
Achegándonos cara o remate do ano, é case un ritual facer balance do acontecido neste período, e en poucas ou en ningunha ocasión anterior pode ser tan negativo. Xa é imposible recordar as noticias malas coas que nos bombardearon os medios de comunicación. Poucos “mitos” nos quedan en pé. Xa non se sabe quen é bo e quen un interesado, parece que ninguén se move polo ben alleo e da sociedade. Dá a impresión de que vivimos nun mundo de egoístas, cobizosos, avariciosos, mentireiros, corruptos, desvergoñados, descarados e inmorais. Pero isto non é máis ca o que nos queren facer ver. Pode ser que o que nos venderon coma ídolos teñen todos os pés de barro, pero isto non é máis ca froito desa ilusión óptica e da materia coa que a construíron. Talvez sigue habendo xente boa, a mesma ca o pasado ano e que o anterior e o anterior. Habela haina, pero esas boas persoas e as súas boas accións nunca ocuparon nin ocupan espazo nos medios, nin nos xornais, nin nas redes, nin na radio, nin na televisión, pero, con todo, existen; o que pasa é que a ninguén lle interesa salientar o bo traballo, as boas accións, a boa xente. O que vende é o mal, o negativo, enchendo de pesimismo o mundo, contaminando o presente, o futuro e tamén o pasado. Agora que tantos protocolos se asinan para loitar contra a contaminación e o feísmo, deberan facerse tratados nos que se prohibira este tipo de contaminación. Que resolvan os delitos onde teñen que resolverse e que nos deixen tranquilos aos que nada temos que ver.
Parece mentira, pero a sensación de porcallada, de sucidade non se queda só onde a hai senón que se estende a todos os ámbitos, facendo que todos nos miremos mal entre nós. Todo se converteu no plató dun reallity show. Agora, perante calquera actuación, mesmo as casuais ou non intencionadas, xa lle aplicamos o filtro da presenza de bacterias de maldade.
Emporiso, e de cara ao ano que en breve comezaremos, pediríamos que manteñan a porcallada lonxe. Que non nos contaminen co pesimismo.
Hai poucos días, buscando entre os meus libros, atopei un de Luís Rojas Marcos que merquei anos atrás, titulado “La fuerza del optimismo”. Recordei que deixara unha páxina marcada na que este psiquiatra, argumentando o poder do optimismo. Contaba que a NASA, para a selección dos seus astronautas empregaba como criterio a capacidade de optimismo.
“La NASA, que elige con exquisito cuidado a los candidatos a astronautas, aparte de valorar su preparación científica y experiencia aeronáutica, considera entre las características personales más deseables el talante optimista. Esta disposición positiva debe reflejarse en una abundante dosis de confianza en sí mismos y en la mentalización de que su suerte está en sus manos; en un espíritu emprendedor y una actitud audaz y al mismo tiempo serena ante los desconocidos retos e imponderables; en una buena disposición para convivir y trabajar en equipo; en la habilidad para resistir el aburrimiento, la soledad y la incertidumbre; y en la aptitud para compartir la duda y el miedo.”
Daquela parecérame incrible que en algo que supoñía de extremado control da especialidade e competencia técnica, se tivera en conta esa calidade tan humana e persoal. Asemade, pensara que non sería un mal criterio para a selección dos e das docentes, porque o optimismo –e o pesimismo- é contaxioso, transmisible e educable. E a verdade é que hai escolas nas que abundan máis os/as pesimistas ca os optimistas, e a nosa infancia e mocidade precisan coñecemento pero, tamén, e por riba de todo, alegría e optimismo. Laiámonos de que os mozos de agora son uns descridos, como non o van ser se fomos os adultos os que nos encargamos de ensinarlles a mirar a maldade e o interese en troques de salientar a bondade, a xenerosidade e o altruísmo. En que poden crer eles, se a nosa xeración foi a encargada de “sacar todo á luz”, desmitificándoo todo e amosándolle a vida en cru.
Nunca aturei o dito de que un optimista é un pesimista mal informado; un pesimista é un cinsento, nin máis nin menos; un gafe que atrae aquilo no que pensa. Pódese estar informado e, con todo, tratar de manter unha realista actitude vital de esperanza nas persoas e na sociedade. Emporiso, como peche do ano, pedimos que no 2015 poidamos cambiar un pouco a nosa mirada negativa e sandar o noso optimismo, tendo como obxectivo a procura da alegría propia e allea.
Boa entrada de ano para todas e todos.
Vosotras y vuestro blog sois una dosis de optimismo para los que andamos queriendo que esto se transforme. Un abrazo y buena vida.
Benqueridos, vós, os amigos e amigas de InnovArte, sodes os que nos dades azos e optimismo a nós. Grazas por estar aí. Unha aperta ben forte e que o 2015 nos traiga ocasións nas que partillar xuntos, virtual ou presencialmente.
Neste fin de ano non queria deixar pasar a ocasión de agradecervos todas as reflexións que me aportades. Resulta moi enriquecedor a lectura e seguimento do voso blog. Desexo para o 2015 para tod@s optimismo e ilusión que considero imprescindible na nosa profesión. Bo ano 2015!.