É cousa sabida por todas as persoas que seguen Innovarte que non somos partidarias das celebracións ad hoc e fastos varios que se estilan con motivo do fomento dos Grandes Valores. Pola contra, nós sempre apostamos polo seu exercicio diario, visibilizando e pondo en valor eses pequenos xestos que constitúen a base real da educación en valores. Cremos máis na repercusión educativa da cotidianeidade dos pequenos xestos que na de festivais, manifestos, declaracións, exposicións, aplicacións informáticas, etc, etc sobre un ou outro valor), máxime tratándose das idades coas que nós traballamos.
Así, desde hai tempo imos anotando esas pequenas accións, que están nas súas mans, e que nos poden axudar a mellorar a convivencia, o medio e a vida en xeral. Chamámoslle “Cousas pequenas de xente pequena en lugares pequenos que poden cambiar o mundo”, nunha especie de homenaxe ao autor deste pensamento, o uruguaio Eduardo Galeano, quen hai pouco nos deixou. Con elas fixemos agora un cartel para telo ben visible e saber dos nosos pequenos logros. Poden parecer cousas insignificantes, nimias, banais ou nada orixinais, é posible, pero concordarán connosco en que moito cambiaría o mundo se todos as leváramos a cabo: apagar a luz da aula cando saímos, acender só os focos que precisamos, non abrir a billa con toda a presión, saudar ás persoas coas que nos cruzamos e desexarlles un bo día, sorrirlle ás que nos atopamos na rúa ou nas tendas, consolar aos que o precisan, axudar aos que non poden, alegrarnos e felicitar polas súas boas accións aos demais…
Ben sabemos que hai quen di que estas cousas teñen un “tufo rancio” e parecen remitir a outras épocas e outras escolas, é posible, pero as cousas boas que nos fan a vida máis agradable a todos non teñen porque desaparecer nin porque parecer anticuadas. Agora, os que queiran ser modernos que lle chamen como queiran, asertividade, empatía, habilidades sociais, competencias emocionais…, etc, etc, tanto nos dá como se lle chame si se levan a cabo. En calquera caso, non poden ser froito dun programa senón dunha vivencia real e constante (como protagonistas e como espectadores), verbalizando continuamente cada unha desas accións, no momento no que se realizan ou no que se incumpren.
Para nós, non hai mellor educación para o consumo responsable, que o aproveitamento e reutilización de recursos, o uso de materiais cotiás excedentes, e o exercicio da austeridade, entendida como menos é máis. Cremos que non hai mellor educación medioambiental, ecolóxica e na sostibilidade que o coidado do patrimonio natural espertando a admiración pola súa beleza e coñecendo os beneficios que nos produce. Pensamos que non hai mellor educación para paz e a xustiza que a solución razoada e xusta dos conflitos que xorden na clase, a satisfacción polo cultivo da amizade e do intercambio de pareceres e vivencias. Por suposto, todo isto sempre razoando e dando motivos polos que debemos comportarnos así, non porque vaian acadar un “premio”, senón porque é a única maneira posible de ser persoa. Nós, desde o inicio do ciclo co grupo, tratamos de facer partícipes ás familias, de modo que na casa tamén se salienten estas conquistas dos nenos e das nenas; pedímoslle que nos envíen notas con esas pequenas cousas feitas polos seus fillos/as que os fan sentirse orgullosos deles.
Agora se vai achegando o final con este grupo, quixemos facer unha fotografía na que se recollesen todas esas pequenas cousas de xente pequena que poden cambiar o mundo, para que a leven unha copia para as súas casas, e recorden que houbo uns anos nos que eses pequenos xestos que están nas súas mans, nos axudaron a todos a vivir máis felices. Esta será a imaxe central da composición de fotografías do grupo coa que pecharemos o ciclo.