A nosa achega á educación infantil

Aceite III: degustación de aceite e plantación de oliveiras bravas

In EncienciArte on 19/03/2015 at 14:50

No mes de outubro, a partir dunha rama de oliveira con olivas que leváramos á aula, iniciamos un traballo de coñecemento deste produto natural tan empregado e tan descoñecido para o alumnado. Daquela fixéramos unha labor de investigación, e mesmo detectivesca, buscando olivas nas oliveiras das rúas de O Milladoiro (ver Aceite I), tamén degustáramos o aceite e coñecéramos algunha preparación como o pan de aceite e olivas que elaboramos na clase (ver Aceite II).

Entre as nosas descubertas, tamén estaba a existencia da empresa Olei, sita a poucos metros do noso centro. Puxerámonos en contacto coa súa directora, María Estévez, quen se ofreceu para vir ao centro a facer uns obradoiros de degustación de aceite galego así como para plantar algúns exemplares desta variedade autóctona galega, a brava, xa coñecida desde o século XII.

Logo pasou o tempo, a climatoloxía non foi propicia para as plantacións e fómolo adiando ata a chegada da primavera.

Hoxe, finalmente, tivo lugar a tan esperada cata de aceite e plantación de oliveiras; pareceunos a mellor data e a mellor maneira de darlle entrada á nova estación.

En primeiro lugar e antes de nada, temos que agradecer a boa disposición de Olei que estaban tanto ou máis entusiasmadas ca nós pola realización desta experiencia. Para os nenos/as María Estévez xa era unha coñecida porque víramos en dúas ocasións o vídeo corporativo de Olei, no que se explica como nace o proxecto de recuperación da produción do aceite galego, e das súas pescudas que a levaron a rastrexar documentación ata atopar mencións ao aceite galego nas Cantigas de Afonso X O Sabio, en tradicións orais populares e nos escritos de Frei Martín Sarmiento. Fala tamén da existencia dunha variedade galega, a brava, que estivo a piques de desaparecer en tempos dos Reis Católicos, e que agora se foi recuperando, grazas a súa boa calidade e propiedades nutricionais.

Argallando a degustación nas aulas, María aconsellounos que o fixéramos con algo que podían consumir habitualmente tanto en almorzos coma en merendas, así decidímonos por probar o aceite con pan, con froita (mazá, melón, plátano e laranxa) e con chocolate; esta última era a aposta máis arriscada, coa que todos quedaban estrañados.

Cando chegaron esta mañá, traían unha presentación en ppt, na que nun intento de achegarse aos intereses dos cativos, falaban do aceite a través dunha personaxe, a Princesa Brava. A floración das oliveiras neste tempo de primavera tamén axudou a conducir o tema. Sabedoras trouxéronos estas citas:

“e irei pela marinha vendend’ azeit’ e farinha”. Cantigas de Escarnio. Alfonso X el Sabio.

“aceite, carne, pan, trigo e sal, mercadoría real” (Autor desconocido. S. XII)

En Galiza existen tres variedades de aceituna, a brava, a mansa e as de fora” (Frai Martín Sarmiento, S. XVII)

Chegado o momento da degustación, María e a súa compañeira Iria amosáronlle aos nenos/as como se facía nuns vasiños de cor azul coa boca estreita para así mellor apreciar o aroma. Dixéronos que hai aceites que dan aromas afroitados e outros ulían a herba cortada. Foi curioso porque había poucos días que saíran ao exterior do centro a ulir mentres os operarios do concello acondicionaban o céspede e daquela eu dixéralle que ese recendo era único, inconfundible e non se semellaba a ningún outro. Hoxe tivemos que admitir que hai outros elementos que tamén cheiran igual; o aceite Olei ule a herba acabada de cortar.

Logo pasamos á observación da súa cor, do tacto, e do padal. De inmediato empezamos coa degustación, que foi todo un éxito, ninguén se negou a probar e case todos quixeron repetir, sorprendéndose das combinacións que lles ofrecían. A de chocolate foi sensacional.

Facendo aínda máis mostra da súa xenerosidade, agasalláronnos cun mandil, que quedará na cociña da aula, e con pequenos envases de aceite en doses individuais para cada neno/a.

Ver presentación.

Degustación aceite

Para rematar, trala presentación e degustación en cada unha das catro unidades de cinco anos, saímos ao exterior para facer as plantacións de pequenas oliveiras bravas, ás que xa lle destinamos unha zona ben soleada á espera de que medren ata cando estes nenos traian ao centro aos seus fillos e mesmo aos netos. Esperemos que sexan respectadas, con tal motivo elaboramos un panel informativo en placa de policarbonato para que todo o mundo nos axude a levar a bo porto as oliveiras bravas. Neste panel explicamos a variedade e facemos mención á cita de Frei Martín Sarmiento.

Mentres pasaban polas outras aulas, o noso alumnado quixo facerlle unha tarxeta de agradecemento a María e a Iria, que podedes ver nesta presentación. Entregóuselle o agasallo xunto cunha cesta de camelias.

Ver presentación.

Debuxos Olei

Mil grazas a Olei, e a todas as persoas, empresas e negocios da localidade que se implican con nós na educación dos pequenos e pequenas de O Milladoiro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: