Mercamos sen dubidar o segundo libro de Catherine L´Ecuyer, “Educar en la realidad”, coa seguridade de que sería tan enriquecedor coma “Educar en el asombro”. Certamente así é. Subliñamos cada parágrafo porque con todos eles nos sentíamos totalmente identificadas. Non ten desperdicio, paga a pena lelo mentres quedamos á espera de poder escoitala o vindeiro día 16 na Coruña, no marco das Xornadas de educación infantil de Educabarrié. Esperamos nos deixen asistir, pero cederiámoslle gustosamente o noso sitio a todos e todas as “abducidas polas tecnoloxías”, porque esta autora vén a botarlle un pouco de luz a todas eses mitos e falacias coas que nos queren engaiolar os que queren vender aparellos, ou os que traballan (mesmo sen sabelo) para eles.
Tal e como apunta no limiar o neuropediatra Juan Narbona, “L´Ecuyer realiza aquí un acertado análisis de los excesos derivados de una neurointoxicación de la psicología y de los procedimientos educativos apoyados en neuromitos, que no son sino una caricatura de lo que las neurociencias del desarrollo humano vienen ofreciendo. Así, la buena voluntad de los padres es manipulada al animarles al uso de dispositivos y programas informáticos “interactivos” que pueden, supuestamente, multiplicar de forma exponencial la inteligencia y saberes de los pequeños. Falta allí la acción del adulto que, bien conectado con la cabecita del niño (intersubjetividad), sabe dosificar y gestionar prudentemente lo que es apropiado en cada momento evolutivo para cada chaval.”
Tralo seu primeiro éxito editorial, esta avogada canadense afincada en Barcelona, nai de catro fillos, desmárcase da actual tendencia que casi sacraliza as tecnoloxías na educación das novas xeracións e postula a importancia de “educar na realidade”: no mundo actual, na beleza da realidade (contraposta á realidade virtual) e con realismo. Pregúntase como conciliar esas tres ideas “¿Cómo educar en el mundo actual, en la belleza de la realidad y teniendo en cuenta la naturaleza de nuestros hijos? ¿Qué lugar deben o pueden educar la NT en la búsqueda de la perfección de que la naturaleza de los niños y de los jóvenes es capaz?
Arranca expoñendo varios estudos nos que se constata que preto do 80% dos nenos e mozos do primeiro mundo pasan unha media de sete horas e pico perante as pantallas en modo multitarefa, así contestan watsApp mentres fan os deberes, xogan con videoconsolas e falan con amigos, e ven a televisión mentres cean. A primeira pregunta que nos facemos todos é como chegamos a este punto, en que se sustenta a permisividade dos pais/nais que desencadea esa situación? Pois, segundo a autora nunha serie de neuromitos que nos foron metendo polos ollos –malas e interesadas interpretacións- que proliferan e arraigan no ámbito familiar, educativo e social, creando falsas premisas sobre as que se constrúen modelos educativos que non teñen ningunha base científica e xerando unha oferta comercial cada vez máis ampla para eses produtos. Así vai analizando algúns dos máis estendidos como: que os nenos teñen unha intelixencia ilimitada, e tan só empregan o 10% do seu cerebro; ou que cada hemisferio cerebral é responsable dun estilo de aprendizaxe distinto; ou que un entorno enriquecido aumenta a capacidade do cerebro para aprender; ou que os tres primeiros anos son críticos para a aprendizaxe e polo tanto decisivos para o posterior desenvolvemento cognitivo.
De seguido vai debullando temas coma a pertinencia das pantallas na primeira infancia, se os nativos dixitais son unha “raza diferente”, fálanos da motivación, ou das vantaxes ou prexuízos da exposición temperá e prolongada as pantallas, para rematar afirmando que o que verdadeiramente importa na educación son as relacións interpersoais, o apego, a sensibilidade, a empatía, e o pensamento, algo que polo de agora non nos dan as tecnoloxías, emporiso debemos volver á realidade, a educar na realidade.
Con puntería de francotirador denuncia á imposibilidade de que se dean ese tipo de relacións entre os mediadores educativos e o alumnado en clases con ratios tan elevadas, pero que os centros e as familias prefiren escoitar que teñen aulas dixitais ca aulas de grupos reducidos. De igual modo, disecciona moitas desas aulas onde a tecnoloxía significa ter os cativos enchufados ás pantallas vendo películas comerciais, para logo ir para a casa con mochilas cargadas de deberes.
Altamente recomendable para profesorado e familias.
Para quen queira saber máis sobre ambas publicacións pode acceder ao web e blog de Catherine L´Ecuyer, Apego&asombro