Hai uns días asistimos á charla de “A necesidade de naturalización do entorno escolar”, do escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval, encadrada na XVII Campaña municipal de animación á lectura do concello de Santiago. Foi un verdadeiro pracer escoitar o motivo polo que escribiu o libro “A árbore da escola”, publicado en Kalandraka coas ilustracións de Emilio Urberuaga, e así arrinca o seu alegado a favor da naturalización dos centros, instándonos mesmo á “desobediencia civil” (parafraseando a Thoureau), xa que logo, somos os docentes os que temos que tomar a iniciativa de que por enriba das normativas construtivas, dos regulamentos dos centros e das demandas de seguridade e limpeza das familias, está o benestar físico e psicolóxico dos nenos, que precisan sen máis dilación da vitamina N (natureza), da que fala Richard Louv, pois todos adoecen do trastorno polo seu déficit. Deu razóns dabondo para convencernos de que de seguir como ata o de agora, a saúde dos pequenos verase resentida no futuro, con tal motivo foi debullando todos os acordos asinados nesa liña por sobranceiras organizacións internacionais.
Coma sempre, o problema radica en que os que alí estabamos non precisábamos de que nos persuadira, en troques hai moitos docentes que non queren saber nada de meter a natureza nas aulas nin de levar as aulas á natureza; comodidade, falta de tempo, responsabilidades, etc. son os argumentos que esgrimen avalándose na lexislación vixente e nos regulamentos dos centros educativos que veñen a dárllela razón. Entón non queda outra ca de volvernos todos activistas da renaturalización das escolas.
En verdade, xa somos moitos e moitas as que estamos convencidos de dar esta viraxe cara o verde; xa se están a ver iniciativas como a das escolas bosque, a naturalización de patios, escolas que desenvolven gran número de actividades no exterior, etc., son pequenos pasos, que acabarán configurando unha tendencia da que, pouco a pouco, se farán eco os medios de comunicación coa súa conseguinte aceptación social. Hai xa brotes verdes.
A nós o que nos preocupa son os sucedáneos que poden saír desa liña, todos eles deliberadamente impostos polo mercado: o negocio das actividades dos nenos na natureza, a perversión da idea xenuína en prol do beneficio económico. Chegado este momento do curso no que facemos saídas didácticas cos cativos, hai xa un nicho emerxente no que poderíamos agrupar a todos aqueles que en unha sesión de mañá ou tarde nos ofrecen unha experiencia “inesquecible” na que a modo de time lapse os nenos poden sementar, ver agromar, colleitar e procesar (pan, leite, viño, mel) en tan só un minutos, ou por un case nunca módico prezo montar a cabalo, darlle de mamar a un xato, incubar e ver como nacen os poliños dos ovos que eles recolleron no galiñeiro. Todo ilo respectando os controis de seguridade sanitaria, alimentaria e animal ou vexetal e acompañado polas explicacións de persoal especializado en cada caso. É dicir, estamos a levar aos pequenos a parques temáticos da natureza, onde esta se nos presenta illada, envasada e esterilizada.
Paradoxos da educación, para ensinar o natural recorremos ao artificial. Para facer iso, case que mellor poñerlles un vídeo na escola. Sabemos de certo que os nenos volverán contentos, algúns mesmo verán o que nunca viron, pero non é iso o que debemos pretender ou mellor dito non é así como lograremos pór á infancia en contacto coa natureza.
Se en verdade queremos renaturalizar a vida dos pequenos hai dúas condicións que non deberíamos perder de vista:
-A natureza hai que normalizala, en maior ou menor medida, ten que estar presente na vida cotiá, no día a día de cada neno e nena. Non se trata de facer unha requintada experiencia anual senón máis ben dunha pentasensorial vivencia diaria. Sempre será mellor poder coidar dunhas plantas que sementaron nunhas macetas preparadas por eles e das que levaron conta dos días ata que as viron agromar, medrar e frutificar, que unha espectacular visita, aínda que sexa á horta de permacultura do Xigante Verde ou aos novos xardíns colgantes de Babilonia.
-A compoñente afectiva non hai que desdeñala; ao igual que sucede coa animación á lectura, coa educación en valores, coa educación en xeral, ensinamos máis co exemplo que coas leccións maxistrais, e nós, os docentes temos que ser os mediadores entre a vivencia coa natureza e os pequenos. Non precisamos de requilorios dos expertos en plantas, en xardinería, en agricultura ou en gandería, precisamos amosar o pracer que nos produce o contacto co medio natural; se somos quen de transmitirlles iso xa podemos dar por ben feito o noso labor. Sobresaturamos de didactismo o que ten que entrarnos polo simple goce.
É moito máis sinxelo e moito máis barato do que pode parecer, a pregunta que nos asalta sempre é, e logo porque non o facemos? En verdade cremos que realizamos algo significativo pola natureza, celebrando unicamente un día dedicado á nai Terra, ao medio ambiente, á auga ou aos bosques.
As saídas hai que desenvolvelas en espazos naturais-naturais, válome da redundancia para diferenzalos doutros de carácter educativo-lúdico-artificial, dos que sen desbotar o valor das súas actuacións non poden ser substitutivos ou usurpar o lugar de seu que lle corresponde á contorna natural tal e como a podemos atopar sen ir a un espazo creado ad hoc. Estar na natureza non pode ser ir a unha aula máis, ten que ser unha vivencia que ás veces nin precisa de explicacións, tan só da admiración e da recreación, requirindo logo da calma e do sosego.
Mentres non entendamos isto a naturalización das escolas pode ser unha cuestión decorativa ou unha experiencia lúdica anual, pero non acadaremos os obxectivos de mellorar as condicións de vida e saúde dos nenos nin de que “termen da paisaxe”, como ben dicía Marilar Aleixandre no seu descurso de ingreso na RAG no sentido de coidala, mirar por ela e sustentala.