Seguimos falando dos participantes no encontro da I Rede Iberoamericana de Educación Infantil.
Blanca Elena Ibáñez de Martínez e Clara Ofelia Escobar Zacarías de Paraguai, son un claro exemplo da relación que debe darse entre a administración educativa e os encargados de executar os programas institucionais. Estas dúas amigas paraguaias levan a cabo iniciativas relacionadas coa mellora da educación á primeira infancia, enmarcadas no Plan Nacional de Desarrollo Integral de la Primera Infancia; Blanca desde o Ministerio coordina programas, participa nos procesos selectivos de docentes, nos desenvolvementos curriculares e nos pactos con outras institucións que tamén interveñen cos nenos e nenas; Clara, coa súa vitalidade e alegría, pon en marcha esas actuacións relacionadas coa formación de docentes ou de mediadores, empregando tanto a visita a distintos puntos da rexión, como a participación en programas de radio nos que proporcionan unha formación non formal de todas aquelas persoas que teñen entre as súas responsabilidades a crianza dos nenos e nenas.
Blanca e Clara, sen perder o entusiasmo e alegría coa que viaxan polo país, fálannos da situación dalgúns pequenos en Paraguai, aos que unha vez satisfeitas as súas necesidades máis básicas (alimentación e asistencia sanitaria), dinnos que deben suministrarlle “vacunas afectivas”, xa que logo, son moitos os pais que non saben manifestarlle o cariño aos seus fillos, así deben fortalecer o vínculo afectivo pais-fillos como unha labor educativa máis.
Ao igual que fixemos coas outras compañeiras falamos devagar sobre nenos sometidos a abuso e maltrato ou trato neglixente; de nenos vítimas de venda, trata, secuestro ou explotación sexual; de adopcións, condicións de vida, acceso ao benestar, e de servizos de apoio do Estado para a crianza. Así soubemos do Programa de Provisión de Útiles Escolares, e do Programa Abrazo unha iniciativa institucional para a diminución progresiva do traballo infantil que suma os compoñentes de rúa, familia, centros e redes de protección.
Adriana Luongo Tuso e Dorys Marlene Beloqui Seijas de Uruguay, dúas loitadoras polo empoderamento da, agora desacreditada, escola pública, dúas compañeiras que non se coñecían ata que se atoparon no aeroporto, e das que temos a seguridade fraguarán unha amizade de por vida. Adriana, directora dun xardín de infancia, o CAIF de Montevideo, muller feliz e agradecida do que a vida lle brinda cada día e Dorys unha educadora de xardín 0-3, o CAIF Garabatos de Flores.
O Plan CAIF (Centros de Atención a la Infancia y la Familia) é a Política Pública de Atención Integral á Primeira Infancia, de alianza entre o Estado (baixo a responsabilidade do INAU) e as Organizacións da Sociedad Civil. Ofrecen cobertura a máis de 47.000 nenos/as, distribuídos en 372 centros por todo o país nos que atenden tanto aos pequenos de 0 a 3 e ás súas familias
Cada Centro CAIF conta cun equipo de traballo interdisciplinario (dous mestres/as ou o licenciados/as especializados en educación inicial, un en cada quenda, un traballador/a social, un psicólogo/a, un psicomotricista, un coordinador de xestión, educadoras referentes de grupos, cociñeira y auxiliar de servizo responsable do funcionamento do mesmo, que se coordinan co equipo central do Plan CAIF nas diferentes disciplinas, garantindo así a calidade de atención para todos os seus usuarios. Nos CAIF desenvolven obradoiros semanais para nenos/as de 0 a 24 meses e para as súas familias. Estes espazos de interacción de persoas adultas con outros nenos facilitan vivir experiencias de aprendizaxe significativo brindando apoio ás familias para desenvolver as súas capacidades en prácticas de crianza, estimulación psicomotriz e hábitos de alimentación saudables. Asemade, ofrecen atención diaria para pequenos/as de 2 e 3 años con actividades dirixidas a potenciar o seu desenvolvemento global que se complementan con actividades para as familias.
Ver páxina web e acceso a todos os folletos e publicacións do CAIF.
Luisa Ramírez, de Toledo en España, directora da Escola Infantil Castilla la Mancha, unha muller encantadora que nos acolleu na escola co cariño que se recibe na propia casa, mostrándonos o seu bo facer, froito de moitos anos de traballo e de pequenas conquistas diarias. Desta escola falaremos máis de vagar noutra entrada dedicada ás visitas, pero non queremos deixar pasar ocasión de manifestarlle o noso agradecemento e pedirlle desculpas polos nervios lóxicos previos á visita na que tantas persoas expertas en educación e representantes da administración autonómica e estatal mirarán con lupa o alí realizado. O proxecto educativo “Biblioteca Escolar: Colorín” desta escola, foi seleccionado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para representar a España en Redes Iberoamericanas de innovación educativa. O seu proxecto de biblioteca escolar consiste nun plan de lectura para toda a comunidade educativa, ferramenta fundamental ao servizo dos nenos/as, cuxo obxectivo é favorecer o desenvolvemento de habilidades e competencias lingüísticas e lectoras do alumnado como base para a adquisición de coñecemento e aprendizaxe.
Ángeles Abelleira Bardanca de Galicia, coautora xunto coa súa irmán Isabel Abelleira Bardanca do blog InnovArte Educación Infantil, a experiencia seleccionada para representar a España no tramo 3-6 na I Rede Iberoamericana de Educación Infantil. De nós pouco que engadir ao xa dito neste blog ao longo de cinco anos, tan só dicir que defendemos o discurso InnovArte, coma un alegato a favor da infancia que se fai desde un país onde non se dan situacións tan dramáticas (ou nunha porcentaxe tan elevada) coma as expostas por outros países, malia todo, os nenos e nenas aquí tamén corren moitos riscos, entre eles o que nós denominamos “o rapto o espolio do patrimonio da infancia”que poderíamos resumir nos seguintes apartados e que son os que enchen os máis de mil post que contén o blog:
-no ámbito escolar: presión, falta de sosego, asignaturización, segmentación do tempo, sacralización da tecnoloxía e dos idiomas, prevalencia do congnitivo, fomento do consumismo, conversión das escolas en centros de día con microespacios en macrocentros supermasificados.
-no ámbito familiar: abuso/mal uso da conciliación, sobrecoidados vs. falta de atención, ausencia de referentes adultos, primacía dos “entretementos educativos” sobre o relacional, culpabilización dos nenos das problemáticas adultas.
-no ámbito social: sobreculturización da infancia, perversión da conciliación da vida escolar/familiar/laboral, clientelización a través dos nenos, marcaxe e medicalización da infancia, exceso de mercadotecnia educativa.
-no ámbito da cultura do lecer: exceso de “programación educativa”, mala consideración do tempo libre ou de descanso, primacía do tecnolóxico, anticipo de temáticas/problemáticas non propias da infancia (contranatura) na literatura, no cine e nas series (soidade, depresión, enfermidade, morte…).
-no ámbito da administración: esixencia semellante á doutros niveis educativos, asimilación a etapas superiores, anticipación curricular, sobreoferta descoordinada de actividades desde a administración local, asociacións, institucións e ONGs.
Trala exposición do “discurso InnovArte”, da concepción de infancia, de mestra, de escola e de formación do profesorado, pasamos á presentación da estrutura e contido do blog, así como do número e país de orixe dos nosos seguidores e visitantes, maioritariamente de toda América.
Certamente, foi un inmenso orgullo poder formar parte desta I Rede Iberoamericana de Educación Infantil coa humilde iniciativa de tan só dúas mestras de infantil. Esta foi unha desas sorpresas que se agochan nas reviravoltas da vida profesional. Grazas mil por contar con nós.
Esperamos que soubéramos dar conta das traxectorias e iniciativas educativas dos dez integrantes da Rede, xa que logo non é cousa doada, resumir aquí as súas historias de vida profesional.
Este balance non estaría completo sen mencionar a Belén de la Torre da OEI, a Beatriz Fernández, asesora do INTEF e a Mar Jiménez Xefa de Área de Formación e Relacións Institucionais do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, as tres sempre pendentes de nós, das nosas necesidades, da nosa comodidade e de facernos sentir xente importante. Isto pode parecer irrelevante, pero non é en absoluto banal. A meirande parte de nós somos persoas anónimas en todo o que é a rexión iberoamericana, pero ao longo de cinco días fixéronnos sentir que as nosas achegas eran moi válidas, e isto é algo que non esqueceremos nas nosas vidas, marcando un fito que determina un antes e un despois de Madrid. Grazas a todas elas e ás persoas que nos permitiron as visitas e as recepcións das que fomos obxecto. Lembrarémonos de todos eles, con especial afecto para Paco o condutor do autobús no que fixemos os desprazamentos, outra das persoas ás que se lle nota que ama o seu traballo.
Agora, nas vindeiras entradas, falaremos das visitas e actividades desenvolvidas ao longo de cinco días en Madrid.