intimamente ligada co seu bo facer, ser e estar no mundo, así como o seu compromiso coa educación. Mil grazas.

 

 

 

Somos uns afortunados pero sería un acto de egoísmo non compartilas con todo o mundo, así xurde a segunda fase dos “Rechíos poéticos”: penduraremos as poesías das árbores dos parques, beirarrúas, xardíns e montes do Milladoiro.

Unha nai de alumno experta en artes gráficas, para explicarnos o proceso de impresión dunha imaxe fíxonos os carteis coa imaxe dunha bubela, mesmo coa súa descomposición nas catro cores. Agora pola outra cara poñeremos os poemas da bubela escritos polos pequenos.

 

 

 

Pero os nosos nenos e nenas aínda querían máis, gustaríalles ver aos paxaros xunto as poesías, polo que me preguntaron se sería posible facerlles uns comedeiros con gran. Aceptamos a idea coa condición de que fosen ecolóxicos e artesanais, de modo que demos cun modelo feito coa monda da media laranxa.

 

 

 

Logo veu o momento de enchelos de grans, de moitas variedades para que fosen do gusto de todo tipo de paxaros. Así, cada un preparou a súa combinación de comida (millo enteiro, en fariña grosa ou con alpiste) coa condición de que cada preparado non podía superar os 50 g. que era o que calculáramos cabía na casca deshidratada.

 

 

 

Agora, en grupo, penduramos uns polos arredores da escola e logo, cada nena e neno, leva un para poñer nunha árbore que lles guste e que estea visible aos paseantes. Acompañaranse todas dos comedeiros para os paxaros. Unha versión pedestre daquel gravado emblemático da editorial Nós feito por Castelao que levaba escrito no pé: “fartura pr´o corpo e fartura pr´o esprito”.

 

 

 

Nestes días, máis de setenta carteis con poemas sobre a bubela encherán as rúas do Milladoiro. Xa están a chegarnos as imaxes.

 

Un intento máis de que as iniciativas escolares traspasen o reducido ámbito das catro paredes do edificio enriquecendo á comunidade coas achegas dos nenos e nenas.

Unha vez máis, sacamos a poesía á rúa e con ela volven os paxaros e os seus cantos!

Rechíos poéticos I

In ContArte,EncienciArte on 14/05/2018 at 18:12

IMG_2060

Un ano máis o DNL do concello de Ames convídanos a participar nas actividades arredor das Letras Galegas, neste caso repetindo o Tendal dos poemas do pasado curso que tantos éxitos recolleu por pór a poesía ao alcance de todos os paseantes de Bertamiráns e O Milladoiro.

Pero nesta ocasión quixemos darlle unha volta e si na edición anterior se centraban na natureza, ríos e camiños, na presente vinculámolo cos proxectos de re-naturalización das escolas, así o tema foron os paxaros. Despedirámolos no outono, agardarámolos pola Candeloria, estivéramos atentos ao primeiro canto do cuco, botarámoslle grans para atraelos ao noso xardín, deprendéramos os seus nomes e a distinguir o seu canto, así que era normal que agora lles brindaramos unha homenaxe poética titulada “Rechíos poéticos”.

Na poética galega abondan textos protagonizados polas aves máis comúns na contorna: merlos, andoriñas, corvos, paporroibos, carrizos, pombas, pardais…, así fomos escolmando cincuenta poesías de todas as épocas que unha vez escritas sobre lona adornan os paseos e camiños das nosas vilas. Recuperar o coñecemento das aves, poñer a poesía na rúa e alegrar a vida da veciñanza eran os nosos obxectivos.

En Bertamiráns do CEIP A Maía.

No Milladoiro da EEI Milladoiro.

Permanecerán expostas ata finais do mes de xuño.

 

Anatomía da lingua

In ActualizArte on 12/05/2018 at 20:19

Anatomía-da-lingua-Lingua-de-amar-lingua-de-amor

É posible un poemario sobre a lingua?

É, e a máis pode ser fermoso, entretido, variado, reivindicativo, incitador, provocador e rebuldeiro.

Nos previos ao día grande das nosas Letras, non se nos ocorre mellor recomendación que Anatomía da lingua de Antón Cortizas, coas ilustracións simbióticas de Leandro Lamas, editado pola AS-PG.

18-0

A ti, lingua miña
idioma do meu cerne,
silabario do meu mundo inacabado,
ausente en tantas bocas,
presente en cada alento
dos ecos navegantes do meu nome.

Para corroborar o que estamos a dicir quixemos escolmar algún fragmento suxestivo, o que resultou ser unha tarefa ben difícil porque teríamos que reproducilo integramente. É dicir, é un libro para telo ben preto e botar man del con calquera motivo, xa que logo, atoparemos razóns abondas para dicir que o galego é unha lingua de amar, unha lingua de amor e unha lingua de futuro.

Tamaño
é tan grande esta miña
pequena e humilde lingua
que nunca chegarei
a pronunciala enteira.
Xénese
(…)
Entón, dende as fervenzas da tenrura
cada murmio foi calidoscopio
na noite incandescente dos cronómetros
e a verba foi medrando
e non deixou xamais de ser semente.
Oficios da lingua
(…)
Se a lingua miña fose tecedeira
urdiría un tear de diccionarios
como eguas ao galope, libertarias,
de frases de perífrase de verbas,
domésticas e místicas metáforas
rimando co marfil das madrugadas.
    se a lingua miña fose tecedeira…
Palabras inventadas
(…)
Palabras inventadas
necesito cantar,
para que aniñen libres
os sons de nomear toda a beleza.
Tipoloxía da lingua
A lingua que se saiba, pode ser:
lingua viva ou lingua morta,
nativa, cativa, oficial, real, popular,
lingua sabia, lingua pobre, lingua vulgar,
auxiliar, exiliada, inventada, artificial,
de orde, ordinaria,
lingua franca, oficial, cooficial, oficiosa,
(…)
Lingua de subsistir, de murmurar,
lingua de burlar, de bicar, lingua de amor,
lingua coñecida, lingua ignota,
lingua, en fin, de amar e de soñar
que a miña alma vive monolingüe
e políglota é a miña boca.

cortizas-620x330

O aire do pan

In EncienciArte on 26/04/2018 at 21:19

Unha nena tróuxonos unha receita de pan polo que decidimos facelo na aula. Todos dixeron que lles gustaría facer dous pans, un para comelo alí e outro para levar á casa. De modo que fixemos cálculos sobre o que pesa unha bola e concluímos que precisaríamos arredor de 200 g. para cada un dos 25 nenos e nenas da clase, así que previamente preparamos na casa unha masa de seis quilos, xa que logo era inviable facela na clase pola cantidade e polo tempo de espera. O que si reproducimos foi a receita da nosa compañeira, pesando todos os ingredientes así coma a masa resultante tras ser amasada por todos e comprobado que estaba no seu punto cando ao premer cun dedo, de inmediato recupera a súa forma.

Rodeámola cunha cinta métrica para ver se o lévedo facía efecto (que tanto lles desagradou o seu olor). Preparamos unha táboa de control na que íamos anotando os cambios canto a peso e medida. E isto foi o que máis os desconcertou, porque a cada pouco a masa medraba e malia todo non variaba de peso. Axiña soubemos a que se debía, xa que mestres fermentaba, botamos man da masa que prepararamos con anterioridade. Ao cortala e dividila en anacos, descubrimos que estaba chea de buratos coma burbullas de aire. Velaquí a resposta ao misterio da medra sen cambio de peso: estaba chea de aire.

Agora cadaquén tiña que repartila súa peza de aproximadamente 200 g. de masa en dous bolos. Foi revelador ver como algúns deixaban o máis grande para a casa e o pequeno para eles, ou ao revés. O traballo foi autónomo cumprindo só a condición de que tiñan que anotar o peso dos dous bolos.

Tralo enfornado, a chegada do carro cas bandexas, anunciado polo recendo do pan quente, foi motivo de alegría.

E agora chegaba o momento de comprobar si cocidos pesaban o mesmo.

Mermaran de peso. Neste caso, a explicación tivemos que dárllela nós: a auga da masa evaporarase.

A proba do pan, a receita para repetila na casa e a preparación do paquete para levar o bolo da familia, púxolle o ramo a esta sesión intensa de traballo manipulativo e matemático, de gozo coas cousas sinxelas da vida: recendos, sabores, traballo en grupo e a satisfacción de saber facer.

Que ben nos fixo o aire do pan.

A manga, o mango e a mangueira

In EncienciArte on 22/03/2018 at 07:21

IMG_9142

No mes de xaneiro un neno trouxo unha manga para compartir cos compañeiros. Algúns tíñana probado e outros non, o que non deixou de sorprendelos foi que en galego fose feminino e en castelán masculino, manga/mango, e a homonimia, pois o seu mesmo nome ten significados ben diferentes.

Como non podía ser doutro xeito, decidimos probalo, non sen antes pesalo, tocalo, ulilo…Trala cata buscamos semellanzas no seu sabor; apuntaban ao melocotón ou ao melón, mesmo cun recendo a piñeiro.

Tanto gustou, mesmo aos remisos a probar, que propuxeron plantar a carabuña para así ter unha mangueira. Como nunca fixeramos tal, decidimos buscar información na rede e atopamos un vídeo moi interesante no que nos dicía o modo e os tempos. Tivemos que velo varias veces antes de pornos mans á obra, non sen antes anotar nun almanaque todos os pasos e prazos a seguir. Segundo iso, no mes de marzo, alá pola chegada da primavera, mesmo no día da árbore, nós teríamos unha mangueira para plantar.

Abrir a carabuña, extraer a semente, envolvela en papel húmido, deixala tapada, trasladala a unha maceta aínda cuberta, destapala e regala a miúdo, foron as anotacións, tan só quedaba esperar que se cumprisen os diferentes pasos.

E así foi. Cunha exactitude que nos alborozaba, íanse cumprindo.

Causou tal sensación vela xermolar que todos quixeron repetilo nas súas casas para así ir levando un proceso paralelo ao da escola.

As responsabilidades dos encargados, os fitos marcados no calendario, as medras, as medicións e as comparacións entre as dúas sementes que plantaramos, leváronnos a un extraordinario traballo matemático, que aínda sigue. Isto sen contar que á vista do éxito, os cultivos estendéronse a pistachos, améndoas, aguacates, landras, castañas, mandarinas e limoeiros. Toda semente que caía nas súas mans, levábamos a buscar información na rede e planeamento das súas fases.

Tal e como calculáramos, o día 21 de marzo, trala chegada da primavera, no día da árbore, as nosas mangueiras locen fermosas.

Agora cústanos facerlles entender que non teremos froitos ata dentro duns anos. Entanto imos enredándonos coas degustacións doutras mangas que chegan á aula.

Plantar para o futuro. Arelar. Aprender a esperar. Comprender o ciclo da natureza. Pouco máis se lle pode pedir a unha manga.

mango-tree-ted-hebbler

“Mango tree”, Ted Hebbler

 

Buscadores de versos rosalianos

In FamiliarizArte on 22/02/2018 at 17:36

0pasos_peons_rosalia_pazo2

Unha das iniciativas do concello de Ames para celebrar o Día de Rosalía é a de pintar algún dos seus versos nos pasos de peóns das localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, o que se fixo neses días, e que nos deu pé a unha das nosas actividades preferidas, a de facer de detectives na que unimos o gusto pola poetisa, polo traballo con mapas e os paseos en familia.

IMG_0531

Ao carón da nosa escola xa hai un, así que xa aproveitamos para velo.

A proposta que levaban hoxe para as súas casa é a de localizar e fotografar os seis pasos de peóns que hai no Milladoiro con versos de Rosalía. Para iso démoslle as indicacións e marcámoslle as rúas nas que están pintados.

Nestes días veremos o resultado da procura poética.

“Rosalía tamén vive aquí”

In ContArte on 18/02/2018 at 11:41

img_0251.jpg

Con motivo do Día de Rosalía, dende o EDNL da EEI Milladoiro, propúxose como campaña escolar “Rosalía tamén vive aquí”, unha iniciativa que pretende traspasar o ámbito escolar e irradiar cara as comunidades de veciños co ánimo de dar a coñecer os vínculos da escritora co concello de Ames –a casa familiar paterna está no lugar de O Castro en Ortoño, onde se di que pasou algún tempo na súa infancia-, así como agasallar coa lectura dun poema seu ás persoas coas que compartimos vivenda.

Rosalía tamén vive aquí” vén a pór o acento en que mentres perdure o seu recordo na nosa cabeza, lingua e corazón, morará con nós nas nosas casas. Así cada neno e nena expoñerá no portal dos edificios un cartel elaborado nas distintas aulas de infantil e primaria do concello. Como se pode entender, isto sempre supón un traballo de fondo que vai máis aló do mero feito de pendurar un cartel; en todos os grupos se fai un traballo previo para que isto non sexa unha acción puntual, de modo que incluso son moitas as familias que á vista da ilusión dos fillos/as visitan os fitos próximos da Ruta Rosaliana en Padrón A Casa da Matanza, o Pazo de Arretén, Bastavales ou O Castro.

Na nosa aula a elección do poema foi froito dun intenso debate xa que logo eu propuxéralles un pero non foi tanto do seu agrado coma “Parece unha rosa” que xa tiñamos visto noutras ocasións. Todos concordaban en que tiña que ser “parece unha rosa (…), parece un repolo”, pero no que non coincidían era nas estrofas preferidas de cada un. Coma sempre, suxeriron levalo a votación. Pero nós, aínda quixemos darlle unha volta máis; con tal motivo fotocopiamos o poema completo recollido na magnífica publicación “Parece unha rosa“, da editorial Ir Indo, coas fermosas ilustracións de Isabel Pintado e propuxemos numerar as estrofas e levalas á casa para que alí, en compaña dos seus pais, decidiran cales eran as dúas que máis lle gustaban.

img_3104

O xoves chegaron co recado feito, e plasmáronse nun gráfico as votacións para que non quedara ningunha dúbida. Este foi o resultado:

Logo, só quedaba transcribilo na base do cartel elaborado polo ENL do concello, fotocopialo para todos e envialo ás casas xunto coas indicacións para que unha vez exposto, tomen unha fotografía e nola envíen ao centro. Con todas elas elaboraremos unha montaxe audiovisual para proxectar no acto poético musical organizado para o día 24 na Casa de Cultura de O Milladoiro.

Cos carteis orixinais compoñerase unha exposición colectiva no centro que se completará coa plantación de camelias da variedade “Rosalía de Castro” no xardín exterior, tal e como xa se fixera o pasado ano.

Queremos confesar que nunca tiveramos un grupo que establecera tal vínculo con Rosalía coma o actual. Unha amiga sempre di que os nenos queren aquilo que notan que nós queremos. Con certeza é así, emporiso paga a pena ir enchendo as súas vidas de vivencias para recordar e cheas de significado, coma cando o pasado curso fomos á Casa da Matanza en tren, ou cando pisan o chan que pisou Rosalía, como sucede cando falan do Pazo do Faramello do que a poetisa dixo que “A súa beleza conxeloume a alma”.

Agora estamos a agardar polas fotografías, confiando en que mesmo naquelas comunidades nas que non permiten a pegada de carteis -tal e como algúns nenos/as nos advertiron- sexan quen de facer unha excepción. Hai carteis e carteis…, e neste caso, a  causa ben paga a pena.

 

“Ames con Rosalía”

In ActualizArte on 18/02/2018 at 10:06

cartaz acto rosalia

En Ames é xa unha tradición consolidada celebrar o día do nacemento de Rosalía de Castro con toda a veciñanza xa que, a máis de ser unha figura senlleira en Galicia, a poetisa pasou uns anos da súa infancia nunha aldea do concello, no lugar do Castro en Ortoño, onde andando no tempo se fundou o Seminario de Estudos Galegos, así a visita a O Castro figura na Ruta Rosaliana. E isto é algo que moita xente descoñece, mesmo na propia localidade emporiso este ano quíxose que a celebración dera a coñecer ese dato, máxime cando estamos a falar dun concello no que se asentan moitas familias procedentes de fóra.

Así, co lema “Rosalía tamén vive aquí” todos os escolares de Ames exporán nos portais das súas vivendas un cartel no que se fai referencia ao paso da poetisa por Ames xunto con un poema escolmado polo alumnado de cada unha das unidades dos centros de infantil e primaria, para lembrar que Rosalía aínda vive nas nosas casas, lingua e corazón, en parte, grazas a todo o traballo que se fai dende as escolas. Segundo o EDNL da EEI Milladoiro, quen promoveu a iniciativa, trátase en definitiva de traspasar o ámbito escolar irradiando cara as comunidades veciñais.

A proxección das iniciativas escolares na comunidade é algo do que nunca se dimensiona ben o seu alcance, pero “Ames con Rosalía” compleméntase con outras accións -promovidas todas polo Equipo de Normalización Lingüística- como son:

– “Café con verso”, no que os establecementos hostaleiros acompañan as consumicións cunha tarxetiña con versos de Rosalía escolmados polos grupos de mozos/as do IES de Bertamiráns coordinados polo escritor Carlos Negro.

-“Escaparates con Rosalía” Os escaparates dos establecementos amesáns lucirán unha selección de textos de Rosalía de Castro realizada por Dolores Vilavedra Fernández, unha das máis prestixiosas estudosas da obra rosaliana e veciña de Ames.

12744441_1518972125072506_8677081682876917659_n - copia

– “Paseando con Rosalía”, coa que algúns dos pasos de peóns do Milladoiro e Bertamiráns lucirán versos da autora.

-“Viaxando con Rosalía” O sábado, 10 de marzo, realizarase unha excursión poética coa escritora María López Sández quen nos achegará á  vida da homenaxeada e á súa obra.

Todo isto, redondéase cunha homenaxe poética musical o día 24 de febreiro que contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical do Sonia Lebedynski Trío. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.

cartaz acto rosalia (1)

O obxectivo principal de “Ames con Rosalía  é o de difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro, así, malia que é ben sabido que InnovArte non é de “Días de…”, neste caso cremos que paga a pena implicarse nunha celebración que congrega ao seu redor a todos os ámbitos da sociedade local.

Botanicum

In Uncategorized on 05/02/2018 at 23:01

9788416542437.jpg

A estas alturas a nosa debilidade pola botánica non é un segredo para ninguén, así as nosas amizades sempre acertan cando nos sorprenden con libros relacionados coa natureza, mundo vexetal e plantas. Iso mesmo nos aconteceu nestes días cando unha amiga nos agasallou con Botanicum, un libro que supuxo nos gustaría porque está ilustrado por Katie Scott, encargada das imaxes do vídeo “Story of flowers” que hai pouco tamén compartimos a través do blog.

91XC7LHvrmL

A beleza das ilustracións e formato do libro súmase a concepción deste compendio botánico coma a visita a un museo con diferentes salas nas que podemos atopar:

Entrada: A árbore da vida.

Sala 1: As primeiras plantas.

Sala 2: Árbores

Sala 3: Palmas e cícadas.

Sala 4: Plantas herbáceas.

Sala 5: Gramíneas, espadañas, ciperáceas e xuncos.

Sala 6: Orquídeas e bromelias.

Sala 7: Adaptarse ao entorno, suculentas, cáctus, plantas acuáticas, plantas parasitarias, plantas carnívoras e manglares.

Se as ilustracións son marabillosas, algo igual acontece co texto, obra de Kathy Willis, directora do Real Xardín Botánico de Kew, quen tanto nos sorprende cos seus coñecementos científicos coma polos históricos e curiosidades arredor das diferentes especies vexetais.

Botanicum-Katie-Scott (7) 800

Se nos preguntaran si se trata dun libro para nenos, responderíamos que é unha obra interesante para calquera idade, merecedora de estar nas bibliotecas dos centros educativos. Co anticipo que aquí deixamos esperamos espertarlle o gusto a moitas seareiras.

CuogaFgWAAAMuZL17481478343584874bf610065d6b5fbe332e6c099a847ce3d--katie-scott-botanicum-katie-omalley

O branco pinta

In CativArte,ContArte on 05/02/2018 at 07:46

img_9613.jpg

Os encontros con autores sempre son ocasión excepcional para que os pequenos poidan poñerlle cara a quen escribe os libros que nos fascinan nun determinado momento. Ver que detrás de cada conto hai sempre unha historia fai que lle collan máis cariño.

Desde que tivemos nas mans “O branco non pinta !”, xa quedaramos con Antía Otero nun encontro na nosa aula; así dende a volta de vacacións de Nadal andabamos a darlle voltas a como faríamos a recepción da autora dese libro que tanto nos puxera a cabeza a bulir. Nós que neste curso estamos a pintar cadros sen pintura e a escribir sen lapis, queríamos amosarlle que o branco, a máis de complementar, contrastar ou mesturar con outras cores, tamén pode ser a cor protagonista dunha obra de arte e aínda así ter posibilidade expresiva de seu. Non é unha descuberta nosa, a máis de Malévich, son moitos os artistas que pintaron cadros empregando só a cor branca e con todo lograron transmitir unha idea que subxuga a quen os admira. Nesta reseña que leva por título “Antología del lienzo vacío” soubemos de artistas que pintaron en branco: Alphonse Allais, Robert Rauschenberg, Li Yuan-Chia, Agnès Martin ou Robert Ryman entre outros dos ligados ao expresionismo abstracto.

Pero a nós non nos interesaba tanto explorar as posibilidades artísticas do branco coma coñecer á nai da nena que se decepciona porque “o branco non pinta”; a quen lle amosa a Mara como o branco é a cor máis fermosa. Hai que dicir que o vídeo co que se presenta o libro, recolle fielmente o desconcerto dos pequenos cando descobren que o branco sobre papel branco case non se aprecia. O noso alumnado identificouse totalmente con Mara e quixeron coñecer a súa nai para con ela poñer os anteollos para detectar a presenza do branco no mundo.

Ben sabido é que coidamos moito a recepción das persoas que teñen a xentileza de vir a compartir un anaco do seu tempo e do seu saber con nós e que queremos que sexa un ritual pero personalizado e diferente para cada un dos convidados así, puxémonos a preparar a acollida de Antía Otero pensando como podíamos mostrarlle o noso agradecemento. Unha exposición de obras en branco, o catálogo da mesma para levarlle a Mara e un biscoito branco, comida de anxos, para celebrar o encontro foi a nosa elección.

Nos días previos quixeron coñecer a Antía, se era alta, loura, morena, nova o vella… e cando viron fotografías dixeron que parecía unha bailarina ou fada con sorriso doce e permanente. Así, cando por fin a viron en persoa xa a trataron como unha amiga á que levaron polo colexio amosándolle aquilo do que se senten máis orgullosos, convidárona á petiscar con nós e logo escoitaron a historia contada coa súa voz o que fai que sexa aínda máis fermosa. A explicación do proceso de creación das súas obras con pintura chorreada directamente do bote ao lenzo, os títulos elixidos para eles, a montaxe do catálogo e a rápida decisión de poñer os autocolantes cos que nos agasallou sobre os mesmos cadros, fixeron que voara o tempo ata o momento da despedida.

Coma sempre, non podemos máis ca agradecer que haxa persoas que queiran partillar cos nenos e nenas de igual a igual, escoitando as súas ideas e deprendendo os uns dos outros.

Mil grazas a Antía Otero, a María Brenn, a Mara, a Apiario, e a Dores Tembrás por deixar en nós unha rica experiencia de vida, desas que nos gustan, desas que lembraremos por moito tempo.

Ver todo o proceso.

O pacto educativo

In ReflexionArte on 30/01/2018 at 23:09

Indubrik_muebles_madera_maciza_felices_fiestas_interpretar_anillos_arboles_tronco

Nestes días volveu a reaparecer o tema do pacto educativo; dicimos reaparecer porque é deses temas recorrentes que cada certo tempo volve á palestra pero nunca se chega a ningún porto seguro con el. O principal escollo sempre é a falta de consenso político. Pénsase que o devandito pacto educativo sería a panacea para salvar a educación española, segundo din sempre á deriva, agás cando se quere amortizar políticamente. Nos medios de comunicación e nos debates focalízanse os argumentos a favor do pacto educativo nunha serie de puntos, tamén sempre recorrentes: a necesidade de leis que permanezan o tempo preciso para poder ver os seus resultados (ata o de agora levamos sete en trinta e cinco anos), a Relixión, o abandono escolar, a Formación profesional, o investimento económico, a ensinanza concertada, a formación inicial e permanente do profesorado, o prestixio da carreira docente e o acceso á mesma, a autonomía dos centros, etc, etc. Lugares comúns e tópicos archirrepetidos.

Agora ben, de verdade cremos que aínda no hipotético caso de que os diferentes partidos políticos decidiran pórse de acordo –froito de moitas concesións a todas as bandas- só con iso se melloraría a calidade da educación.

A mellora educativa ten que ir máis aló ca dun acordo entre partidos políticos, require do esforzo conxunto de toda a sociedade, e iso si que é difícil de conseguir cando hai forzas que centrífugas que tiran en todos os sentidos agás cara o centro onde está o neno ou nena.

Dende a nosa visión como mestras de a pé, sen ningún condicionante político, sen estar afiliadas a ningún sindicato, sen pertencer a ningún grupo, organización, empresa de servizos educativos, etc, etc, fan falla moitos máis asinantes do pacto: as familias, os medios de comunicación, as corporacións locais, as empresas de ocio e entretemento, a publicidade, facultades de formación do profesorado, centros de formación, etc, etc, todos aqueles ámbitos que dirixen as súas accións cara a infancia en moitos casos sen contar con ela, e así nos vai, cadaquén entende a educación e o educativo segundo lle conveña, mesmo con posturas contraditorias, e curiosamente todos conclúen que hai que mellorar a formación do profesorado e prestixiar o seu rol na sociedade. Paradoxal, cando son eles os que nos usurpan, desprestixian e compiten deslealmente con nós.

Non hai partido político que non leve entre os seus obxectivos o pacto educativo, pero, aparte desa bonita referencia, pouco máis sabemos do cerne desa meta tan elevada. Queda moito por dicir sobre esta cuestión, agora ben non nos gustaría que nos enredaran con debates infrutuosos ao longo dun par de anos para acabar sacando un documento tan liofilizado coma infértil, con preámbulos a modo de desiderátums e con medidas que non se concretan en nada palpable agás en campañas publicitarias.

Pouco a pouco e sen ánimo de exhaustividade iremos facendo algúns apuntamentos de cuestións a contemplar para que o pacto educativo sexa de utilidade.

Loris e Reggio

In ActualizArte on 28/01/2018 at 08:26

9788471128423_m

Loris Malaguzzi é unha das figuras máis senlleiras da educación infantil do século XX, ideólogo das internacionalmente recoñecidas escolas de Reggio Emilia, un dos pedagogos máis citados por calquera mestre ou pedagogo e con todo un dos máis descoñecidos xa que logo non hai moitos escritos del traducidos ao español. Ben é certo que el non se dedicou a escribir, así adoita dicirse que “as súas escolas son os seus libros”. Deixou obras, deixou ideas, deixou unha pegada indeleble naquelas persoas que tiveron a fortuna de coñecelo, pero pouco material escrito. Salvando as diferenzas precisas, sempre que pensamos en Malaguzzi e a súa influencia na educación, vennos á cabeza o galeguista Ramón Piñeiro, case que coetáneos, ambos deixaron unha imponte única nas persoas que os coñeceron de tal modo que foron elas as transmisoras do seu pensamento privilexiado, nun caso sobre a infancia e no outro sobre o galeguismo.

Agora, grazas ao esforzo de algúns dos seus colaboradores e estudosos, temos a fortuna de dispoñer dunha publicación na que se recollen retallos do seu pensamento que nos permiten ir reconstruíndo a xestación das escolas de Reggio Emilia.

No pasado mes de novembro a editorial Morata presentou “Loris Malaguzzi y las escuelas de Reggio Emilia”, que resume así:

Loris Malaguzzi fue una de las figuras más importantes de la educación infantil del siglo XX. Alcanzó un reconocimiento mundial gracias a sus ideas educativas y a su labor en la creación de escuelas infantiles municipales para niños y niñas en la ciudad italiana de Reggio Emilia; un verdadero ejemplo de educación progresista, democrática y pública. A pesar de la repercusión de su trabajo, solo está disponible en castellano una pequeña parte de sus escritos y de su pensamiento sobre la educación en la primera infancia. Este libro permite llenar ese vacío, presentando por primera vez en nuestro idioma textos y discursos realizados entre los años 1945 y 1993, seleccionados por un grupo de compañeras suyas del archivo establecido en Reggio Emilia. Podemos encontrar desde poemas breves, cartas y artículos de prensa, hasta fragmentos sobre los primeros años en la vida de Malaguzzi, los orígenes de las escuelas municipales, así como su pensamiento sobre la infancia, la pedagogía y la escuela.Este material está organizado en cinco capítulos cronológicos, que comienzan al final de la Segunda Guerra Mundial y acaban justo antes de su muerte. Cada capítulo contiene una introducción que incluye los antecedentes, el contexto histórico y los principales acontecimientos biográficos de Malaguzzi, junto con los argumentos que justifican la selección de dichos documentos. Este libro ofrece una visión única sobre el contexto, el pensamiento y el trabajo de Malaguzzi, basado en sus propias palabras y nos revela cómo se fue desarrollando su pensamiento, la manera en la que vinculaba la teoría y la práctica yendo más allá de las distintas disciplinas y temas, e igualmente el modo en el que era capaz de combinar los diferentes roles, desde ejercer de pedagogo hasta de administrador, así como de investigador o de activista. Una obra que resultará de interés a profesionales de la educación y a estudiantes de magisterio, pero también a personas interesadas en la Educación Infantil encontrarán en esta publicación los ingredientes que proporcionan un provechoso acercamiento a su vida y a su trabajo. Esta es la tercera obra que Ediciones Morata dedica a la relevante experiencia de Reggio Emilia, después de La inteligencia se construye usándola (1995) y de Arte y creatividad en Reggio Emilia (2013).

Desde que chegou ás nosas mans, non facemos máis ca ler, subliñar, volver atrás e reler para así poder comprender o calado do discurso deste home ao que sempre temos en mente e sobre o que en moitas ocasións nos preguntamos o que diría se vira moitas das cousas que suceden na actualidade coa infancia, coa súa atención e educación.

Se tiveramos que escolmar algún fragmento das máis de cincocentas páxinas, posiblemente quedariamos coas súas conclusións á intervención “El alumno, la clase y el maestro en una dinámica educativa, en las experiencias psicopedagógicas”, presentada en 1963  nun simposio sobre as “Relaciones entre Psiquiatría, Psicología y Pedagogía”, porque nesta conferencia, Loris vai debullando o que é a educación, a realidade psicosocial da escola, a pedagoxía do interese e a do esforzo, o rol dos docentes, a formación do profesorado ou a innovación e presenta vinte conclusións que ben poderíamos copiar e poñer na entrada de todas as aulas para non esquecernos delas.

En calquera caso, deixamos aquí un fragmento para abrir boca e superar o handicap do prezo desta publicación.

img_9469.jpg

Desde aquí a editorial permite ler un avance da publicación.

 

8 anos de InnovArte

In EmocionArte on 28/01/2018 at 00:11

QQBU4611

Quen nos ía dicir que oito anos despois de que decidiramos abrir InnovArte Educación Infantil estaríamos aínda con folgos e con ilusión por compartir a través do blog o noso traballo educativo, pero aquí estamos grazas aos azos que nos dades todas as persoas que nos seguides.

Sempre contamos o mesmo en cada aniversario pero é preciso saber que InnovArte xurdiu coma un acto de rebeldía contra o inmobilismo, tradicionalismo, burocratización e distanciamento da infancia que se está a dar na escola infantil. Haberá quen pense que isto non é así, mesmo nos replicarán que hai máis “innovacións” ca nunca e que se fan multitude de actividades que conectan cos “intereses” dos pequenos, todas elas ben recollidas en programacións, actas e documentos. E aí, precisamente radica o problema: no andazo do que Loris Malaguzzi denominaba a “pedagoxía profética”, aquela que non deixa marxe á sorpresa nin lle dá cabida ao que non está deseñado na cabeza docente ou, por desgraza, noutras que nin sequera teñen formación específica sobre a infancia e malia todo, se arrogan o dereito a pontificar sobre a educación infantil levando a auga ao seu rego. Que os pequenos son un nicho de mercado no que todo o mundo quere obter tallada lévanos ao absurdo no que estamos na actualidade, no que na mesma sentenza teñan cabida o coñecemento máis científico das características dos pequenos e a vulneración máis flagrante das súas necesidades básicas de xogo, autonomía, afecto e liberdade para facer.

spiral-jetty_1200

Un ano máis, rendémoslle homenaxe á nosa imaxe de cabeceira, Spiral Jetty, a emblemática intervención de Land Art realizada por Robert Smithson no Lago Salgado de Utah. Unha creación que nos remite ao máis primitivo e elemental, unha viaxe ao interior que mesmo desorienta, un andar contra o sentido horario, un deixar facer á natureza… Dende 1970 Spiral Jetty ten sufrido todo tipo de variacións; o peirao espiral creado en seis días con máis de seis mil toneladas de roca basáltica visible dende o espazo, cubriuse de auga, asolagouse, desapareceu da vista durante vinte anos, reapareceu recuberto de cristais de sal contrastando coas augas vermellas do lago e, hoxe en día, xa está en terra seca, tal e como se pode apreciar nas últimas fotografías aéreas que se tomaron; por mor do cambio climático, seica cada vez hai menos auga e maior concentración de sal.

spiraljetty05.jpg.990x0_q80_crop-smart

Spiral Jetty é a nosa metáfora. Unha obra para ser vista a través dos relatos e das imaxes, unha creación que vai mudando co paso do tempo malia que a súa estrutura permanece inalterable. Agora, botando a vista atrás, InnovArte tamén foi collendo corpo ao longo dos anos pero o discurso de base permanece intacto. Houbo cursos máis artísticos, outros máis lingüísticos, houbo os literarios, poéticos, pedagóxicos, algúns cheos de xenreira e de rebeldía, outros máis doces, mesmo algúns máis preguiceiros…, pero cada vez que o retomamos é cos mesmos folgos que cando o creamos. Sería ingratitude non devolver todo canto InnovArte nos deu.

Está por ver que pasará con InnovArte nos períodos de seca.

spiraljetty_030611_5

Mil grazas a todas as persoas que nos acompañades e para as que facedes do blog unha referencia habitual nas vosas vidas profesionais.

Por un ano máis.

Para facer memoria.

Por que Spiral Jetty como imaxe do blog?

Un ano de InnovArte

Dous anos de InnovArte

Tres anos de InnovArte

Catro anos de InnovArte

Cinco anos e mil post de InnovArte

Sete anos de InnovArte

 

Un conto de flores

In EncienciArte,VisionArte on 21/01/2018 at 12:00

Achégase o momento no que faremos plantacións na escola (bulbos, sementes, escallos, raíces), emporiso botamos man de moita información e vídeos nos que se resume o proceso dende a plantación ata a floración ou frutificación, pero gústannos especialmente aqueles nos que se aprecia a simbiose que se da na natureza. Así chegamos a esta fermosa curtametraxe, obra dun artista botánico contemporáneo, Azuma Makoto, quen non sabendo como explicarlle o proceso á súa filla de cinco anos, decidiu realizar esta curta coas ilustracións de Katie Scott se o animador Jamie Paulley. En  tres minutos e medio, resúmese a vida das flores. Unha historia non narrativa, mestura de ciencia e arte, na que se pode ver a polinización, xerminación, descomposición e os microorganismos que viven nas raíces das plantas.

Unha autentica delicia.

Still-frame-from-Azuma-Makoto-Story-of-Flowers-showing-a-field-of-wildflowers-being-pollinated-by-bees-680x383

Still-frame-from-Azuma-Makoto-Story-of-Flowers-show-organisms-living-in-the-root-soil-of-plants-680x383Still-frame-from-Azuma-Makoto-Story-of-Flowers-showing-a-humming-bird-collecting-nectar-from-a-flower-680x383

1495633742146-Screen-Shot-2017-05-24-at-93842-AM1495633711612-Screen-Shot-2017-05-24-at-93600-AM