Na nosa biblioteca profesional teñen cabida temáticas moi diversas, agora ben, debemos confesar que os libros sobre a educación artística ocupan a parte máis extensa. Mercamos moitos, cada vez seleccionando máis, porque aínda que é un tema moi atractivo, detéctase de inmediato se o autor/a “fala de orella” ou se ten a bata manchada de pinturas. Neste caso, en primeiro lugar, seduciunos o título: “Tiene que llover al revés. Reflexiones de un maestro de plástica”. Tres claves: supoñemos que nos fala dun proxecto realizado; reivindica a figura do mestre de plástica; e recibiu o Premio de Pedagoxía Rosa Sensat no 2008. Non nos defraudou.
Lluís Vallvé Cordomí, o autor, é un mestre de educación visual e plástica que ao longo da súa vida profesional compaxinou a docencia e a formación, e iso nótase na maneira na que vai debullando no libro a súa experiencia ao tempo que relata os traballos plásticos co alumnado. Unha vez se remata a lectura, tense a sensación de que este home tocou todas as teclas da escola: didáctica, organización escolar, relación coas familias, co alumnado e cos compañeiros/as de profesión; dúbidas dos docentes; alianzas coa contorna; mesmo a incomprensión de cara a arte na escola por parte dalgunha persoa (inesquecible a anécdota co inspector que lle pregunta se non teme estar formando uns inadaptados por incidir tanto na creatividade; incrible pero sabemos que esa opinión non é exclusiva dese inspector).
Segundo o autor, “este libro que intenta mostrar los beneficios de la vivencia del arte, surge de la necesidad de poner orden en los propios pensamientos y en la propia práctica educativa, y de la necesidad de reflexionar sobre las ideas, convicciones e instituciones –todas ellas cambiantes- que me han ido sirviendo durante los últimos treinta años. Es fruto de la voluntad de sistematizar la experiencia que, como a tantos maestros, por un lado me pesa y se convierte en un lastre y, por otro, me proporciona alas para emprender con incertidumbre, pero con ilusión, nuevos caminos.”
Ao longo da súa exposición, en capítulos moi breves e con suxestivos títulos, podemos coñecer distintos proxectos realizados; así é un libro que se pode ler aos poucos, ou mellor dito, hai que lelo dun tirón e logo volver sobre el, para analizar máis devagar a experiencia e as reflexións coas que a acompaña. Mostra deses títulos de capítulos son: “¡Tienes los ojos en los dedos!”, “Puede ser abstracto”, “Deberes de vaciones”, “Desmontar con el lápiz”, ¡Yo no entiendo el arte!, “¡Parece fácil de hacer!”…, e así ata corenta máis. Desde aquí pódese acceder a un avance do libro.
Luís Vallvé Corominas, danos unha morea de ideas a elixir porque como el di, a clave está en elixir: “En la escuela tenemos que saber elegir pero sin llegar a colapsar a nuestros alumnos. Esa es la clave del éxito. Los maestros nos embarcamos a menudo en más aventuras de las que podemos abarcar, y lo que es peor aún, de las que nuestros alumnos pueden digerir.”
Non podemos máis ca recomendar a lectura deste magnífica “historia de vida profesional”, e agradecer ao autor que se tomara o traballo de facer un exercicio de memoria e de introspección para agasallarnos aos lectores co seu relato non só dun mestre de plástica, senón coas reflexións dun gran mestre.
Para rematar, tan só queremos facer unha observación, sabemos que para as editoriais fuxen de publicar en color este tipo de libros xa que logo, encareceríaos moito –é opinable, eu preferiría que non entrara na media de prezos habituais, pero que me permitiran gozar coas cores orixinais de cada proxecto en fotografías de bo tamaño-, pero e con todo, se toman esa opción, sería moi doado facilitar desde a web da editorial as imaxes. Teño por seguro que non habería ningunha traba nin por parte do autor nin por parte da editora, e así, os/as lectores/as poderíamos facernos unha idea máis real do traballo realizado co alumnado. Facernos idea dun proxecto cunha soa fotografía de pequeno tamaño en branco e negro, iso si que é apelar á nosa creatividade.
Lluís temos que confesarche que ao rematar o libro, démoslle a volta para ver a portada no outro sentido, e efectivamente, constatamos que ten que chover ao revés.