Nos días de Nadal chegounos a noticia do pasamento de Manuel Pazos Crespo, máis coñecido como Coque o asesor do CFR da Coruña. Deixounos ben entristecidas porque era desas persoas, mestres, aos que aínda que só vexas unha vez na túa vida quedan para sempre no recordo. Un exemplo de persoa vitalista, entusiasta e coa capacidade de transmitir coñecemento “serio” con alegría.
No momento, botei a vista atrás e recordei como coñecín a Coque. Foi no 2001, cando aprobei o concurso para cubrir a praza de asesora de formación no CFR de Pontevedra. Daquela, e previo ao desempeño, recibíamos unha xornada formativa para a inmersión no mundo do asesoramento ao profesorado, e con tal motivo, presentábannos a persoas que desempeñaban diversas funcións nas estruturas de formación, entre outras -nas que se nos falaba desde a administración, universidade ou a dirección do CFR, e que nos facían caer na conta daquilo no que nos estábamos metendo-, e case para rematar, dábannos ocasión de coñecer a un asesor en exercicio, Coque era o escollido. Certamente era unha escolla ben feita, porque tras dous días medio intimidados e dubidando sobre si seríamos quen de levar a cabo aquilo que nos dicían, chegaba Coque e facíanos sentir ganas de botarnos aos centros levando a “boa nova”, a formación, a todos os recunchos dos centros educativos.
Coque era un crack (lin a posteriori a entrada no blog do seu fillo e pareceume curioso que os dous coincidíramos nesa palabra para definir ao pai). Si o pillaran estes tempos de agora, dirían del que era un coach, mesmo daría conferencias en TED, ou podería levar un programa televisivo no que se mostrara como facía o asesoramento a grupos de profesorado, ou como divulgaba con alegría outra das súas grandes paixóns, o ensino das matemáticas. E isto, se ben noutros casos pode ser pexorativo, no caso de Coque é todo o contrario: habería que gravalo e reproducir cada unha das súas intervencións porque de todas elas, sempre, sempre, se tiraba proveito, dá o mesmo que fose con mestres, con asesores, con nenos ou con mozos. Era único, transmitía ilusión por aprender, polo traballo ben feito e pola mellora da educación.
Con todo, non queremos esquecer que era tamén moi coñecido por ser un dos dinamizadores do Rebumbio Matemático, colaborador de AGAPEMA, difusor do Proxecto Sur en Galicia, membro de asociacións matemáticas…, e non se sabe de cantas cousas máis porque el sempre tiña tempo e un sorriso para todo aquel que lle pedía colaboración.
Andando no tempo, tiven a fortuna de coincidir con el en xornadas, encontros formativos ou comisións. Recordo unha delas en especial, na que nos reuniran a varios asesores para redactar un regulamento das estruturas de formación do profesorado; nese documento final deberíamos deixar por escrito cales serían as funcións e modos de proceder en todas as situacións formativas. Coque co seu talante falangueiro sempre nos dicía que un asesor/a non só era o que lle levaba a auga ao conferenciante nos cursos, pero con todo, tampouco debería esquecerse da auga. El cría na figura do asesor acompañante dun proceso de cambio cara a mellora, emporiso renegaba dos asesores burócratas, tecnócratas, xestores dun servizo, e non se cansaba de recordárnolo tanto cos seus argumentos coma co seu exemplo.
Foi un loitador pola renovación do ensino. Era desas primeiras fornadas de asesores que foron seleccionados para formar parte dos, daquela, CEFOCOPs, é dicir, no mellor momento da formación do profesorado en servizo en Galicia e no resto do estado. Esa xente sentou as bases do que logo tivo épocas douradas e máis tarde, horas baixas. Pasou por todos os avatares lexislativos de modo que foi desde asesor técnico, asesor especialista, asesor xeralista, asesor de ámbito ou asesor de área. Dá o mesmo, porque quen vale, vale, e Coque valía baixo calquera epígrafe; era un gran mestre, e sendo un gran mestre pódese ser un gran asesor. En calquera dos dous casos hai que ter paixón polo traballo, coñecemento, saber estar, habilidades sociais e comunicativas, e sobre todo respecto e confianza na capacidade de cambio dos nenos/as ou dos docentes. Coque quería ao profesorado e o profesorado quería a Coque, así que, agora con el, apágase un facho de ilusión que alumeou en moitos centros de Galicia.
Outra das cousas que sempre repetía Coque era que en todo aquilo que escribimos -malia que non o pretendamos-, hai moito de autobiográfico, mesmo aínda que sexa na redacción dunha normativa; nalgunha ocasión debatín con el sobre isto, pero agora, non me queda outra ca dárllela razón. Así quixemos dedicarlle esta entrada en InnovArte porque para quen non tivo a fortuna de coñecelo é bo que saiban del, e para os que o coñeceron, coincidirán con nós en que falando de Coque estamos a falar da formación do profesorado galego, no pasado, no presente e no futuro: como era, como é e como debería ser sen perder nunca o contacto directo co profesorado, tomándolle o pulso aos centros, sen desconectar endexamais do alumnado.
Das fotografías que atopamos na rede, quixemos quedarnos con esta que el mesmo puxera no seu perfil de Twitter, porque, con gratitude, así o recordaremos sempre: alegre, vital e cos brazos abertos.