Namorados/as da irrelevancia

O pasado sábado 16 tivemos ocasión de escoitar a Catherine L´Ecuyer na Coruña, con motivo da celebración das Xornadas Infancia, asombro y educación, organizadas pola Fundación Barrié. Ante todo queremos dicir que o programa era magnífico, cheo de boa xente, amigos e amigas a quen todos coñecemos pola súa labor en prol da mellora da educación infantil,  nese sentido a Fundación actúa con moito criterio e sensibilidade, sendo receptiva a todo o que se “move” neste ámbito. Pero centrarémonos na exposición de Catherine L´Ecuyer a autora do bestseller educativo (xa é difícil que isto suceda no mundo editorial) “Educar en el asombro” e o máis recente “Educar en la realidad”  do que tamén falamos hai pouco.

Cando pensamos en escribir este post dubidamos se titulalo “Mestras con pel fina ou con pel de elefante”, facendo alusión a unha expresión dela para referirse á existencia ou non nas aulas de sensibilidade perante a beleza. Acabamos decantándonos por “Namorados da irrelevancia” porque esta afirmación tocounos a fibra, xa que logo, resume á perfección todo aquilo contra o que levamos seis cursos rebelándonos en InnovArte: a primacía das chorradas educativas sobre o verdadeiramente importante. Para nós foi absolutamente reconfortante ler as reflexións de L´Ecuyer, porque é coma cando unha se encontra de fronte con alguén que pensa de forma moi semellante, aínda en contra de toda a opinión imperante. Aquí tamén nos asalta unha dúbida sobre quen son as persoas que mercaron e leron os seus libros. De seguro que docentes ou familias. Se isto é así, como é posible que lean con fruición esta crítica sobre a praxe e as concepcións educativas das familias e logo que sigan a facer o mesmo. Será un acto de masoquismo?

En calquera caso, Catherine púxolle voz ao grito desesperado de moitas persoas pedindo un cambio de enfoque para centrar a atención no que realmente é importante na infancia, nas súa vivencias e na súa educación.

Como era de esperar, a imaxe, a súa presenza, a súa voz e o ton da súa exposición, correspóndese co seu discurso: serenidade, ausencia de adobíos innecesarios e intervención certeira, directa ao gran sen perderse en xiros, nin en vehemencias, nin en fogonazos. Vai a onde ten que ir. É unha magnífica comunicadora, pero non ao modo do que agora se estila, senón coma si se tratase dunha persoa que reflexiona e fala consigo mesma. O acompañamento audiovisual é perfectamente concordante con ela, sen alardes tecnolóxicos, sen cores rechamantes, sen exceso de mensaxes: unha imaxe ben elixida e un lema ou unha pregunta breve que anticipan ou complementan a súa intervención.

Dende logo, foi un auténtico pracer poder asistir á súa conferencia, que foi seguindo fielmente os puntos tratados no libro “Educar en el asombro”, así comeza preguntándose que é o asombro, as consecuencias da súa presenza ou ausencia no feito educativo. Fala longamente da mal entendida motivación, dos efectos da sobreestimulación, do consumismo, do efecto pantalla, da xeración Baby Einstein, do respecto polos ritmos e tempos, da redución da infancia e da hipereducación. Vainos levando da man ata presentarnos a Beleza e do drama da súa ausencia na educación. Ata que finalmente nos insta a desbotar todo o irrelevante para deixar libre o campo do relevante e así poder traballar nel con sensibilidade e sentido.

Se tivéramos que recoller aquí algunha cita dos seus libros veriámonos nun apuro, xa que logo todo canto di é digno de copiar, resaltar con negriña e fotocopialo ampliado para telo exposto nas salas de profesorado, nas entradas das escolas ou nas aulas.

Non podemos máis ca recomendar a lectura de “Educar en el asombro” e de “Educar en la realidad”, así como do seu blog Apego&Asombro, no que cunha certa periodicidade vai recollendo as súas reflexións ao fío das consultas que lle fan os lectores ou asistentes ás súas conferencias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s