Nun día no que xa se notaba unha clara diferenza coa estación que vimos de deixar, hoxe estreamos o outono cunha saída escolar ao Pazo do Faramello.
Ver ao noso alumnado comendo uvas da parra, recollendo castañas, escoitando o cantareiro río Tinto ao tempo que camiñaba pisando follas secas pola lendaria senda da Traslatio Xacobea flanqueada por árbores centenarias, poida que sexa deses recordos que todos gardamos na caixa do ben feito. Certamente foi un deses días cos que nos agasalla a vida nos que todo parece estar ben.
Chegar alí foi froito desas casualidades que ás veces se dan, coas que nos deixamos ir e das que logo dicimos que sorte tivemos. En verdade temos que recoñecer que nunca alí foramos malia que sempre acariñabamos esa posibilidade pola conexión literaria que lle sabiamos ao Pazo e polas fermosas fotografías que lle viamos en Facebook ao longo de todo o ciclo do ano, pero por unhas ou por outras nunca chegaramos ir.
No comezo deste curso, cando andabamos programando as actividades a desenvolver no nivel relacionadas cun proxecto sobre unha horta froiteira, apuntamos posibles saídas que o complementaran enriquecendo a bagaxe experiencial do noso alumnado, entre outras ao Pazo do Faramello. Así foi como contactamos co seu dono, quen, xa nese mesmo día, nos convidou a coñecelo. Como nos queda moi preto alá fomos, e cando volvemos sentíamos vergonza por non ter estado nunca alí gardando tanta historia de Galicia e tanta lección de natureza entre os seus muros. Pero aínda nos agardaba outra sorpresa, en terreos de libre acceso do Pazo, o seu dono, Gonzalo Rivero de Aguilar, creou o Xardín do Recordo, un memorial ás vítimas do accidente de Angrois, plantando unha árbore por cada un dos falecidos. Coa intención de seguir embelecendo este espazo para a memoria, díxonos que o único que lle pedía aos grupos de escolares era unha achega para mercar máis árbores e deste xeito manter vivo un espazo que nacera dunha desgraza pero que, agora coa colaboración de todos, podíase converter nun lugar fermoso para o esparexemento da xente.
É doado supoñer que saímos de alí, ilusionadas coa idea de levar aos nosos pequenos a coñecer o Pazo e de contribuír cunha árbore ao Xardín do Recordo. Dende aquela fomos perfilando o que queríamos facer -pois permiten adaptar a visita aos intereses dos grupos de alumnado-, e hoxe, malia todas as nosas conversas, decidimos que o mellor para os pequenos sería andar polo monte escoitando os paxaros, descubrindo cogomelos, recollendo castañas, ulindo o recendo fresco do outono, mirando as reviravoltas do río e cruzando de pontella en pontella sen présas e sen demasiadas consignas. Gozar sen máis, poida que aí radique o éxito da visita.
Para remate da xornada, merenda na campa en forma de lúa do Xardín do Recordo e plantación dun magnífico exemplar de Cercis siliquastrum, tamén chamada a árbore do amor pola forma de corazón das súas follas.
Por ser a primeira vez que acollían a un grupo tan numeroso de nenos tan pequenos, acompañáronos unha técnico experta en reforestación de bosques con especies autóctonas e unha coñecedora dos cogomelos. Mención aparte merece o acompañamento agarimoso e discreto dunha parella, pai e nai dunha moza vítima do accidente do Alvia, xente que aínda na súa dor sen consolo apoian a Gonzalo na labor de seguir adiante co Xardín do Recordo, porque agora serán fermosas árbores as que lle lembrarán aos seus seres queridos.
Para nós, estes días previos foron de preparativos para a visita aproveitando todo o que hai na rede para saber do que íamos ver no Pazo. Desde que entramos no web os nenos viron un dos sinais do Faramello, o Sol e a Lúa, seica tomados das orixes do seu fundador, e dende aquela xa deron en chamarlle o Pazo do Sol e da Lúa.
Cando xurdiu a cuestión de como manifestarlles agradecemento ao noso anfitrión e aos acompañantes, eles tivérono claro: un cadro e uns libros. O tema do cadro non puido ser outro ca unha árbore do amor a carón do río cun sol e cunha lúa. Houbo un serio debate na clase sobre si o cadro debería titularse “Xardín do Sol e da Lúa” ou “Xardín do Amor”, como nin votando lograbamos acalar aos que non quedaron contentos, tiramos polo medio e integramos os dous. Agora, tocaralle ao anfitrión vir buscalo á escola e amosarlle “a nosa casa” ao igual que el o fixo coa súa. Os libros tampouco admitiron dúbida “O home que plantaba árbores” de Jean Giono e “A árbore xenerosa” de Shel Silverstein.
“Xardín do Sol, da Lúa e do Amor”, xunto con “Yeats no Faramello” -un collage marabilloso creado pola especialista de inglés cos nenos e nenas da escola-, darán inicio a unha nova colección de arte no Pazo do Faramello.
Desde aquí non podemos máis ca instarvos a todos e todas á visita, e como non, agradecer o cariño, profesionalidade e atención que se lle dispensou hoxe ao noso alumnado no Pazo do Sol e da Lúa. Para eles que traballan coa arela de incidir na formación ecoloxista e medioambiental dos máis novos, dedicámoslle esta cita de R.L Stevenson:
“Non xulgues o día polos froitos que recolles senón polas sementes que plantaches.”