Medindo o tempo (I): almanaques

Aproveitando o inicio de ano e un agasallo clásico nestas datas (os almanaques), quixemos ampliar o noso coñecemento sobre estes recursos para medir o transcurso do tempo.

Á volta das vacacións de Nadal pedímoslle ao noso alumnado almanaques de todo tipo: de mesa, de parede ou de peto. Así xuntamos preto de trinta variantes: grandes, pequenos, de faldilla, de mesa e/ou parede.

Poderíamos asegurar que en todas as aulas de infantil hai algún panel de control dos días da semana, dos meses, da climatoloxía, das estacións, lectivos e festivos, mesmo se pode atopar algún almanaque, pero prefírense empregar eses outros –máis infantís, comerciais ou de elaboración propia- , pero nós neste caso, e dado que estamos con alumnado que neste ano fai 6 anos, quixemos ir un pouco máis alá.

Nun primeiro momento dedicámonos a ver as variantes que nos trouxeran e a cantidade de información que conteñen amais da información tabular de días ou meses. Velaquí algunhas das curiosidades que puidemos observar e sobre as que conversamos:

-Formato: de peto, de parede, de mesa, de taco, de parede/mesa.

-Presentación: Horizontais ou verticais con todos os meses á vista, por semestres, por cuatrimestres, por trimestres, por bimestres ou dunha folla por mes, neste caso podendo ser en táboa ou en columna.

-Diferenzas de cor nos días laborables, festivos, celebracións. Nalgúns só empregan dúas cores e noutros tres ou máis.

-A numeración dos meses (1-12), das semanas (1-53), dos días (1-365). Modo de expresar unha data: 1-1-2015, 01/01/2015; 01-I-2015 (meses en nº romanos); 1 de xaneiro de 2015; Luns, 1 de xaneiro de 2015.

-A forma de organizar os días (en galego, castelán, inglés ou bilingües), con letra inicial, abreviatura ou nome completo. Aquí como curiosidade destacamos que os calendarios en case todos os países comezan no luns, agás nos anglosaxóns que o fan en domingo, algo que comprobamos recitando algunhas cancións sobre dos días da semana, nunha ou noutra lingua. Existencia de un espazo para anotacións (diaria, semanal, mensual). A curiosidade de por que nalgúns casos, ao remate de mes poden aparecer dúas datas nun mesmo cadro 23/30.

-Presenza de símbolos: das fases lunares (ao carón do día correspondente ou na cabeceira/pé de folla); das estacións (os máis habituais estrelas de xeo, flores, soles e follas). Destaque de datas sinaladas con símbolos: Día de Reis (os 3 reis), Día dos Namorados (cun corazón), días do cambio de hora (cun reloxo que atrasa ou adianta 1 hora), día da entrada das estacións…

-Información adicional: santoral, refráns, proverbios, ditos… e outros en función de si se trata de calendarios relixiosos, agrícolas, laborais ou escolares.

-Outros: lemas como 2015 ano da luz ou mensaxes como “No me tires, recíclame” ou mapas cos prefixos provinciais…

Esta comparativa deunos para moitos máis temas como a relación entre as ilustracións, imaxes ou símbolos cos promotores do calendario (panaderías, supermercados, peixerías), así como a información que conteñen relativa a eses establecementos (nome, enderezo, teléfonos, web, RRSS, etc).

Unha vez vistos e analizados enviámolos de novo para as casas para que así coas súas familias puideran personalizalos marcando no calendario aquelas datas significativas para eles.

Agora témolos todos colgados na aula, á vista e alcance dos nenos, de modo que cada día, cando fagamos a rutina de poñer a data, cadaquén poderá facer unha achega enriquecedora para todos. Ao remate de cada mes, uns pasarán páxina, outros arrincarán unha folla e outros non, pero será unha boa ocasión para ver a diversidade e variedade existente sobre unha mesma idea.

Ver presentación

Almanaques

Os almanaques que inicialmente tiñan o propósito de aportar información sobre as estacións e o clima, hoxe en día son moito máis, e están presentes en case todos os espazos nos que hai actividade, de modo que consideramos necesario introducir ao alumnado na súa interpretación e comprensión, algo que vai máis alá da mera consignación diaria da data.

O traballo cos almanaques vai dar moito de si, sen esquecernos doutras variantes máis modernas, como un electrónico que temos na aula; nin doutros máis artísticos como os que nos presentan en Pinzellades al Mon; nin tampouco do fermoso “Almanaque musical” de Antonio Rubio e David Pintor publicado en Kalandraka.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s