A palabra xusta de Antía Cal: compromiso coa educación

CARTEL_GALEGO

Onte polo serán estreouse en Vigo o documental “A palabra xusta” arredor da vida de Antía Cal, mestra fundadora do colexio Rosalía de Castro, no que a diario lle pedía aos seus alumnos que definiran coa “palabra xusta” o aprendido na xornada. Nós non tivemos a fortuna de ser discípulas dela, así que nos custa moito reducir a unha palabra a impresión que nos causou o filme, con todo cremos que “compromiso coa educación” pode ser un bo intento. Aínda así non estamos nin preto da metáfora creada por Miguel Piñeiro, o seu director que, cunha grande sinxeleza, sen alardes nin circunloquios, logra retratala dun modo fidedigno e inconfundible: Tita en Muras facendo camiño polas corredoiras, polos montes, pola beira do río, abrindo portas e fiestras para deixar entrar a luz ao tempo que vai debullando as súas vivencias e recordos acompañada de fotografías familiares e de fragmentos das cartas que lle enviaba o seu marido Antón Beiras. Certamente, a máis do seu valor por plasmar a vida desta mestra innovadora e afoutada,  é unha beleza de documental, moi emotivo, nótaselle ben que foi feito desde o respecto e a admiración.

As persoas que seguen este blog, saben do noso aprecio por Antía Cal de quen temos falado en múltiples ocasións: con motivo da concesión do Premio Trasalba no 2012 co libro “Sementar no futuro“,  da entrevista que lle fixeron en Preescolar na Casa TVG, pola reportaxe publicada en EDUGA 50 ou pola publicación do libro “Este camiño que fixemos xuntos” na editorial Galaxia. Dende a coñecemos no ano 2005 na súa casa de Domaio, quedounos presente o seu agradecemento profesional pola Asociación de Mestres Rosa Sensat así, cando agora nos concederon a nós o XXXVI Premio de Pedagogía Marta Mata, ela foi das primeiras persoas a quen llelo comunicamos e á volta de recollelo pasamos unha tarde xuntas rememorando as súas aprendizaxes profesionais derivadas das Escolas d´estiu de Cataluña.

Vendo o gran número dos que foron os seus alumnos e alumnas que onte a acompañaron e se emocionaron coa cinta, podémonos facer unha pequena idea do lles supuxo ter a Tita como mestra; con todo, para as persoas que non tivemos esa fortuna, é moi recomendable ver o documental, é máis, cremos que sería aconsellable o seu pase nas Facultades de Educación, para que os máis novos saiban o que era innovar nos anos 60 do século pasado e de como se consolida unha vocación docente, con lectura, con amizades, con conversas, co amor pola cultura galega, coa escoita dos nenos e das súas familias, con moita alegría e mesmo con outra tanta rebeldía.

estreno-documental-palabra-xusta-3_g
Faro de Vigo

Para nós onte foi un deses días para o recordo e ben aproveitado porque nos reunimos na editorial Galaxia co seu novo director, Francisco Castro e con Malores Villanueva que será quen coordine a edición e galego do noso libro “Os fíos de infantil;  no que arredor dun café tamén partillamos coa nosa amiga Selina Otero, xornalista de O Faro de Vigo, sobre a presencia/ausencia nos medios das boas novas educativas; e a máis pechamos o día co broche do visionado do filme. O que sempre dicimos recordando a Galeano: cousas pequenas, de xente pequena en lugares pequenos, facendo as súas pequenas achegas á educación.

Para quen queira aproveitar, os días 26 e 26 de decembro en Vigo, o 19 e 20 de xaneiro en Santiago de Compostela, máis información aquí.

estreno-documental-palabra-xusta-5_g
Faro de Vigo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s