Como reflectir nunha pintura todas as cores da paisaxe primaveral, os cambiantes azuis do ceo, os milleiros de verdes dos montes, os amarelos dos toxos e das xestas que coma pingas salpican o verde, como pintar as etéreas flores rosáceas das espidas froiteiras que, cun refacho de vento, marchan voando coma pequenos papaventos …, como lograr plasmar nun cadro todo iso que ao lonxe parecen pequenas manchas de cor que se superpoñen, se mesturan e se resaltan?
O noso alumnado tentou facer unha representación da paisaxe que vemos a través dos ventanais, pero poida que polos materiais empregados –ceras, lapis de cor e rotuladores-, o resultado non os deixou moi satisfeitos, porque quedaba con cores moi planas, moi estáticas, non lograron plasmar toda a paleta de cromática que vían.
Así, ao día seguinte fixémoslle unha proposta, tentaríamos repetilo nun gran mural para logo expoñer nos corredores do centro ao igual que fixemos co verán e co outono 2014, así como co inverno 2015. En cada un deles empregáramos unha técnica distinta, e nesta ocasión quixemos facer unha intervención a medio camiño entre o artístico e o lúdico, de modo que lles dixemos que o pintaríamos cos pés e lanzando pintura, o que os deixou desconcertados e fascinados.
Cando chegaron pola mañá amosámoslle algunhas obras de pintores ligados ao movemento do puntillismo (divisionismo), e nese momento viron que iso era o que a eles lles gustaría plasmar: milleiros de cores que acaban dando forma a elementos que se integran na natureza. Pero xa de inmediato me dixeron que iso era moi difícil porque seica había que facelo coa punta dos dedos puntiño a puntiño, e nós tiñamos en mente o grande mural que acostumamos a preparar en cada cambio de estación para colgar no corredor; as dimensións son 200×180, tal e como amosamos aquí. Nese momento recordeilles que lles dixera que pintaríamos cos pés. Ante as súas observacións (mancharse, frío, non quedar forma de puntiños, etc.), engadín que non se descalzarían, daquela quedaron aínda máis desconcertados. Amoseille un rolo de plástico de burbullas e díxenlle que con iso lles faría unhas calzas coas que pintarían. Organizámonos por grupos, fixemos un esquema no encerado, dividimos zonas no mural (liña de terra-liña de ceo), “calzámonos”, collemos botes de témpera en cores básicos (verde, azul, amarelo, branco), estendemos o anaco de pano sobre o que pintaríamos (retallo de tela de cobertor branco moi groso e con relevo), e comezamos o chorreado de pintura para que a pisaran.
Comezamos polo ceo, que realizamos en tres grupos variando as cantidades de azuis e de branco, e logo con dous grupos fixemos o monte con verdes e amarelos. Rematamos con unhas porcións de témpera de purpurina para crear ese efecto da luz sobre as cousas. Estaban marabillados de como as súas pegadas creaban esas combinacións de cores e coa sensación que lles producía o plástico de burbullas.
Unha vez o puxemos vertical quedaron impresionados co efecto logrado, pensaron que xa podía quedar así, pero recordámoslle que aínda nos faltaban as árbores froiteiras coas súas flores voando polo ceo. Aí xurdiron moitos apuntamentos, habían quen suxería pintalas e poñer as flores de papel ou pintalas cun pincel. Retrucámoslle que iso non lograría o efecto “voador” que querían. Durante o recreo engadín unhas ramas de xesta que peguei ao tapiz con silicona, e á volta creamos tres tons diferentes que ían do branco roto ao rosa, como as flores das ameixeiras, das cerdeiras ou dos pexegueiros. Sobre elas chorreamos a pintura (dripping) con brochas grandes.
Agora quedamos absolutamente satisfeitos, tanto polo resultado coma polo proceso seguido, neste caso máis guiado ca noutras ocasións pero sempre suxerindo e incorporando as súas achegas.
Certamente, non é o noso obxectivo ensinarlle movementos pictóricos (ou perverter a idea pola que xurdiron) nin a copia de obras senlleiras, pero neste caso, consistiu en botar man da experiencia para solucionar “o noso problema”. E sobre todo, foi unha actividade divertida, diferente e enriquecedora.
O noso tapiz ficará pendurado ata que a inminente chegada do verán e os cambios da paisaxe nos pidan outra interpretación. Xa se verá.
![]() |
Tapís da primavera |