Nestas datas recuperamos un clásico musical sempre presente nas propostas didácticas de infantil para o Entroido, a peza de Camille Saint-Saëns “O Carnaval dos animais”, agora editado nun libro disco por Kalandraka, acompañado das magníficas ilustracións do portugués João Vaz de Carvalho.
Este libro foi presentado no pasado mes de abril na XIV Campaña de Animación á Lectura do concello de Santiago, e con tal motivo, o editor, o ilustrador e o responsable da selección musical, José Antonio Abad falaron arredor da sensibilización musical dos máis cativos. Daquela, o pedagogo, psicólogo e responsable de diversos proxectos educativos relacionados coa música, José Antonio Abad, expuxo a importancia clave da acertada selección de pezas para inculcarlle aos nenos o gusto e sensibilidade musical. El parte sempre da premisa que “escoitar sen entender, aburre aos nenos”, así trata de buscar aquelas pezas que máis se presten para seren comprendidas polos máis pequenos. Asemade, considera que escoitar con afecto, a afectividade auditiva, é o único xeito de que a música xere unha sensibilidade.
Certamente, con este libro é moi doado que os nenos e nenas comprendan como descorre esta “broma musical”, que foi presentada en París, no Martes de Entroido de 1886, na que galiñas, tartarugas, canguros, burros e outros animais acoden á festa do rei, o león. Unha suite musical con 14 movementos nos que se distinguen á perfección os animais que os protagonizan, así gustan dela porque son capaces de entender as diferenzas de ritmo e de instrumentación empregada.
Premendo aquí pódese ver un avance do libro.