Dende ben pronto, nas nosas aulas, adoitamos facer representacións gráficas, esquemáticas e sinxelas dos espazos nos que nos movemos ou daqueles aos que nos desprazamos con motivo dunha saída pola contorna, da asistencia á Casa da Cultura, á biblioteca municipal, ou a Correos, por pór un exemplo. Previo e posterior á realización destas actividades, sempre representamos graficamente o espazo no que nos movemos, ou ben empregamos ferramentas como Google maps e Google street view para facernos con el.
Inicialmente, somos nós as que establecemos a base do esquema en traxectos moi coñecidos e sinxelos, como por exemplo neste que supón así como 200 metros entre a escola e a Casa de Cultura, pero nos que hai uns referentes: pasos de peóns, semáforos, etc.
Moito se ten investigado sobre a adquisición da noción do espacio, así Piaget, Hannoun, Van Hiele establecen as etapas ou fases polas que este coñecemento vai pasando. En calquera caso, no que todos os investigadores coinciden é que debe ser traballado, que non é algo que se adquira de seu. Así, os nenos que viven en zonas rurais e se desprazan polo medio téñeno más consolidado ca os que viven en espazos urbanos onde é máis difícil moverse autonomamente. Siegel e White consideran que a aprendizaxe dos conceptos espaciais debe producirse de forma secuencial: dos lugares coñecidos aos itinerarios vinculados (desprazamentos) para poder crear mapas mentais (relacións entre lugares). Na educación infantil hai que tratar o “espazo vivido·”, a experiencia directa, explorando os espazos coñecidos, os de contacto, e xa cara finais de EI, podemos iniciar aos pequenos no “espazo percibido” xa que pouco a pouco poderá experimentar os non tan coñecidos. Hoxe en día, a diferenza do pasado, os nenos dende ben pronto fanse a viaxar a desprazarse a lugares non coñecidos, algo ao que tamén contribúen as series infantís que consumen nas pantallas.
Así, é do máis habitual que eles nos pidan planos para explicarlle aos seus familiares como chegar a un sitio.
Ás veces tamén facemos cazas do tesouro nas que facilitándolles un plano da aula, do corredor ou do patio, teñan que localizar algo no lugar sinalado no mesmo. Os planos do plan de evacuación do centro presentes en todos os espazos do centro, tamén nos son un recurso inestimable para estes nosos xogos nos que trazamos itinerarios a seguir.
De tal modo o teñen afianzado que agora xa son eles mesmo os que se animan a facer representacións esquemáticas dos seus espazos cotiáns: os seus cuartos, os parques nos que xogan…
Os símbolos, convencións gráficas, as diferenzas entre ver de fronte, ver desde arriba ou ver de lado, para nós foi unha lección maxistral que nos deu Chelo, a conserxe do centro, de formación arquitecto técnico, quen ao ver o que estabamos a traballar, non dubidou en traernos os planos da súa casa para que puideramos comprender estas diferenzas.
Ou uns pais, arquitectos técnicos os dous que tamén nos mandaron os planos de dúas recentes construccións en O Milladoiro, para que puidesemos comprobar in situ a realidade e a súa plasmación gráfica. Unha linguaxe máis a deprender na escola, cos seu propio código e significado.
Dicíame hai pouco unha nai que agora para cada desprazamento da familia case que hai que elaborar un plano ou traer exemplar dos dispoñibles no lugar.