I Rede Iberoamericana de Educación Infantil (2): integrantes

Seguimos relatando o encontro no que participamos nos pasados días en Madrid.

Colombia, El Salvador, España, Paraguai, Uruguai, son os cinco países que foron escollidos a través da OEI para participar nesta I Rede Iberoamericana de Educación Infantil, en función das peticións priorizadas que estableceron canto ás temáticas propostas: educación inicial, educación inclusiva e tecnoloxías educativas. De cada un dos países enviaron a dúas persoas, seleccionadas pola súa participación en programas relacionados coa atención á infancia. O procedemento de escolma foi establecido polas respectivas oficinas nacionais da OEI, así en España abriuse unha convocatoria a través da cal cada Comunidade Autónoma presentaba as súas candidaturas para a posterior valoración por parte do persoal do Ministerio de Educación Cultura e Deporte e da OEI, aplicando un baremo no que se computaba tanto a relevancia da experiencia, os premios recibidos, así como as publicacións sobre a mesma. Para representar ao noso país escolmouse a Escola Infantil Castilla la Mancha de Toledo, polo ciclo 0-3, e InnovArte Educación Infantil polo tramo 3-6. Nos outros catro países as formas e criterios de selección foron diversos, agora ben, visto xa con retrospectiva, cremos que totalmente acertados. O primeiro día, e aínda coñecendo moi por riba as diferentes iniciativas, tiñamos por certo que estabamos entre os mellores, entre auténticos heroes e heroínas da educación infantil. Calquera dos que tivemos a honra de coñecer a Diego, Mónica, José Salvador, Silvia, Dorys, Adriana, Blanca, Clara e Luísa, sabemos que foron a mellor mostra do bo que se está a facer nos seus países pola mellora da calidade de vida da infancia. De seguro que haberá centos, milleiros de persoas coma eles, coma nós, que tamén merecerían formar parte desta Rede, iso pensabámolo todos xa que logo nos considerábamos uns privilexiados por ter a fortuna de estar alí. Nunca se sabe que é o que nos leva a estar nun sitio nun momento, azar, destino, oportunidade…, cadaquén atribuirállelo ao que considere, pero, certamente foi unha ocasión única e inesquecible para todos nós. Grazas a quen o fixo posible e nos permitiu coñecer a:

Diego Alexander Enríquez Cajigas de Putumayo en Colombia. A Diego sempre o recordaremos coma un mozo licenciado en Filosofía, cunha sólida formación teórica e coa realización dun traballo a pé de obra que poucos de nós seríamos quen de resistir. Se nós viaxamos a diario nun coche para ir aos nosos postos, Diego faino en canoa ou en moto polas trochas do Putumayo, a porta da Amazonia colombiana (como di el, sempre polas máis anchas para non acabar en sitios indesexados), atopándose a case a cotío coas guerrillas, cos campesiños que son desafiuzados dos seus campos de cultivo por non ter papeis que lle acrediten a propiedade fronte ás grandes multinacionais, vendo os nocivos efectos na saúde dos nenos da aplicación de glifosatos para o exterminio das plantacións de coca, e loitando contra o “destino” dos nenos nas guerrillas e das nenas en casamentos concertados con homes que lles dobran ou triplican a idade. Neste panorama el fala da resiliencia, que é a “arma” coa que loita a súa organización, a Fundación Fraternidad, unha entidade privada que basea o seu traballo social na nenez e mocidade do Putumayo, tratando de crear ambiente saudables, harmónicos e prósperos a través de programas de saúde, educación e de xeración de ingresos dirixidos a familias vulnerables que habitan na rexión amazónica. Ver vídeo institucional.

Este home o os seus compañeiros/as da Fundación Fraternidad, desenvolven unha estratexia nacional chamada “De cero a siempre”, porque xa comezan con nais xestantes no traballo de restitución dos dereitos que lles son negados, crendo que estas accións lles deixarán unha pegada para o resto das súas vidas. Cren que a educación é a única posibilidade de salvación dun pobo sempre maltratado. Así, sen horarios -debido á singularidade da poboación á que atenden-, sen locais –chozas, eiras, casas-, realizan encontros educativos grupais, nos que forman aos adultos como mediadores ou educadores familiares que serán os encargados de transmitirlle á comunidade suxestións sobre a mellora das condicións de vida no fogar, sobre a atención ás crianzas, así como de inculcarlles a idea de que os nenos son suxeitos de dereitos non obxecto deses dereitos.

Como cando escoitamos algo sempre tratamos de establecer comparanzas co que nos é coñecido, eu, cando Diego contaba a súa labor, pensaba no noso querido programa de Preescolar na Casa, agás que neste caso se desenvolve na selva.

Mónica Ordoñez Mora de Cali en Colombia, quen tamén quedará no recordo de todos os participantes pola súa capacidade de sobrepoñerse a un dramático golpe do destino no seu primeiro día de estancia en España. Aí é onde se nota que son xente dunha pasta especial; calquera outro no seu lugar abateríase, pero ela non, antepuxo o profesional ao persoal, pensando que non podía nin debía desaproveitar esta oportunidade que lle brindara a OEI para dar a coñecer a labor que desenvolve a Fundación Dar Amor-Fundamor, na que traballa e que viña a sumarse a toda unha traxectoria de recoñecementos, nacionais, europeos e internacionais. Un caso máis de resiliencia.

Fundamor é unha organización non gubernamental con sé na cidade de Cali, con máis de 21 anos de experiencia en intervención social dirixida a máis de 80.000 persoas, beneficiadas a través dos seus programas e servizos dirixidos a poboacións en situación de vulnerabilidade en todo o país, incluíndo a máis de 560 nenos e mozos afectados polo VIH/SIDA procedentes de todas as rexións de Colombia. Nos seus inicios, no 1992, comezaron atendendo a persoas adultas, e máis tarde reorientaron as súas actuacións cara unha crecente poboación de nenos e nenas que naceron co virus, dando así lugar á creación dun modelo de atención en saúde, educación, acollida e protección, contribuíndo a incrementar a expectativa de vida esperada para eles, e logrando ademais a inclusión social á que teñen dereito como cidadáns.

Ao tempo, Fundamor, tamén estableceu como estratexia de intervención a prevención e sensibilización fronte ao VIH/SIDA, incluíndo programas dirixidos a todas as idades, xerando coñecemento e valor engadido que se traduce en capacitación, vídeos, metodoloxías, ferramentas de apoio e publicacións ao servizo da comunidade.

Mónica traballa no Centro de Desarrollo Infantil “Semillas de Amor”, un centro terapéutico preescolar que fai unha “inclusión á inversa”con 160 nenos/as de Jamundí e do Val de Lili, e no que contan con 15 espazos de aprendizaxe significativos, cada un deles cunha función dirixida a un momento específico no desenvolvemento dos nenos, sendo o rol da mestra o de propiciadora das aprendizaxes e da participación dos menores seguindo os pasos de motivación, acordos, actividade, peche e avaliación. Os devanditos espazos de aprendizaxe son: casa das bonecas, maxia musical, aldea da paz, malabares, parque, xogando e aprendendo, pequenos lectores, exploradores, mundo máxico, mans creativas, horta, pensadores, a casa da ledicia, grandes científicos, e construtores.

Neste momento, Fundamor, está embarcada no proxecto de construción da Ecoaldea Madivá, un espazo máis de aprendizaxe e de inclusión para dar Amor.

Silvia Rebeca Ramos de Caprile e José Salvador Alvarenga Rivera da Universidade Gerardo Barrios de El Salvador. Dous profesores universitarios que neste momento están botando a andar un máster, a Maestría en Educación integral a la primera infancia, que se enmarca entre as accións prioritarias de El Salvador para a “Política nacional y modelo de educación para el desarrollo integral para la primera infancia”. Eles veñen dun país que está tentando pechar as feridas abertas tras máis de dez anos de guerra; un lugar onde a xente está afeita a ver a crueldade dos sanguinarios mareros e a extorsión das maras; un sitio cunhas problemáticas sociais como as que deseguido se apuntan segundo os datos do propio Ministerio de Educación: 3 de cada 10 feminicidios son nenas menores de 18 anos, o inicio da vida sexual nas nenas é aos 10 anos, 8 de cada 10 violacións é contra as nenas sendo o 75% as mans dos seus familiares. Así, tal e como apuntaba Silvia, fíxose preciso un Pacto pola educación da infancia no que participan todas as institucións nacionais relacionadas coa infancia para camiñar dun xeito coordinado unindo sinerxías.

Silvia que participou no traballo desa Comisión estatal, falaba con ilusión de que se colocou á infancia no centro de todas as actuacións sanitarias, asistenciais, educativas e familiares, tanto a nivel nacional, rexional ou local, así se crearon os Comités locales de Promoción de Derechos de la infancia, últimos garantes da atención aos nenos e nenas.

Eles dous, Silvia e José Salvador, saben que indubidablemente, calquera cambio educativo ten que pasar pola mellora da selección e formación do profesorado, a máis da oferta do que denominan “la malla curricular” e de modelos ou exemplificacións didácticas que lle dean corpo ao discurso curricular.Un dos pasos iniciais foi o establecemento do Plan de Estudios para o Profesorado y Licenciatura  de Educación Inicial y Parvularia a través do Acordo Nº. 15-1043 no que se establece o Perfil do profesorado, definindo competencias canto ao que deben coñecer, facer (coa infancia, coa familia, coa comunidade) e como deben ser e convivir.

Todos os que os escoitamos, sabemos que con persoas coma eles, comprometidas coa educación, é posible que chegue a bo porto este ilusionado cambio no que están a traballar.

Seguir lendo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s