Onte asistimos á presentación do libro disco “Canta a lúa coas estrelas”, que contén algúns dos poemas de Rosalía Morlán musicados e na voz de Manoele de Felisa.
Cando chegamos e vimos o Teatro Principal de Compostela ateigado de xente de todas as idades e condición; cando escoitamos as palabras de presentación de Xosé Neira Vilas, de Valentín García, de Pilar Varela, deMaría Antón e da propia Rosalía Morlán; cando gozamos coas interpretacións de Manoele de Felisa e demais músicos; e cando, coma todo o público, tivemos a sensación de estar pasando unha moi boa tarde; daquela, pensamos na fórmula máxica para que isto se dea.
Estamos nun momento no que se publican libros disco coma rosquillas, todas as editoras teñen algunha colección con cancións infantís, nas que procuran mesturar na medida exacta texto, ilustración, música, valores, mensaxes positivas e chiscadelas para a infancia. Pero, coma na cociña, que se preparen coa cantidade xusta de ingredientes saudables, con produtos de tempada e coa cocción perfecta, non é garantía de que sexa un prato saboroso nin memorable.
Dicía onte Xosé Neira Vilas que “se ten ou non se ten”, e este proxecto ten. Ten a substancia do corazón, ten o cariño de Rosalía, ten a acollida de todas as persoas que lle queren ben (que son moitas porque ela é unha boa persoa e profesional), ten a fermosa voz de Manoele de Felisa, ten o acompañamento de músicos e voces de amigos, e ten as ilustracións de Isa Albela que lle dan un toque moi naif. Con todo, cando o collemos entre as mans, non temos a sensación de ver unha suma acertada de “nutrientes”, senón de que estamos perante un prato redondo, deses que levan o recendo da amizade, o color dos recordos e o sabor do cariño.
“A coitada lúa”, “Estrelas de azucre” e “O Castelo da Rocha Forte”, son poemarios que xa están na biblioteca de todos os centros de infantil, e temos a seguridade de que “Canta a lúa coas estrelas” os acompañará en breve, porque é a obra duns amigos que fitan as cousas con ollos de poetas:
Desexámoslle o mellor e dámoslle a grazas pola boa tarde que nos regalaron onte.
Nós tamén asistimos á presentación e pasámolo moi ben, non entanto, houbo un comentario da presentadora que non nos gustou e que ía dirixido a nós, os pais e nais. Viña a dicir que os pais tiñamos que ensinarlles aos nosos fillos/as a ser compracentes e agradecidos coas autoridades, porque o facían moi ben. Cando fixo este comentario diante dun teatro cheo de xente, o meu marido e máis eu mirámonos e puxemos cara de circunstancia. En fin, nós somos máis partidarios de educar as nosas fillas nunha postura crítica e máis coas autoridades porque, ao fin e ao cabo, son servidores/as públicos/as.
Gracias Silvia. Non podemos dicir nada ao respecto porque a verdade non o escoitamos e non sabemos en que términos se fixo. Sin embargo escoitamos que nalgún momento, alguén, non sei se Rosalía ou outra das persoas que falou, dixo que agradecía que se brindara o Teatro Principal para ese acto nun día tan significado. Un saúdo. Alegrámonos de que tamén che gustara o libro disco.