Hai tempo que, por saúde profesional, deixamos de escoitar as noticias educativas que enchen torticeramente os medios de comunicación; tal e como adoitamos dicir sempre se quedan enredados nas mondas porque non teñen ningunha intención de chegar ao miolo do asunto, que dito sexa de paso, non lle interesa a ninguén dos que se dedican a pontificar nas tertulias ou nas columnas de opinión, os que por certo tampouco saben moito do que é estar minuto a minuto nas escolas. Facendo retrospectiva cremos que o noso punto de desconexión co fío da actualidade foi a raíz do debate arredor do “Libro blanco da educación”, logo para rematalo viñeron todos os discursos dos postulantes ao “Gran pacto educativo” cada un deles coa súa propia idea para redimir e salvar a nosa, segundo eles, maltreita educación e xa non puidemos aturar máis. Dende aquela iniciamos unha viaxe ao pasado pedagóxico, á lectura dos grandes da educación, dos que non twittean todos os días, agás cando alguén se acorda deles con motivo do aniversario do seu pasamento. Sorprende a súa contemporaneidade e a súa vixencia e preguntámonos porque ninguén recorre a eles, será que non dan conferencias TED (cómpre lembrar acrónimo de: tecnoloxía, entretemento, deseño).
Por que nos custará tanto aceptar o que está ben sen querer cambialo a cada golpe de vento; por que se ten sacralizado a innovación per se; innovar será incorporar melloras ao feito ou tirar por terra todo o que hai; cantos máis ensaios-erros teremos que soportar ata que alguén de decate de que a quen desgastan é aos que traballamos pola mellora da escola.
Tanta tecnoloxía, tanta nova materia, tantas emocións de colores, tanto emprendemento, tanto discurso van xa nos ten fartas.
Non sabemos ben, en calquera caso, nesta nosa cura pedagóxica sentímonos reconfortadas cando atopamos o libro “¿Qué educación queremos?” de Pilar Benejam publicado en Octaedro, que xa na súa introdución apunta:
“Hay que tener la humildad y el placer de aprender de quienes nos han precedido y partir de su discurso para repensar, reformular y mejorar aquellas ideas que han sido base y el fundamento de la educación que queremos. Si estas ideas fueran nuevas, no serían básicas. Basta ya de desorientar a los maestros pretendiendo empezar siempre de nuevo. Esta soberbia, compañera fiel de la ignorancia, es un pecado frecuente en el mundo de la educación, porque se declaran obsoletas algunas aportaciones sin haber agotado y, en ocasiones, sin haber estudiado sus posibilidades, ¡cómo si estuvieran de vuelta sin haberse ido! Los cambios deben basarse en una apreciación bien digerida de las aportaciones anteriores, aceptando que la experiencia futura siempre puede comportar cambios y mejoras.”
Xa desde o inicio a autora apunta o risco que corre por colocarse na marxinalidade de non seguir as consignas de moda, e deseguido vai debullando aspectos de suma relevancia educativa como son:
-As finalidades da educación
-Que se entende por coñecemento
-Que se entende por aprendizaxe
-As metodoloxías e a práctica docente
-Como ensinar
-Razón, emoción, valores e acción
-A avaliación entendida como unha pedagoxía
-A profesión docente e a formación do profesorado
Pilar Benejam expón e argumenta neste libro o seu pensamento e a súa práctica, ela que sempre levou con orgullo o de ser mestra, di que non hai mellor teoría ca unha boa práctica. Di que cando o escribiu xa cunha idade avanzada, faino desde o coñecemento, a serenidade e a benevolencia que dan a experiencia, a reflexión e a memoria.
Poida que sexa necesario que nestes momentos de incerteza se escoiten as voces de persoas con experiencia acreditada, falando da dignidade da profesión docente, da súa complexidade, das súas esixencias, da satisfacción de traballar con nenos, nenas e mozos e da responsabilidade social que representa.
Para ler devagariño.