Iniciamos este curso con proxectos que nos fan moita ilusión tras un ano dedicadas case por completo aos “Fíos de infantil”. Velaquí deixamos uns apuntamentos que logo iremos ampliando a medida que vaiamos concretando.
Presentacións do libro
Agora xa coas tres edicións na man, comezaremos unha rolda de presentacións polas distintas Facultades de Educación de Galicia xa que logo, acordamos coa editorial Galaxia que eses serían os espazos idóneos para dar a coñecer un libro que fala da escola infantil. Aínda estamos a pechar as datas, pero témolas confirmadas en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago. Aproveitaremos tamén para realizar unhas charlas formativas co alumnado do Practicum.
Visitas de estudo a escolas
Había xa uns anos que non visitabamos escolas no estranxeiro e tralas recomendacións da nosa amiga Carmen García, volvemos ás nosas xiras pedagóxicas cos Nidos e escolas da Bassa Reggiana – Iride e Arcobaleno en Guastalla, Zenit en Boretto e La Ginestra en Poviglio- en Italia (6-10 de decembro) e os Jardins de Infância das Escolas Josefa de Óbidos en Portugal (maio). Como noutras ocasións formaremos un grupo de compañeiras interesadas en aprender do bo que fan neses lugares. Deixamos unha pequena información, con enlaces ás súas webs e a documentos elaborados por grupos de estudo.
Tendendo pontes con Brasil
Dende fai dous anos temos pendente unha visita a Sao Paulo co Grupo Pedagogía Subjetividade que dirixe Tais Romero. Finalmente, será no mes de febreiro coincidindo coa presentación de “Os fíos de infantil” en brasileiro. Como se pode supoñer é algo que nos enche de orgullo, pero tamén temos que dicir que un dos motivos é a toma de contacto con este grupo integrado tamén por Alejandra Dubovik e Alejandra Cippitelli do marabilloso Jardin Fabulinus de Bos Aires. Esperamos que pronto poidamos visitalas tamén pois son un referente de innovación e educación respectuosa coa infancia.
Renaturalizando a educación infantil
Dende hai un tempo andamos a darlle voltas a como volver a natureza ás aulas de infantil ou de como levar as aulas á natureza, así xa o curso pasado tomamos contacto e visitamos iniciativas como as escolas bosque Amadahi en Dexo e Foresta Espacio de aprendizaje Activo en Vincios e imos sabendo de grupos como Alados-Bosquinenos que promoven unha educación no medio natural como alternativa a outras actividades fóra do tempo escolar. Tamén imos levando conta de moitos centros que están volvendo o verde a os seus patios escolares. Ogallá prosperen moitas máis, mentres tanto iremos aprendendo deles.
Loxicamente, a escola será o groso do noso traballo, e iremos dando conta do que realizamos cun grupo agora xa de cinco anos e de como abrimos as nosas experiencias á comunidade.
Esperamos que este curso poidamos continuar un ano máis co blog, xa van oito, pero aínda queda moito por debullar.
Bo inicio de curso para todas e todos os que nos seguides e nos dades azos para continuar.