Entroido rosaliano

16938894_10208936866364328_4052358618777997526_n

A vida sempre nos sorprende cunha reviravolta máis aló da nosa imaxinación. Pensabamos que xa nada máis teríamos que dicir sobre o Entroido e resulta que este ano coincidiu co día dedicado a Rosalía de Castro (lembrándonos o seu nacemento nunha data neutra, inocua, que non interfire con nada), así houbo quen viu a ocasión e pensou en “matar dous paxaros dun tiro” co nunca visto ata o de agora, facendo os disfraces máis orixinais de Galicia: nenas e nenos caracterizados de Rosalía. Pensarían que así conxugaban a cultura coa celebración pagán por excelencia, manifestación senlleira da tradición popular galega. Que desatino! Pero haberá alguén neste país que lles diga que non están a facerlle ben nin a cultura, nin ao Entroido nin á educación. Como pode ser que aínda haxa medios de comunicación que reproduzan esa barbaridade? Acaso na CRTVG tampouco hai ninguén con sentidiño?

En verdade, o Entroido sempre foi un tempo de saltar por enriba de todos os poderes, pero isto xa roza o sacrilexio. Agora ben, quen lles vai afear o desatino, quizais os que promoven que para enxalzar a figura literaria de Rosalía se faga una carauta ou os que piden que fagamos un mannequin challege?.

Aquí andamos algo confundidos. E no caso da educación aínda máis porque parece que o nunca feito é innovador; e non señores hai cousas que nunca se fixeron porque sempre se pensou que eran parvadas. Facer caretas é facer caretas, exercítanse as habilidades manuais e plásticas. Facer de “estatuas” é aguantar un tempo sen pestanexar nin mover un músculo. Ora ben, celebrar a obra e a figura de Rosalía, a nosa poetisa máis universal é outra cousa. E coñecer na escola as celebracións típicas como é o Entroido, tamén é outra cousa, que non pasa por que as mestras se teñan que vestir daquilo polo que devecen no seu foro interno co pretexto de facérllelo pasar ben aos nenos, nin porque o centro se transforme nun sambódromo.

Aquí fai falla que alguén veña a dicirlle á escola que se está equivocando de lado a lado. Pero xa saben vostedes…, mentres o pasemos ben, haxa bo ambiente escolar e as familias estean contentas, tira para diante. A ver quen lle pon o ramo ao asunto. E quen llelo vai pór: as voces autorizadas do mundo da cultura ou a consellería?; Quen vai ser o valente que lle diga ao emperador que vai espido.  Porque certamente estamos nus. A dúas ou tres voces discordantes coa euforia e banalización da cultura acábaselles tillando de rancios, aburridos, amargados e augafestas e os que aínda conservan a conciencia (cultural ou pedagóxica) pero teñen outros obxectivos, miran para outro lado e deixan que corra a auga, non vaia ser que perdan clientes, vendas de libros, seguidores ou amizades nas redes sociais.

Hai uns días escoitámoslle a Francisco Castro, director da editorial Galaxia, que se a Xunta lle quixera facer un favor ás Letras Galegas, debería mantelo como día laboral, para que así se conmemorase co motivo polo que foi concibida e non no que se trastocou, coma unha ponte no mes de maio que co bo tempo convida a facer turismo pero non a celebrar a nosa lingua e literatura galega. Leva toda a razón, agora veremos quen é o valente que saca ese festivo do calendario laboral e escolar, habería que ver como se poñían de punta os tour operadores.

Pois o mesmo acontece co que estamos a dicir pero, quen lle vai pór freo a isto quizais o profesorado que sempre foi moi comprometido coa cultura, coa lingua, coa educación, coas tradicións e cos valores? Sincera e lamentablemente, a día de hoxe, non o creo.

Sabemos que o amigo Leandro Lamas nos desculpará por empregar a súa fermosa acuarela para esta entrada do blog tan desesperanzada. Facémolo porque, coma el, mantemos a ilusión porque se redescubra a Rosalía coma unha muller de rabiosa actualidade, adiantada ao seu tempo e rabuda porque non aceptaba os condicionantes do momento no que lle tocou vivir. Emporiso queremos fuxir de imaxes de muller chorona ou doutras que xa son souvenirs. Rosalía é moito máis ca todo iso e está por enriba de disfraces ou de carautas, pero temos que crelo e non deixar que a convertan noutra cousa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s