Escolas de Barcelona (II). Escola Pompeu Fabra: aberta á sociedade

img_1238

Continuación de Escolas de Barcelona (I). Cando íamos pola rúa tratando de localizar a Escola Pompeu Fabra, preguntámoslle a varias persoas por onde ir e xa nos sorprendeu o comentario dunha muller que nos dixo que sabía dela porque tiña un “patio aberto” ao que de cando en vez levaba aos seus fillos, así, en efecto cando demos con ela, o primeiro que vimos foi unha grande pancarta que convidaba a entrar no patio, así como que era un centro sostible.

dscn4821

Nada máis entrar xa quedamos marabilladas pola vida que se vía: movemento, exposicións, información para as familias e alumnado; ao ver á súa directora, Leo Carbonell, corroboramos que o centro era o seu fiel reflexo e viceversa.

 Trátase dunha escola de infantil e primaria dunha liña, con máis de cincuenta anos de historia, malia que neste edificio levan tan só trece. Cóntannos en primeiro lugar como funciona o do patio aberto froito dunha colaboración municipal pola cal, tralo remate lectivo, o patio pode ser empregado como lugar de recreo pola veciñanza, polo que o concello ten asignado un monitor para velar polo correcto uso das instalacións tanto das exteriores como interiores, así a biblioteca, tamén baixo a supervisión dun monitor, utilízaa calquera neno/a para ler ou para facer os deberes. Asemade teñen establecidos convenios con entidades sen ánimo de lucro para a cesión de espazos (basket, ioga, acrobacias, danza, patinaxe…), por un alugueiro simbólico. Todo o recadado vai para unha bolsa para axuda á realización de saídas e colonias escolares para alumnado cuxas familias non teñen medios (nisto colaboran estreitamente con Servizos Sociais).

Aconsellárannos visitar esta escola porque dende hai moitos anos traballan por talleres, así foi das primeiras cuestións polas que preguntamos, polo que nos explicaron que ao ter xornada partida, lle dedicaban catro tardes semanais, deixando a mañá para todas esas actividades máis de grupo. Teñen cinco talleres nos que cada neno ou nena pasa unha semana en cada un:

Jugem: actividade física e/ou lúdica, xogo simbólico (a casiña é unha habitación perfectamente acondicionada na que xogan 5-6 nenos)

Parlem: desenvolvemento da expresión oral

Pensem: habilidades de pensamento

Descubrir: actividades científicas

Expresem: linguaxe plástico

Unha vez todos os nenos pasaron por todos os talleres, varíanse as propostas. Destacable tamén é que para o alumnado de 3 anos se contempla un tempo de descanso trala comida.

dscn4798

Canto á distribución do espazo, non sendo un centro de deseño espectacular nin concibido a priori, sorprende o aproveitamento que se fai del. Así salientamos:

Patio: ao que teñen acceso directo todas as aulas de infantil e no que fan dúas quendas de patio para evitar saturación de nenos (Infantil-1º,2º EP e máis tarde o resto dos niveis); conta con dous planos:

-zona de area, con todo tipo de xoguetes para amontoar, cavar, arrastrar ou montar construcións efémeras.

dscn4802

-zona de cemento: canchas, xogos de son, terraza con bancos no medio da horta, e no que mesmo se permiten un día á semana convertelo en patio con rodas (patíns, patinetes, triciclos e bicicletas).

Sumado a iso, hai recunchos como a zona chillout, rocódromo, xardín dos olores, etc.

Continuando a nosa visita polo centro, segue a sorprendernos  o uso racional do espazo e dos recursos, así hai unha zona onde se almacenan todos os recursos lúdicos/didácticos/educativos, para deste modo compartir entre as aulas e evitar a saturación nas mesmas. De igual modo, a aula de plástica a máis do espazo para a creación e exposición, hai unha zona de almacenaxe de todo tipo de materiais, perfectamente clasificados e organizados para que todo o profesorado do centro poida acceder a eles. Aquí cómpre salientar o rol do profesor de plástica, quen ademais é o coordinador da estética e das intervencións artísticas que se fan no centro; apúranse a puntualizar que non é un censor senón un orientador/asesor artístico, o que nós asimilamos de inmediato ao atellierista das escolas reggianas.

Visitamos tamén a aula de inglés e alí mantivemos unha interesante conversa sobre a decisión do centro de non introducir a lingua estranxeira na educación infantil, xa que logo argumentan que os pequenos teñen dabondo con consolidar as dúas linguas oficiais, sen contar con que hai nenos con outras linguas maternas. Esta medida cren que debidamente exposta ás familias é aceptada por todos ao marxe da presións social existente por meter todas as linguas imaxinables na educación infantil.

Dende logo foi moi acertada a recomendación de que visitaramos a Escola Pompeu Fabra malia que se tratou dunha visita moi breve puidemos palpar de inmediato que estabamos nun centro cunha traxectoria, cunha reflexión educativa e cunha postura clara sobre o prioritario e o secundario, como mostra abonda ler devagar a súa “Carta de compromiso educativo”; para tomar nota para os nosos centros.

Para afondar máis aconsellamos a visita ao web do centro.

dscn4824

Non nos queda máis que agradecer a Rosa Sensat que nos facilitaran a visita a estes dous centros, esperando que poidamos coñecer outras en vindeiras estancias en Barcelona.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s