“Coas sobras fanse as festas” é un dito moi galego, especialmente referido á cociña, que nos vén a falar de que non se debe tirar nada, que todo se pode aproveitar e, con enxeño e creatividade, lograr creacións tanto máis ricas cás iniciais. Nós é algo que tentamos transmitirlle ao noso alumnado, coma unha das aprendizaxes máis importantes da etapa. Podemos incardinalo en consumo responsable, en sostibilidade, en creatividade ou no queiramos, do que se trata é de que comprendan que hai que explorar e esgotar todos os posibles usos dun material antes de desbotalo.
Agora, xa de cara ao remate de curso, andamos facendo limpeza e orde do material de clase. Así atopamos unha grande cantidade de anacos de ceras brandas que por pequenas xa non resultan cómodas para pintar. Entón decidimos darlle dous usos, así resultou “Ceras fundidas” e “Lenzos ao forno”, que podedes ver con máis detalle no blog de aula de 4 anos.
En Ceras fundidas, cadaquén fixo as combinacións que quixo para lograr esas cores que non hai nas caixas de ceras: un azul mar ou de ceo anubrado, un verde monte de toxos, ese vermello imposible, ou esa “cor carne/pel de verdade”, mesmo para peles escuras. Colocadas en moldes de silicona, metéronse por un breve tempo no forno, e logo deixáronse arrefriar no frigorífico ata o día seguinte. Agora darémoslle uso nos grandes murais ou carteis.
En lenzos ao forno, tratouse de colocar os anacos de cera sobre un lenzo que se introduciu no forno ata que comezaron a fundir, daquela, ou ben se lle deixou derreter ou se moveu para lograr outros efectos de movemento.
Cos de 5 anos seguimos outro procecemento: derretemos ao sol sobre o lenzo virutas de ceras das tonalidades dos ramos de flores cos que nos agasallan para así intentar plasmar todo ese abano de cores que nos brinda natureza e que é imposible pintar cunha única cor.