Sete anos de InnovArte

Fai hoxe sete anos botou a andar o blog InnovArte e que dicir que non teñamos dito xa con motivo de cada un dos seus aniversarios: que non esperabamos estar presentes tanto tempo, que non contábamos coa acollida que tivo, que non somos quen de agradecer todas as palabras de ánimo que recibimos, que non imaxinabamos o que nos ía supoñer esta andaina, que xa non concibimos o noso traballo sen InnovArte…, todo certo e todo xa sabido.

Cada 28 de xaneiro destes últimos sete anos fomos relatando a nosa sorpresa e o noso agradecemento por todo canto nos supuxo o blog, en cada un deles pensabamos que probablemente sería o derradeiro, o medo a aburrir ou a aburrirnos é a nosa principal preocupación. Logo imos andando no tempo e hai períodos abondosos e períodos de seca, -adoitamos dicir que paros biolóxicos para rexenerar-, ata que un día volven a nós as ganas de contar o que facemos e imos tirando de InnovArte.

Cada vez estamos máis convencidas de que a imaxe de InnovArte, Spiral Jetty, é a mellor metáfora visual do noso estado. Esta intervención do realizada por Robert Smithson no Lago Salgado de Utah, muda cada día, sendo máis visible ou menos visible en función da altura das augas, pero en calquera caso está aí desde 1970 e sempre hai alguén que sucumbe fascinado perante esta obra senlleira do Land Art, da que só se pode apreciar na súa magnitude desde a lonxanía.

spiral_jetty5

Fotografía George Steinmetz

Sempre dicimos que comezamos a escribir o blog como un acto de catarse contra o tradicionalismo e inmobilismo da escola infantil, na que xa se consolidaron tantos rituais sen sentido en tan poucos anos que mesmo dá medo, na que ás veces parece que só se mira cara riba tratando de emular aquilo que precisamente se lle critica aos niveis superiores. É posible que as primeiras xeracións de mestras de infantil (daquela preescolar), tras case que trinta anos de exercicio xa esteamos cansas de defendernos das críticas e das demandas que se nos fan; é posible, agora ben, claudicar non é o mellor favor que lle podemos facer aos pequenos. Emporiso InnovArte volca os seus esforzos nas persoas que están en período de formación inicial, para que saiban tomar o relevo, pero hai algo que nos últimos tempos nos está arrepiando, estamos a ver profesorado novel máis rancio, máis acomodaticio e menos motivado do que nunca poderíamos imaxinar. Cómpre unha reflexión desde as facultades e desde os procesos selectivos de oposición, de non ser que sexa iso o que pretenden intencionadamente. Haberá que ver se hai discursos paralelos, por un lado salientamos as metodoloxías activas e respectuosas coa infancia (mesmo as alternativas) e polo outro consolidamos a escola pobre de expectativas, a escola chea de aparellos, chea de programas de emocións pero baleira de corazón e de sentir.

Será como a sociedade e a vida mesma:  soñamos cos ideais e coa utopía pero logo conformámonos co fácil co que non nos supón moito esforzo nin moitos desgustos.

Pois xa imos adiantando que a InnovArte aínda lle quedan folgos para seguir poñendo o punto de mira nesas discrepancias e para amosar as nosas alternativas ao que cuestionamos.

Por un ano máis.

Para facer memoria.

Por que Spiral Jetty como imaxe do blog?

Un ano de InnovArte

Dous anos de InnovArte

Tres anos de InnovArte

Catro anos de InnovArte

Cinco anos e mil post de InnovArte

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s