Educación e compromiso cívico no Xardín do Recordo

As persoas que nos seguen saben da nosa teima por conectar a realidade educativa e a realidade social con experiencias que favorezan a educación nos dereitos humanos e a aplicación deses coñecementos na vida, seguindo, entre outros, os mandados da UNESCO para a educación no Desenvolvemento Sostible que instan á configuración de novas metodoloxías nas que os coñecementos académicos, as competencias cognitivas e as claves para o exercicio dunha cidadanía activa estean intimamente imbricadas. Así, sempre tentamos proporcionarlle ao noso alumnado vivencias nas que participe a comunidade e que ao fin revertan sobre ela axudando a mellorala. Cómpre lembrar que fixemos noso o lema de Eduardo Galeano: cousas pequenas de xente pequena en lugares pequenos que poden cambiar o mundo.

Dende o comezo deste curso iniciamos unha relación de colaboración co proxecto do Xardín do Recordo no Pazo do Faramello, un xardín público memorial á traxedia de Angrois no 2013. Estreáramos alí o outono contribuíndo coa plantación dun exemplar de cercis canadensis (árbore elixida pola Escola de Paisaxismo Juana de Vega para simbolizar cada unha das 81 vítimas do accidente de Angrois); asistimos á caída das follas das árbores do amor, emocionámonos coa súa floración na primavera e coa volta da súa follaxe con forma de corazón; celebramos cada nova incorporación de árbores grazas ás visitas doutros centros educativos e fómolo vendo medrar pouco a pouco. Con tal motivo, agora, quixemos darlle o peche a este curso no mesmo lugar pero con toda a nosa comunidade á que foramos facendo partícipe de todas as nosas achegas.

Abonda dicir que non somos partidarias das celebracións de peche de curso que tanto se estilan coma festivais e macrofestas nas que o consumismo, a falta de calma e de reflexión son o denominador común. Emporiso, a nosa alternativa tiña que ser máis serena, sen esas divisións entre escola e comunidade na liña de actores ou espectadores e, ao tempo, xeradora de compromiso cidadán. Unha merenda coas familias nunha pracenteira tarde no lugar do que tanto nos oíron falar, facéndoos parte tamén do proxecto do Xardín do Recordo foi a nosa opción.

O pasado 15 de xuño citámonos todos os grupos de 5º de EI no xardín coa consigna de que cadaquén tiña que aportar o mellor de seu para contribuír ao benestar de todos: merendas, doces, refrescos, cantos e música, papaventos, xogos e enredos, conversas e miradas cómplices sobre o que nos une a todos, as nenas e nenos.

Pero a comunidade somos máis ca docentes, alumnado e familias, é a sociedade en xeral e o entorno social en concreto, así fomos moitas máis as persoas que colaboramos para facer desta tarde un recordo especial da vida escolar en educación infantil.

Cando contamos algunhas das nosas experiencias, adoitan sorprender as colaboracións que logramos ao que respondemos que como norma xeral a xente bríndase gustosamente con todo o que teña que ver coa educación dos pequenos, sempre e cando se lle pida que mostren aquilo que mellor saben facer, aquilo que lles gustaría transmitir á infancia. Non pode haber imposicións senón apertura, se de verdade abrimos a escola aos cidadáns igual levamos grandes sorpresas.

Neste caso, o ilustrador Leandro Lamas, tan coñecido pola súa creatividade coma pola súa xenerosidade e compromiso con outros modos de vida máis respectuosos, quixo realizar unha ilustración que se converta en imaxe do Xardín do Recordo.  Trasladala a un cartel para estar á vista dos visitantes foi tamén xentileza da empresa local Rótulos Axeitos, asiduo colaborador nas nosas experiencias.

DSCN5057

Non faltou a vertente artística coa extraordinaria intervención do escultor Marcos Mariño, un creador que, ao longo da tarde e á vista de todos, coas súas motoserras foi dándolle forma a un tronco dunha árbore derribada polos temporais do pasado inverno ata transformala nunha alegoría do Xardín do Recordo na que non faltan os símbolos inconfundibles do Pazo do Faramello, o Sol e a Lúa.

Mención especial merece tamén a compaña da fotógrafa Elena Cerviño que cada día nos agasalla nas redes coas súas miradas sensibles, especialmente as referidas ao Xardín do Recordo, así grazas a ela imos sabendo ata dos cambios que lle pasan desapercibidos á meirande parte dos visitantes.

A nosa contribución na nosa liña, poemas e letras, para que quen visite o xardín saiba os nomes en galego das especies arbóreas que o integran e poidan deleitarse coa lectura de poemas de escritores da terra que lle falan aos ríos, ao vento e aos bosques.

E tamén unha recomendación para camiñantes, visitantes e peregrinos sobre como pasear pola lendaria senda da Traslatio Xacobea e Camiño Portugués que discorre paralela ao Xardín do Recordo: os vinte puntos do “Manual do bo paseante” de Raimon Juventeny publicado en Faktoría K de libros trasladados a laxas de pizarra para que a cada pouco vaian impregnándose do espírito dos bos paseantes.

Como non podía ser doutro xeito, todo o noso agradecemento ao artífice do Xardín do Recordo, Gonzalo, quen coa súa xenerosidade,  compromiso coa memoria, coa educación e co futuro nos acolle nos seus eidos sempre cun agasallo, neste caso cun exemplar de cotinus máis coñecido como árbore das pelucas, que tamén foi plantado coa axuda de todas as mans, aportando o noso gran de terra a este proxecto que naceu da súa iniciativa pero precisa de que todos arrimemos o ombreiro.

DSCN4956 - copia

Grazas a todos por facer desta tarde un recordo especial nun lugar moi especial.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s