De visita na aula da nosa compañeira e amiga Luísa, escoitamos unha tarefa que lle propuxera ao seu alumnado: preguntarlle aos pais por que elixiran o seu nome. Gustounos a actividade, porque se fai moito de lingua escrita arredor do nome propio pero en realidade non sabemos nada dos motivos polos que levamos o nome que nos identifica, nos diferenza, nos presenta e nos singulariza. Cada elección encerra unha historia que debe ser coñecida polos pequenos, xa que logo axúdalles a ir construíndo a súa historia persoal.
Xa de volta na nosa clase fixémoslle a mesma pregunta aos nenos e nenas, ningún sabía porque se chamaba así. De modo, que tomamos a idea e preparouse unha nota para as familias pedíndolle que relataran moi brevemente os motivos da súa elección.
Ao día seguinte todo eran novidades, xa descubriran que nalgúns casos levaban o nome dun familiar, dun antepasado, dun futbolista, ou que a elección se debera a motivos tales como que fora curto, non puidera ter diminutivos, levara a letra /u/, ou tamén porque o escolleran os seus irmáns de entre unha listaxe.
Pero o nome a máis do seu valor designativo ten un valor simbólico. Nunha das explicacións facía alusión a que o motivo da elección fora polo que este nome significaba. E isto xa nos deu pé a unha segunda tarefa conxunta coas familias: descubrir o significado do seu nome, a súa data no calendario, se tiña feminino/masculino, se empregaban diminutivos e tamén se tiña tradución noutros idiomas. Cómpre apuntar que a implicación das familias do noso alumnado é total; gustan de ser partícipes e de participar nas propostas de aula, a máis cremos que é unha maneira de que eles tamén descubran cousas nas que non adoitamos repararar.
Como diferenzar a dous membros da familia co mesmo nome? (a costume americana de senior-junior ou acompañalos dos números romanos); é conveniente usar nomes propios para as mascotas?; por que hai nomes que teñen variantes?, nomes propios que acaban por darlle nome á casa familiar… Hai todo un mundo arredor dos nomes propios, en cada fogar hai unha historia para contar.
É doado supoñer todo o xogo que nos deu esta información. Agora, de cara ao inicio do novo ano estamos a preparar un calendario coas datas dedicadas ao seu nome. Asemade, todas as indagacións que fixeron arredor do seu nome integran a exposición dos aniversarios, este curso con dúas representacións plásticas, a realizada na aula e a feita na súa casa, en ambos casos supón escribir o nome sen empregar útiles ou materiais convencionais na escrita.
Hai moito escrito arredor do que pode supor chamarse dun modo ou doutro, da incidencia que iso terá no futuro, de como o nome delata o contexto social familiar, hai tamén estatísticas dos nomes máis empregados nun ano ou nunha década, dos nomes máis extravagantes, dos xa case extinguidos, dos máis longos, dos máis curtos… Un nome encerra moitas historias que cómpre coñecer.
Á pregunta de se a alguén lle gustaría chamarse de outro modo, a resposta foi negativa, todos están satisfeitos do seu propio nome propio.
Información:
Diccionario de los nombres propios, Fundación Lengua Española
Diccionario de nombres propios de Roberto Faure
Nomes galegos de hoxe e de onte