O paso do tempo en infantil é algo que só se mide en grandes tramos: día-noite, onte-hoxe-mañá, dos meses ou dos días no calendario. Adoitamos dicir que aos cativos lles custa moito comprender o paso do tempo, así debemos facelos conscientes levando conta dos cambios estacionais na natureza e nas plantas, ou analizando as súas medras ao longo dos anos que permanecen con nós. Non consideramos a posibilidade de que entendan fraccións máis breves de tempo.
Pero ao longo do día empregamos e eles escóitannos expresións como “na próxima hora”, “en cinco minutos”, “faltan uns segundos” ou “vou nun minuto”…, así, desde a volta de Nadal introducimos na aula varios instrumentos para medir eses pequenos tempos: temporizadores, reloxos de area, de auga, de burbullas, analóxicos, dixitais e reloxos que proxectan a hora no teito, cos que controlamos eses pequenos tempos xeralmente en actividades rutineiras: o tempo que lles leva recoller, poñer o mandilón, esperar a que seque algo, recorrer o centro camiñando, etc.
Agora, co grupo de cinco anos, desde xaneiro, hai veces que comprobamos se diferentes reloxos miden o mesmo tempo: programamos temporizadores, poñemos en funcionamento cronómetros, iniciamos un reloxo de area, comprobamos as voltas do segundeiro nun reloxo de parede, etc. para medir unha mesma actividade.
Por suposto, non facemos isto por meter presa nas aulas pero si para que entendan a duración do tempo.