No mes de setembro, unha alumna trouxonos como agasallo un libro escrito por unha amiga da súa familia, Flor Dios, titulado “Viaxeiros de peto“, que de inmediato conectou co noso alumnado porque fala dun paxariño que se vai metendo nos petos da xente -os que máis lle gustan son os petos dos nenos porque neles atopa migallas e xoguetes- e así, de paso, vai coñecendo mundo.
É ben coñecido o noso gusto polo que os nenos/as levan nos petos, cómpre lembrar que o pasado curso fixemos varias actividades relacionadas con eses agochos segredos:
- Chegada a primavera fotografamos a diario o que traían no peto, poñendo en valor as cousas pequenas.
- A representación plástica do poema de Ana María Fernández, Levo no peto, que pasou a integrar a exposición colectiva ao aire libre Poemas no tendal, con motivo do mes das Letras.
Así quixemos convidar a Flor Dios a vir á clase a contarnos como se lle ocurriu escribir ese conto e todo o proceso ata chegar a ser o libro que temos entre mans.
Como non podía ser doutro xeito, preparamos a súa recepción, acollida, atención e agasallo.
Celia tiña que ser a anfitriona, de modo que a foi recibir á porta da escola, logo fixo as pertinentes presentacións e amosoulle a aula. Previamente anticipáranos como era físicamente a súa amiga, describíndooa como “un poco pelirroja y pelinegra“, o que espertou a curiosidade dos seus compañeiros que riron a ocorrencia.
Xa asentada na aula, Flor explicounos como tras unha viaxe ao Machu Picchu no Perú onde viu colibrís, inventou unha historia para contarlle ás súas sobriñas. Logo de como nas súas clases de pintura fixeron un concurso para ver quen ilustraba a historia, resultando Isa Penabal a seleccionada. E así naceu “Viaxeiros de peto”.
Nós, como non podía ser doutro xeito, tiñamoslle preparado un agasallo: un cadro cheo de petos, un por cada neno e nena que meteron dentro o que lles gustaría atopase alí Pichu Pichu.
Tras despedir a Flor Dios, buscamos información na rede sobre o Machu Pichu e os colibrís, que logo incorporaron a un debuxo.
Flor tamén nos traía un agasallo, un libro dedicado que decidimos ceder á biblioteca do centro xa que logo nós xa tiñamos un exemplar.
Coma sempre, agradecemos a posibilidade de partillar coa autora para saber do proceso de creación dun libro, máxime cando é un coma este que nace pola implicación das súas amizades. Para nós aprender a recibir, a agradecer, a conversar e a interesarse polas persoas, polos seus gustos e afeccións é toda unha aprendizaxe.
A exposición “Viaxeiros de peto” integrada polas ilustracións do libro, inaugurou unha xeira na Casa de Cultura do concello de Outes e en breve chegará a Santiago, o día 14 de decembro, coa súa lectura a cargo da magnífica Soledad Felloza.
Con qué relatos tan interesantes nos deleitades sempre !
Sorte que temos!! As familias e amizades apórtannos tanto que non cansaríamos de agradecer!!!