Convidáronnos a participar nunha xornada dirixida ao alumnado de EI da Facultade de CCEE da Universidade da Coruña que neste momento está a realizar o Prácticum II. Malia o reticentes que somos a falar en público aceptamos porque, desde os inicios, un dos motivos de InnovArte é ser unha achega á formación do profesorado, tanto na inicial coma na permanente.
Pedírannos que faláramos do blog e que dedicáramos un pouco de tempo a expoñer a nosas visitas ás escolas italianas de Reggio Emilia, Pistoia e San Miniato, pero nós quixemos centrarnos nos fíos ou constantes que deberían estar sempre presentes nas aulas de infantil. Cremos que, nestes tempos nos que as experiencias escolares son coma estrelas fugaces no universo das redes sociais, cómpre recordalos xa que logo, moitas veces quedamos apampados coa súa orixinalidade ou coas imaxes das que se acompañan e, co seu resplandor, esquecémonos de preguntarnos para que se fan, por que xorden, que pretenden e a que se suman. Abondan experiencias pero fallan os discursos, as fundamentacións e a reflexión sobre a praxe educativa; así en máis das ocasións vense actuacións contraditorias. E isto é o que nós pensamos debíamos transmitirlle aos futuros mestres, ensinarlle a afondar máis alá da superficie, instalos a rascar o verniz “innovador”, novidoso ou de moda co que se adobían, indagando sobre a súa verdadeira esencia educativa.
Nós non é que teñamos a resposta, pero cando menos temos o hábito de analizarnos a nós mesmas, de cuestionarnos e de ser quen de reconducirnos para non desviarnos moito daquilo que cremos debe ser a escola infantil, do que debe estar presente na vida dos pequenos, e tamén de cal é o rol das mestras ou mestres sen confundilo con outros axentes, tamén educativos, pero non docentes.
Así que, a modo dos fíos cos que ao longo de tres anos imos tecendo un cobertor co que arroupamos a noso alumnado, hai uns eixos que constantemente aparecen en cada unha das nosas actuacións e que teñen que ver co espertar dos sentidos, co facelos conscientes do seu lugar no mundo, das súas medras, da percepción que os demais teñen deles, da súa capacidade de expresarse coas palabras, coa arte, cos xestos e coas súas accións. Cremos que pouco máis e pouco menos se pode esperar da función da escola infantil, sen embargo a día de hoxe estanse a esquecer a favor doutras cuestións que non son máis ca medios, non fins en si mesmas, caso por exemplo das tecnoloxías ou de programas de todo tipo: matemáticos, de lectura, de escrita ou das -omnipresentes e pesimamente traballadas- emocións.
Agradecemos que nos brindaran a oportunidade de expoñer o discurso InnovArte e valoramos moi positivamente a organización desta xornada no medio do período de prácticas escolares do alumnado, porque tal e como lle manifestábamos á súa responsable, é bo non perder de vista ao alumnado durante un cuadrimestre, hai que axudarlles a asimilar e interpretar o que están a vivir nas escolas facendo unha viaxe continua entre a teoría e a práctica.
Poida que as prácticas en centros sexan do máis determinante na configuración dos futuros mestres –abonda toda a literatura e investigación feita nese campo- e malia todo é algo que aínda non está totalmente coidado. Sábese ben da incidencia dun bo ou dun mal titor de prácticas na formación do estudante así como na dos mestres noveles e sen embargo desde as universidades non se establecen e aplican criterios rigorosos para a súa selección. O alumnado adoita facer a escolla por motivos que van desde a comodidade, a proximidade ou a amizade e iso ten tantas posibilidades de saír ben coma de saír mal. Lamentablemente, máis das veces, a sabedoría adquirida limítase a coñecer de primeira man os vicios que lastran a escola, as razóns do non por sistema ou o abismo entre o que debe ser e o que é. En moitas ocasións tamén se perde a comunicación cos titores da facultade ou limítase a un render contas do traballo a presentar sobre o desempeño na aula, que tamén, en moitas ocasións, é pura ficción porque non lles deixaron tocar pelota e foron convidados de pedra, meros observadores ou no peor dos casos, mandadeiros para manualidades. Mágoa de formación desaproveitada. Aínda nos queda moito por mellorar nese aspecto, pero é bo ir poñendo as primeiras pedras tal e como fixeron con esta xornada.
Vaian desde aquí o nosos agradecementos e parabéns xunto coas demandas da revisión das eivas do período de prácticas escolares dos mestres. É polo ben de todos, nomeadamente, polo ben da ensinanza.