A nosa achega á educación infantil

Mestras insolidarias coas mulleres?

In ReflexionArte on 26/01/2015 at 08:19

Chema Madoz

Na fin de semana tivemos ocasión de falar devagar cunha amiga mestra á que levábamos tempo sen ver, así démoslle un repaso ás nosas vidas e puxémonos ao día canto ás inquedanzas profesionais. Ela que é mestra de infantil desde hai case trinta anos, díxonos que estaba vendo unha precarización na nosa profesión e unhas reclamacións sociais sobre a escola que mesmo a estaban preocupando por todo o que levaban consigo.

Contounos que días atrás unha nai acusouna de insolidaria coas mulleres porque tivo que chamala para cambiar ao fillo que se mexara; xa por teléfono lle dixo que acababa de conseguir un traballo tras un longo período de paro e que, así de boas a primeiras, non podía dicirlle á súa empregadora que tiña que saír para mudar ao fillo no cole, xa que logo se arriscaba a que a botaran á rúa. A nosa amiga seica aínda quedou con mala conciencia, pero para ela o debate sobre o mudarlle a roupa aos nenos nas escolas non ten cabida. Ela que empezou a traballar cando preescolar era 4-6 anos, esas cuestións eran feitos illados e a ninguén se lle pasaba pola cabeza que unha mestra lle cambiara os cueiros aos cativos; logo, polas demandas, meteron a calzador aos de 3 anos nas escolas de segundo ciclo, respondendo máis ás presións sociais que a unha división acorde coa evolutiva dos nenos/as. Daquela, as esixencias sobre as mestras de infantil víronse incrementadas con esa petición que rexurde cada comezo de curso.

Á nosa amiga quedoulle a acusación rebulindo na cabeza, non porque queira mudar cativos, senón porque habería que pensar noutra solución. Duroulle ata que foi buscar comprensión noutra nai, neste caso unha muller profesora universitaria, sempre á defensa dos dereitos sociais, feminista, militante en grupos de esquerda, etc, quen lle dixo que ela nunca entendera que a chamaran da escola para mudar as nenas, que parecía mentira que fixeran iso, cando a mestra tamén as curaba cando levaban un golpe, asoáballes os mocos e consolábaas cando choraban. Ela, á súa maneira, e desde o seu punto de vista, tamén a acusou de insolidaria. Non soubo que dicirlle, agás preguntarlle que facía ela polos seus alumnos, máis alá do estritamente académico.

Preguntábanos esta mestra si se nos verá como insolidarias, agora que hai tanto engano canto á liberación das mulleres;  cando os medios de comunicación non fan máis ca mostrarnos a mulleres que acadan postos de poder que se gaban de poder simultanear a carreira profesional e familiar, saltando do paritorio ao despacho dinamitando o que foron conquistas históricas nos dereitos laborais das mulleres. Seremos nós insolidarias cando se poñen todos os medios para que os nenos pequenos estean máis horas confinados nos centros ca os presos de réxime aberto. Seremos nós insolidarias cando ata as empresas de pro, para favorecer o desenvolvemento profesional das mulleres, se ofrecen a financiarlle a conxelación de óvulos para cando teñan tempo de ser nais. Seremos nós insolidarias cando as mulleres con medios buscan nais de día como alternativa para o coidado das súas crianzas. Seremos nós insolidarias cando hai mulleres que por non poder cumprir cos requirimentos do coidado dos fillos adoptan bebés reborn, para así darse o gusto de ser nais sen asumir as responsabilidades que supón telos e sen prexudicar aos pequenos.

Será que as mestras en troques de ocuparnos da educación dos pequenos teremos que asumir o seu coidado para que así as nosas conxéneres poidan ter unha vida profesional plena.

Que é ser nai hoxe, que é ser muller profesional, que é a conciliación, que é a crianza de fillos…

A nosa amiga quedou matinando sobre a acusación de insolidaridade coas mulleres e a nós deixounos coa cabeza quente sobre as supostas conquistas femininas no mundo de hoxe.

Advertisements
  1. Sobre esta cuestión de si as mestras de infantil temos que asumir o papel de coidadoras hai moitas opinións. Pero estou case segura que si en vez de chamarte Ángeles te chamaras Angel, as nais non se plantearían que lles cambiases os cueiros as súas fillas, porque eu desde logo non cambio cueiro ao meu alumnado. So una pregunta, se a nai acaba de incorporarse ao mundo laboral, non pode o pai cambiar cueiros?

    • Totalmente de acordo contigo María. Canto ao do pai, xa sodes moitas as que me preguntades o mesmo, eu tamén llelo preguntei á miña amiga. Non, non había pai, razón pola que a mestra quedou con mal corpo, malia todas as súas conviccións e principios profesionais. Ela ben sabe que non é a súa tarefa, tampouco a dun médico empurrar pola camilla, ou dárllela papa na boca aos enfermos. Tamén supoño que a outra muller, a profe universitaria, nai de tres fillas, se algunha se dedicase á docencia, teño por seguro que non querería que asumira tarefas que non lle son propias, nin por formación, nin por oposición, nin por contrato.

  2. É un tema que ten moitos matices. Entendo e concordo con que o labor do mestre ou mestra non é cambiar nenos que mexan por eles, que non poden desatender vinte e pico para asear a un… pero a vida tamén se sae moitas veces do papel. Se eu son mestra e sei que hai alguén na casa dese neno ou nena para que poida acudir axiña, non dubido en chamar. Se sei que con ese feito precarizo ou empeoro aínda un pouco máis a súa vida (da que non lle teño a culpa, obviamente), se cadra, actúo doutro xeito e fago de tripas corazón. Tería que verme no caso, opinar en teoría é moi fácil, seino.
    Eu agradecín cando a lei de murphy fixo que nos pillase a pai e nai na cochinchina por unhas horas e unha das miñas fillas mexou por ela, que o seu mestre lle axudase a ir sacando a súa roupiña e a poñer outra. Mal que ben, que me chamara para dicirme que ía vir para a casa feita un entroido e cheirando a pis foi preferible a un preséntate no centro agora mesmo, porque nos sería imposible e só nos xeraría unha ansiedade máis (engadida á que xa levas contigo cando sabes que estás “vendido”). Considereino un enorme favor persoal que non tiña por que facer.
    Algunhas das cuestións abordádelas moi ben no post. As familias moitas veces non teñen opcións, é así, coñezo xente que fai auténticos malabares para conciliar (e non por vicio, nin por acumular riquezas, nin por triunfar socialmente) e coñezo xente que pasa un pouco máis de todo. Supoño que pagan uns polos outros na percepción que se ten de que se usa a etapa de infantil como “gardanenos”.
    A solución é difícil e complexa, pois á parte de dotar de recursos racionais e pertinentes esta etapa, que inda sen ser obrigatoria se percibe como tal socialmente, tería que deixar de ser mal visto que un pai ou unha nai dixese no seu traballo: teño que saír, o meu fillo caeu no patio, ou mexou por el, ou tópase mal… e que iso non resultase un problema, ou non implicase represalias ou penalizacións.
    Tristemente, non acontece así, así que entendo a frustración e a rabia da nai ao pensar que ata “as iguais” lle poñen pedras no camiño (aínda que non sexa así, eu non o vexo así) e entendo que a mestra non poida ir cedendo parcelas, porque xa sabemos que hoxe cedes ata aquí, e mañá telo que facer ata máis alá.
    De calquera xeito, parabéns por expoñer o tema, é interesante que se escoiten opinións desde todos os ámbitos, pois sobre este tema é habitual saber o que opinan pais e nais, pero poucas veces existe a oportunidade de coñecer a opinión de mestres e mestras de maneira sincera e franca.
    Un saúdo

    • Grazas Luz pola túa achega sempre con talante enriquecedor. Todas sabemos o que facemos, porque ante todo queremos aos nenos e non queremos que estean incómodos nin que sexan postos en evidencia, así que solucións sempre se buscan. O que non se atura e que haxa quen pense que é a nosa obriga, máxime cando ese comentario vén dunha colega, como é no caso da nosa amiga, porque por moi profesora universitaria que sexa é unha docente coma nós e nós coma ela. Agora ben, este é un deses temas arredor do que hai moito secretismo, pero con todo hai que falalo desde o punto de vista dos nenos, das familias, da escola e da medra e benestar da infancia. Un saúdo e ata máis ver.

  3. Uns pensando na mestra, outros pensando na nai,e quen pensa nese neno?, mestras insolidarias coas mulleres??? eu penso que iso é ser insolidaria coa infancia, que non entende de conflictos laborais, e que non entende das funcións exclusivas dos mestres.De nada vale ser unha boa profesional se deixas un neno mollado tanto tempo mentras chamas e solucionas que veñan a cambialo.Cando se trata da infancia a mensaxe non pode ser deixo a un neno mollado porque non vou asumir tarefas que non me son propias.

  4. Veo que incluís un post en el blog sobre Maria Montessori. No imagino que leyese con agrado lo que se habla aquí sobre el respeto que hay que tener hacia el maestro, hacia su honorabilidad, hacia su buen hacer. Y del niño cuándo se habla.
    Entiendo que los comentarios que unos y otros vierten sobre la profesión pueden ser de mejor o peor hechura, pero el núcleo del problema es lo que me duele más.
    Soy directora de una escuela infantil, sí eso que llama la gente guardería… aunque puedo presumir de que es una de las mejores escuelas infantiles que conozco, y nos encontramos con el otro problema, con el niño que está aprendiendo a controlar su cuerpo, a conocerse y a vivir.
    Objetivos como fomentar la autonomía del niño está integrado en el curriculum de ed.infantil ¿creéis que llamar a casa para que le cambien no es ir en contra de este objetivo?.
    Os invito a visitar una escuela infantil,… son muchos los profesionales que nos visitan habitualmente, incluso alumnos de la facultad de educación están haciendo las prácticas aquí y en otras escuelas. Pasad una jornada y ved nuestro trabajo…
    Os adjunto un enlace a nuestro blog para que leáis una entrada sobre el tema y un artículo de Cristobal Gómez Mayorga sobre el particular.
    http://periodicos.edu.coruna.es/eimacaracola/

    • En efecto Beatriz, nós tamén visitamos a Escola A Caracola e quedamos impresionadas polo traballo que alí desenvolvedes. Por suposto non a concebimos como unha gardería, que habelas hainas, malia que leven a nomenclatura de EEI. Admiramos os servizos cos que contades, entre outras profesionais, as coidadoras que permiten cambiar aos nenos e nenas, de seguro con máis frecuencia e celeridade que o que fan moitas familias que deixan as criaturas sen cambiar por longos períodos, ou non?, e tamén veredes que moitas por comodidade, adían o de ir quitándolle os cueiros aos nenos, ao igual que o fan cos biberóns e como outros cuidados que son máis “cómodos” que pasar o traballo de inculcar autonomía.
      O que dicíamos, reproducindo o que nos contaba a nosa amiga, é que cando introduciron aos nenos de 3 anos en 2º ciclo, ninguén pensou en dotar as escolas con coidadoras, agás nos casos de a.n.e.e.. E malia todo non se preocupan de meter 25, 26, e ata 27 criaturas nunha aula, cando moitas delas non cumpriron aínda os 3 anos.
      Esa era a reclamación da nosa amiga e que nós compartimos.
      Así, hai centros nos que ben por inicativa dos concellos, ben pola da ANPA buscaron solucións que non pasen porque a mestra teña que mudalos.
      Non sei si non soubemos expresalo (supoñemos que non, a tenor das opinións recibidas) que terxiversaron a defensa do benestar dos nenos e a converteron nunha loita entre mestras que cambian, nais que reclaman que o fagan, e as que non.
      InnovArte sempre ten no seu foco de mira o benestar dos nenos e nenas e por suposto a dignificación do traballo das docentes, e unha cousa non ten porque ir en contra da outra, ou non? E iso sei, e ti tamén, que nas escolas italianas tanto montessorianas como as reggianas é algo que teñen moi presente. Aquí non, e iso é o que defendemos e mantemos diante de quen sexa.
      Grazas pola túa opinión e parabéns de novo polo traballo

  5. Dignificación do traballo dos docentes??Coidadoras nas escolas de 0-3 anos que permiten cambiar aos nenos e nenas?En que escola?A propia educadora é a responsable de ditos cambios,nos mellores dos casos coa axuda dun apoio. Eu penso que non coñeces moi a fondo o traballo das escolas infantís do 0-3, que no último curso para poder acceder ao cole de maiores o control de esfínteres dos 20 nenos de cada aula si sería unha loita a debatir entre todos.
    Pero non vou mal encamiñada se me atrevo a dicir que que nas vosas aulas de 25, 26, e ata 27 criaturas por aula, pode haber dous ou tres nenos que en algunha ocasión se lle escape o pis ao longo do curso…non penso que sexa algo tan grave para debatir, o que dicía anteriormente, é ser insolidario coa infancia.
    De seguro que estaríamos de acordo en moitas outras protestas, nesta non.
    Eu tamén os convido a coñecer escolas do 0-3, eu son maestra nunha. Grazas.
    Ángela

  6. E digo eu, por qué nón se chama a os pais???

    2015-01-26 8:19 GMT+01:00 “InnovArte Educación Infantil” :

    > Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira posted: ” Na fin de semana > tivemos ocasión de falar devagar cunha amiga mestra á que levábamos tempo > sen ver, así démoslle un repaso ás nosas vidas e puxémonos ao día canto ás > inquedanzas profesionais. Ela que é mestra de infantil desde hai case > trinta anos, díxo”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: