Un alumno que pasou a fin de semana en Portugal, trouxo como agasallo para a clase o típico galo portugués que cambia de cor segundo a humidade ambiental, de modo que fai unha certeira previsión meteorolóxica a curto prazo.
Ningún dos seus compañeiros e o compañeiras coñecían este recordo tan típico do país veciño, presente en case todas as casas galegas, nin por suposto a lenda que deu lugar a este souvenir tan representativo de Portugal. Así cando abrimos o paquete quedaron un pouco estrañados. Vimos que traía as explicacións en catro idiomas (español, portugués, inglés, francés), e atraídos polo texto onde dicía que cambiaba a 9 cores, puxémonos a ler. Así soubemos da lenda do galego que facendo o Camiño de Santiago foi acusado falsamente, e en presenza do xuíz dixo que para confirmar a súa inocencia o galo que estaban comendo cantaría cando o foran axustizar.
Xa de inmediato decidimos comprobar se era certo que cambiaba de cor. Ao pouco de abrir a bolsa na que viña, as alas e a cola do galo pasaron dunha cor gris violácea ao azul intenso (que seica é a cor que adopta cando se espera calor), pero o ceo, o día e a nosa estación meteorolóxica dicían outra cousa. Matinaron sobre o asunto e chegaron á conclusión de que o galo tiña que estar fóra, pois dentro da aula sempre fai calor. Así, durante o recreo levámolo ao exterior e a cor pasou ao violeta (anuncio de choivas). Visto isto, concluíron que o galo tiña que estar fóra, ao igual que o sensor exterior da pequena estación meteorolóxica que temos na clase. Onte e hoxe andivemos todo o día co galo para dentro e para fóra, para comprobar se era certo que dentro se enganaba coa temperatura da calefacción. Xa vimos que si. Agora as previsións e a cor do galo coinciden, así o puidemos comprobar en varias verificacións que facemos ao longo do día e que rexistramos nunha táboa comparativa.
Tan só nos queda por saber a razón pola que cambia de cor.
Fixemos indagacións na rede e lemos que se debe a un baño de un produto que lle aplican nesas zonas ao galo. Con todo, quixemos facer partícipes ás familias, polo que lles enviamos unha consulta con tres preguntas: se tiñan algún galo de Portugal nas casas; si sabían por que cambiaba de cor, e se o galo acertaba coas previsións do tempo.
Descubriron que en moitas casas, dos avós especialmente, había algún elemento no que estaba representado este popular símbolo portugués (mandís, pousavasos, trapos de cociña, manteis, reloxos e figuras de cerámica), e que se fiaban totalmente da cor do galo. O que ninguén nos dixo é porque logra cambiar de cor.
Así foi como grazas a un agasallo, fixemos unha pequena investigación que nos mantivo a todos entusiasmados.