A nosa achega á educación infantil

Ensinantes: motivacións e desmotivacións

In RebelArte on 31/10/2014 at 08:49

Eucaliptos arcoiris

Hoxe, Día do Ensino en Galicia, as redes sociais e medios encheranse de vídeos, artigos, citas, poemas e proclamas sobre os/as docentes e o labor que desempeñan na sociedade, mesmo se buscarán as opinións e recordos escolares de xente famosa, famosilla ou popular. Todo moi bonito se fose sempre así, pero a verdade é que os restantes 364 días do ano o que se fai é darlle leña ao profesorado. Explícita ou implicitamente, esta segunda é case a peor forma de facelo porque é a que ten máis calado social, tamén é a máis habitual e na que ata participamos os propios ensinantes difundindo as críticas a través das redes coma se non fose con nós porque nola presentan en bonitos e modernos “envoltorios”.

Vexamos algún exemplo.

Nos últimos tempos hai unha tendencia a desmitificar os “síndromes” que se inventaron e que encheron milleiros de páxinas ou de consultas de especialistas, nomeadamente, hiperactividade, TDAH. Agora xa din que é unha invención, que o que realmente lle acontece a estes cativos é que “se aburren na escola”. Certamente coincidimos coas dúas afirmacións, agora ben, debemos culpar aos mestres de que non saiban espertar a cada vez máis hedonista e esquiva curiosidade dos nenos, ou deberíamos preguntarnos que é o que virou a escola aburrida. Podería ser que non somos quen de superar a sobreestimulación que reciben a toda hora con chutes varios de ludiactividades antes e despois do horario escolar, na rúa, nos centros comerciais, nas festas temáticas ou nos aniversarios. Todo é unha romaría, viven montados nunha montaña rusa que cada vez ten que ter reviravoltas máis excitantes porque a todo se acaba acostumando un. Non estou negando que haxa escolas e aulas nas que os pequenos se aburren de pura necesidade, que habelas hailas. Agora ben, a pregunta é se temos que competir ou se temos que contrarrestar toda esa foliada. Hai quen xa optou pola primeira posibilidade, abonda botarlle unha ollada aos centros nestes días e temos mestras bruxas, feiticeiras, animadoras do medo, facedoras de manualidades ad hoc para o SamaínHalloween; as escolas como parques temáticos de aventura e da animación. Como dicía é unha opción. A outra é manter a escola como un espazo de aprendizaxe de vida e de serenidade; isto pode ser aburrido, por suposto nunca tan vistoso e aplaudido coma o outro, ata pode correrse o risco de parecer aburrida.

Daquela e volvendo ao punto inicial, preguntariámoslle en primeiro lugar aos felices predicadores “antisíndromes” (case ningún deles con experiencia docente en escolas) que entenden por aburrimento, cal sería o antídoto e se certamente cren que é culpa dos docentes, ou será da sociedade en xeral e das leis do mercado en concreto.

Pero o dano xa está feito, a descalificación dos ensinantes e do ensino xa pulula polas redes en formatos coma TED (tecnoloxía, entretemento e deseño) -máis do mesmo-, pílulas excitantes que provocan euforia superficial e escaso análise real, no caso que nos ocupa, a educación, especialmente centradas en “motivación” e “creatividade”. Entretemento sen límites.

Outro exemplo de descalificación implícita é o que supoñen as utilizacións interesadas das avaliacións de culto como PISA. Agora tamén xa se empezan a escoitar moitas voces críticas non unicamente procedentes do lado dos ensinantes, pero o mal xa está feito. En calquera tertulia de mediopelo, en calquera tema de mediopelo, bótanlle a culpa de calquera mal ao sistema educativo, a escola e aos ensinantes; e para que ninguén pense que é un opinador de mediopelo, menciona os resultados de PISA (que nin os coñece nin sabe en que consiste e pobre del como lle aplicaran as probas) e xa queda coma un tipo/a ilustrado. Vaia, pois nestas andamos! A credibilidade dos ensinantes posta en tela de xuízo por xentiña desta pelaxe.

Ben, pois entre outras moitas, isto é ao que me refiro cando digo que fóra do día de hoxe a veda contra os ensinantes está aberta sen ningún tipo de limitación, agás para uns poucos que sempre, en calquera momento, se lembran do moito ben que lle fixeron os ensinantes.

Emporiso pediría que quen así pense, por respecto ao ensino, aos ensinantes e a nós mesmos non comparta pavadas nin parvadas. Iso si que sería unha homenaxe á nosa labor, porque o resto non fai máis que desmotivar aos que nos dedicamos a educar.

Advertisements
  1. Thanks for share! Very interesting! Belén Otero, psicopedagoga

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: