Desde que nos agasallaron con “O paraugas dameaugas”, estabamos desexando facer algo con el na clase, pero tivemos que esperarlle o seu momento, a que viñera a choiva. A semana pasada chegou, cansou e aburriu, de modo que aos dous días xa renegábamos dela. A choiva é un fastío, por moi melancólica e chea de lirismo que veña, na escola é unha amoladura. O trimestre pasado ben se notou, tanto no rendemento coma no comportamento dos cativos, que puideran saír todos os días ao patio. Pero a choiva ten que vir no seu tempo e por riba é moi necesaria; isto é o que tratamos de facerlle ver ao noso alumnado botando man de “O paraugas dameaugas”. de Anxo Moure e Cristina Ouro, publicado en Urco.
Unha sinxela historia moi na liña das de Anxo Moure, un discurso na defensa do noso patrimonio, natural, cultural e pola lingua galega. Con dous poemas para deprender e logo repetir a berros (como a el lle gusta), xunto coa mensaxe de que a choiva é portadora de moitos bens: cultura, contos, cantos, caricias, abrazos, poesía, palabras… Pouco máis se pode pedir se isto se acompaña dunhas suxestivas ilustracións.
Os nenos e nenas debaixo do Paraugas dameaugas que elaboramos na clase, mesmo parece que fan rogativas á choiva, repetindo unha pregaria:
“Dáme augas, dáme augas.
co cantar das túas bágoas
enche ríos, enche fontes
cando esvares polos montes.”
Logo quixeron compartir cos compañeiros/as do centro “A carta dos bosques á nube Cristina”, polo que a reproducimos nun grande mural á vista de todos, acompañadas de unha exposición de diferentes representacións da choiva.
“Chove nube chove para que se apaguen os lumes.
Chove nube chove para que beban os pobres.
Chove nube chove para que bailen os ríos.
Chove nube chove para que nazan as flores.”
Para o que mostramos nestas fotografías, non tivemos máis ca deixarnos levar polo que nos inspiraron as ilustracións de Cristina Ouro, pero nesta ocasión e a partires deste libro, nós, ademais, pretendíamos traballar dous obxectivos: valorar a importancia da choiva para a vida e o medio -algo que xa nos vén servido no conto-, e coñecer diversas técnicas pictóricas para a representación da choiva.
O pasado curso, e debido ao prolongado período –outonal, invernal e primaveral- de choivas, xa fixéramos moitas representacións plásticas das distintas formas e modos de chover, pero agora queríamos ir máis aló, porque pintar a choiva entraña bastante dificultade, de non se que nos quedemos con modos moi básicos. Buscamos información na rede e alí atopamos varias posibilidades que ían desde poñer acuarela aínda húmida baixo a choiva, deixar caer gotas de cera dunha vela sobre un soporte e logo pintar enriba ou trazar gotas con cera branca e logo cubrir con pintura. Probámolas todas, e a terceira é a que máis nos gustou. Así, foi a elixida para ilustrar o poema que todos/as levarían para as súas casas. Parecíalles algo máxico que non se notara cando aplicábamos cera branda branca sobre o papel e ver como logo nese punto “repelía” a acuarela, quedando algo moi semellante á choiva.
Agora, tras unha semana traballando co conto, ven e valoran doutro xeito a choiva, seguen a considérana molesta e inoportuna para as súas actividades, pero necesaria para a vida das persoas, animais, plantas e para o medio.
![]() |
Paraugas dameaugas |