Trala lectura dun libro titulado “La primera palabra de Mara”, de Ángel Domingo en Narval, preguntamos se sabían cal fora a primeira palabra que pronunciaron. Tan só unha nena o sabía, e sen embargo pareceunos que era un deses recordos para gardar polo importante que é. No conto, a familia paterna repetíalle ata o fastío “papá”, a materna “mamá”, pero Mara saíu un chisco traste e dixo “caca”, esa foi a súa primeiriña palabra.
Así todos intrigados levaron como tarefa para a casa preguntarlle aos seus pais pola primeira palabra que pronunciaron. Eu díxenlles que era algo que todos os pais e nais lembraban, así confiados marcharon coa encomenda. Completábase con traer unha fotografía de cando tiñan arredor de 6-12 meses que é cando empezan normalmente a falar, malia que con anterioridade garulan, fan rechouchíos, farfallan e comezan a balbucir e a repetir onomatopeas. Disto todos tiñan algo que dicir, polos irmáns máis pequechos ou por bebés de coñecidos.
Ao día seguinte, a clase era un fervedoiro de ilusión, todos deprenderan cal fora a súa primeira palabra e amosaban as fotografías deles con poucos meses.
Así decidimos ir anotando cales eran esas palabras e ao ver que se repetían con frecuencia decidimos plasmalo nun gráfico de barras para cun golpe de vista, ver cal fora a palabra máis habitual neste grupo.

Logo unha nena propuxo facer unha montaxe con todas as fotos e poñerlle a cada unha delas un bocadillo como o dos cómics no que se escribira a palabra en cuestión. A todos lles pareceu boa idea e así fixemos unha montaxe fotográfica titulada “A miña primeira palabra”.
Volveremos sobre isto, porque tamén falamos de facer un pareado co nome a coa palabra, un mural, unha composición artística, unha pedra palabra para gardar nas caixas dos recordos…, teremos que darlle unha volta.
Cremos que esta é unha actividade que axudou a que cadaquén vaia construíndo a súa historia de vida persoal, única, diferente e chea de momentos felices para as súas familias.
Sinxelo, ás veces falámoslle de palabras moi requintadas e esquecémonos da súa primeira palabra.
E vós sabedes cal foi a vosa primeira palabra?