Presentación de “Os fíos de infantil”

5403aef97d3c8a7bba4bc9d60e0ca6de(1)

O 29 de xuño no Museo Pedagóxico de Galicia tivo lugar a presentación oficial da edición en galego do noso libro “Os fíos de infantil. InnovArte Educación Infantil”, por parte do Conselleiro de Cultura, Educación e O.U., Román Rodríguez e do Director Xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro, acompañadas tamén polo Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

IMG_5197

Cando por fin veu a luz un proxecto tan acariñado dende lonxe foi a culminación dun traballo que nos supuxo a dedicación de moitas horas, momentos de ansiedade e de preocupación dende o día que nos puxemos a escribilo, ata que, tras gañar o premio Marta Mata empezamos coa maquetación, coas imaxes e coas revisións das edicións catalá (xa publicado en marzo), galega (en xuño) e castelán (en setembro).

IMG_2839

En calquera caso, foi para nós un día de felicidade profesional e persoal, vendo ao noso carón a familia e a tantas amizades e compañeiros no mundo da educación.

As palabras do conselleiro viñeron a redundar o xa manifestado no prólogo institucional co que se acompaña a edición galega; cunha idea que nos enche de orgullo que é o recoñecemento da labor que se desenvolve nas aulas e á proxección exterior desa práctica. Nós sempre manifestamos que a intención que tiñamos cando abrimos InnovArte Educación Infantil non era outra que a de suscitar unha reflexión sobre a atención que se lle dispensa á infancia. Haberá quen  comparta o que dicimos, haberá quen non, agora ben, damos ocasión para poñer o punto de mira en cuestións que moitas veces se fan de maneira rutineira.

Aínda así, ese acto quixemos reservalo unicamente para manifestar o noso agradecemento e así o fixemos a través destas palabras que entre as dúas lle diriximos aos asistentes.

 Señor conselleiro, director xeral, director xeral de Galaxia, asistentes, bo día a todos.

O habitual nestas ocasións é falar do libro que vimos a presentar, pero nós deixamos esa parte porque como non ten moita intriga non queremos destripalo, así, non vos queda outra que mercalo e lelo. E aquí, todo canto imos facer é dar as grazas por axudarnos a facer unha manta. En efecto, dicimos en “Os fíos de infantil” que con cada promoción de alumnado nós imos tecendo unha manta coa que arroupalos para a súa vida futura; esa manta leva uns fíos que son unha constante na nosa práctica, pero case todos eles dependen máis dos que aquí estades ca de nós mesmas.

Como a miña irmá Isabel e máis eu traballamos a catro mans, así será como volo iremos contando.

Veredes.

Hai un fío institucional…, a Consellería de Educación que sempre nos apoiou en todo canto fixemos. Mostra diso é que hoxe esteamos aquí coa edición en galego finanzada pola consellería. Conselleiro, queremos darlle especialmente as grazas, pola súa acollida, polo cariño e polo respecto ao noso traballo. Debo confesar que cando lin o prólogo co que presenta o libro, botei a chorar (será cousa da idade que unha se vai facendo máis frouxa…), porque dicir de nós que somos boas e xenerosas…, a poucas máis mencións e títulos pode aspirar un galego ou unha galega. E dicir que a escola que nós mostramos é a escola que quere a consellería, vén a ser a culminación do noso traballo. Grazas Román, por tan xenerosas consideracións para con nós.

Non debemos esquecernos doutro membro do seu equipo que dende hai moitos anos mira por nós, o Director xeral de Recursos Humanos e Centros, José Manuel Pinal. Grazas aos dous por axudarnos a ver publicado o libro na nosa lingua materna. A consellería ben sabe que a escola non se cambia a golpe de leis, cámbiase coas crenzas e bo facer do profesorado, así que, apoiando as prácticas, amosando exemplos e salientando o traballo dos docentes talvez será como mudará a educación.

Por outra banda, e nese fío institucional tamén metemos as corporacións locais. A día de hoxe, case ten tanto peso a educación formal como a non formal, a que en grande medida depende dos concellos, emporiso é determinante que as actividades educativas que se propoñen fóra do horario escolar sigan uns criterios atinados. O noso concello, Ames, independentemente da súa cor política, sempre amosou unha grande sensibilidade de cara ao educativo, así nos ten apoiado en gran número de propostas gabándose do traballo das escolas da localidade.

De seguido pasamos ao fío editorial.

Temos que dicir que no mes de novembro, no día que soubemos que resultaramos premiadas co Marta Mata, era xa pola tardiña e asistíamos á presentación dun libro na que estaba Víctor Freixanes, daquela aínda director xeral de Galaxia. Cando lle dixemos que víñamos de ganar o premio e que nolo publicarían en catalán e en castelán, o primeiro que nos dixo foi: “falade cos cataláns para traducir o libro ao galego”. Ghiadeiras como somos, así o fixemos, e trala marcha de Víctor, Francisco Castro, amigo tamén, asumiu o compromiso con todo o cariño xunto con Malores Villanueva, a nosa editora (que gusto dicir isto..). Ver o noso traballo en editoriais como Rosa Sensat e Octaedro énchenos de fachenda agora ben, velo publicado na editora buque insignia da cultura galega, non vos podedes imaxinar o que supón para nós. Mil grazas tamén.

A día de hoxe, as editoras teñen un papel fundamental nas tendencias educativas. Que se decida publicar un libro ou outro, vai máis alá de cuestións económicas ou modas, trátase dunha responsabilidade, porque nas súas páxinas agóchanse concepcións sobre a escola, sobre a infancia e sobre o ensino. Apostar por un libro é tamén unha forma de compromiso coa educación. Levamos con orgullo que estas tres editoras coas que  sae “Os fíos de infantil” (Rosa Sensat, Octaedro e Galaxia) teñen demostrada solvencia, criterio e prestixio educativo.

E por riba, as tres edicións van acompañadas dos prólogos que nos fixeron dous pesos pesados na educación infantil: Carmen Díez Navarro e Beatriz Trueba, faros que alumean o camiño profesional de tantas mestras, entre elas nós, que sempre as admiramos e seguimos nas súas traxectorias profesionais. Cando nos preguntaron quen nos gustaría que nos prologase, dixemos que tiñamos o corazón “partío”, e en Rosa Sensat suxeríronnos que llelo pedíramos ás dúas; así o fixemos e aceptaron. Que unha nos chame “abellas tecedoras” e outra “mestras abano”, serán tamén deses títulos que nos queden gravados para sempre, por acadar esa consideración delas. Mil grazas ás dúas pola súa xenerosidade e alegría.

Pero ademais, para que isto vira a luz, tivo que contar co concurso de moitas máis persoas.

Detrás dos traballos hai unha familia. Para a nosa, InnovArte é un membro máis na mesa de xantar. Dende fai sete anos, dános motivos para debater cada quen dende o seu lugar no sistema educativo: coma docentes, coma alumnos, coma pais… algo que definitivamente enriquece a nosa mirada. Pero antes de todo iso, os nosos pais, Manolo e Lina, a quen lle dedicamos o libro, traballaron arreo para investir na nosa educación xa que logo pensaban que era a mellor herdanza que nos podían deixar. Nosa nai, aínda a día de hoxe nos lembra a nosa responsabilidade para que na escola non se noten as diferenzas debidas á procedencia social, situación económica ou singularidade das familias do alumnado, tal e como ela viviu nunha desas escolas de ferrado das que garda memoria este museo. Nosa tía Victoria, quen coa súa prodixiosa fantasía encheu a nosa infancia con contos de boca, facendo que nós devezamos por cativar os pequenos con historias tal e como ela fixo con nós. Noso irmán Manolo, quen coa súa resolución, paciencia, bondade e xenerosidade, arranxa todos os problemas loxísticos das nosas montaxes máis espectaculares. A miña filla e os nosos sobriños, banco de probas de libros, de inventos e de xogos, que con sinceridade desarmante nos din de inmediato o que lles gusta ou non sen andarnos con panos quentes. Nosa prima Sandra que sempre nos chega con primicias editoriais que só ela atopa, e nosa tía Mary que é quen de irnos buscar un adobío a o corno máis lonxano da lúa.

InnovArte, este libro e o noso traballo escolar, é un asunto de familia, pero non só da nosa, senón tamén das do noso alumnado. Fálase moito da participación dos pais na escola dos pequenos, pero en moitos casos queda reducida a traballos grosos. Nós entendemos a educación como unha corresponsabilidade, unha responsabilidade compartida sabendo os uns dos outros. Levamos con fachenda que hoxe estean aquí con nós, pais e nais dos nosos rapaces, algúns xa mozos e mozas, e temos a sospeita de que non o debemos facer moi mal pois temos unha elevada taxa de ex alumnos que cursan Maxisterio (non nos atribuímos todo o mérito diso pero unha mestra de infantil marca moito…). Nunca se dimensiona debidamente o impacto que pode ter un docente na vida dun neno e nas expectativas que a familia deposita na súa educación. Mil grazas a elas por confiar en dúas mestras non convencionais.

Tamén temos presente o fío da Universidade, con quen mantemos contacto continuo lonxe das tirapuxas habituais entre a teoría e a práctica. Grazas a profesores que integran a nosa mirada e nos enriquecen coa súa avanzando por unha escola de máis calidade. Persoas como Lina, Lois, Zabalza, Javier Rouco, Vicente e Salvador, Uxío, Antón Costa e outros moitos que non entenden de diferenzas de categorías de profesorado segundo os niveis nos que traballan.

E temos tamén xa no fío da profesión, compañeiras que nos ven en directo, sen filtros, aquelas que ata nos viron nalgunha ocasión botando un berro, as que nos deixan saír un intre para tomar aire e contención: Luz e Begoña, e outras coma Ana mestra novel que, coa súa xuventude e enerxía nos devolveron a mirada fresca sobre a escola. Porque ensinar a cara boa do que facemos non nos converte en perfectas, nin o pretendemos. En InnovArte tamén temos falado dos nosos fracasos, das decepcións e das contrariedades, porque das teclas brancas e negras é de onde saen grandes melodías.

E como esquecernos do fío das amizades? Somos o que somos grazas ao que nos dan os amigos e amigas. Fálase moito da formación do profesorado, pero case nunca se menciona a incidencia que as relacións poden ter no desempeño profesional. Agora, seica os cazatalentos das grandes multinacionais non miran tanto os títulos que poida ter un aspirante coma as súas vivencias, as súas relacións e a súa apertura social. Nós somos ricas en amizades e a máis, todas elas están comprometidas con InnovArte.

Malós e Víctor que desde que recalaron no Cabo nos fixeron crer que somos mellores do que en realidade somos, (sabémolo pero gústanos crelo), e Malós que de cada viaxe, de cada feira do libro, de cada librería nos agasalla cun tesouro para InnovArte. Marisé e Victoria das que tanto compromiso social deprendemos en cada un dos seus pequenos xestos. Mercedes que entre libros, poemas e  gargalladas nos deu tantos motivos para reflexionar. Luísa e Moncho cos que nas sobremesas montamos pseudoclaustros malia todas as promesas feitas ao meu marido de non tocar temas educativos. Fina Casalderrey coa súa sinxeleza e fondo calado e Mariano co seu pragmatismo e retranca. Antía Cal co seu activismo educativo. Xosé Antonio coas súas traducións e procura da palabra exacta en galego. Ou Xabier Sanisidro co seu entusiasmo desbordante…

E logo están as persoas que grazas a solicitar a súa colaboración para actividades de aula, acaban por se converter en amizades. Son tantas as que nos deron o mellor de seu…: Leandro Lamas os seus contos pintados. Gonzalo o seu bosque e o Xardín do Recordo. O escultor Ramón Conde ca maestría das súas mans. María Solar cos seus pés perfectos. A poetisa Rosalía Morlán as súas lúas e estrelas. Palmira do Sardiñeiro as súas barquiñas de papel. Dores Tembrás o seu peizoque Roque…

Sería imposible mencionar aquí todas as persoas que dun xeito ou outro nos agasallaron co seu saber para goce dos pequechos. Cando dicimos que a escola ten que ser aberta aos saberes, non é tan só a aqueles que se axustan aos nosos parámetros académicos, é a todos en xeral, porque sendo receptivos é como lles ensinaremos aos nenos a ser e a estar no mundo.

Ao igual que no libro, aquí non queríamos máis ca amosar o noso agradecemento polo que a vida e a  boa xente nos brinda, e iso, amigas e amigos, é un dos fíos fundamentais do noso traballo, porque de nada ou pouco valen os requilorios e os coñecementos requintados se na escola non lle deprendemos aos rapaces a ser persoas que gozan co sinxelo, a descubrir cada día un anaquiño de mundo, a gorentar a experiencia e o saber dos outros.

Esperamos que vós gocedes co libro ao igual que nós o fixemos mentres vivíamos cada unha desas experiencias.

Moitas grazas por axudarnos a tecer esta manta.

Mil grazas a todas as persoas que nos acompañaron coa súa presenza ou co seu afecto e respecto profesional aínda dende a distancia.

21430100_1134401266693854_5971432175077891806_n

Agora, enorgullecenos ver o libro nos escaparates das librerías, en reseñas en publicacións especializadas e ler as opinións das persoas que dedican o seu tempo a lelo.

 

2 Comments

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s